Monthly Archives: Novembro 2010

Transición: As renuncias da esquerda

A oposición á ditadura entregoulles a Suárez e ao Rei, ao centro-dereita e á burguesía, en definitiva, o mando do proceso de reforma política, analizando a partir do verán de 1976 a fortaleza do segundo goberno da monarquía restaurada de xeito tan errado como antes observou unha debilidade absoluta e unha total falta de apoios sociais no sistema político da ditadura. Naquel momento do proceso, unha vez que fracasa o goberno Arias-Fraga, o reformismo áchase en crise e é incapaz de levar adiante o seu proxecto sen a axuda da oposición. Porén, Suárez conseguiu convencer a toda a sociedade española, comezando polos partidos da esquerda, de que a súa reforma era o único camiño posible.

Rafael del Águila afirma que “sendo demasiado débiles tanto rupturistas como reformistas por si sós para vencer e para convencer, necesitaban o un do outro, engadindo que a cambio de que se lles permitise participar nas eleccións convocadas polos reformistas», os rupturistas debían garantir a paz social e política e controlar as bases, moderar as súas posicións, aprazar ou esquecer certas reivindicacións, e chegar a pactos de estado. Mentres Kissinger foi secretario de Estado as previsións eran que o PCE permanecese ilegalizado até que as forzas de esquerda moderada ocupasen ese espazo político, pero coa elección de Carter en 1976, ofrecéuselle á dirección comunista un acordo no que o PCE debía renunciar ao seu programa de ruptura democrática. Finalmente, a oposición abandonou moitas das súas reivindicacións económicas progresistas en aras da paz social e o acordo político, non houbo unha posta en cuestión da estrutura de privilexio vixente e o cambio social que o cambio político podería ter catalizado quedou fóra do horizonte do posible.

Deste xeito, segundo Robert Fishman “o movemento obreiro a nivel nacional, así como a maioría dos dirixentes a nivel de empresa axeitaron as súas reivindicacións e a súa actividade ás esixencias da transición política”. Por exemplo, un 46.3% dos dirixentes sindicais entrevistados por Fishman concordou con que, ao presentaren as súas reivindicacións, os sindicatos deben ter en conta ante todo as súas consecuencias para a estabilidade e consolidación da democracia. De feito, poderían establecerse relacións de causalidade entre alto nivel organizativo-contención das mobilizacións e baixo nivel organizativo-radicalización das accións colectivas. Finalmente, a crise económica, que podería ter catalizado o descontento popular contra o sistema burgués, en cambio axudou á moderación da esquerda, pola dificultade que creou para a súa mobilización, segundo Fishman. Por exemplo, o 70% dos delegados situaba a “ameaza de peche das empresas” como o principal factor para limitar as reivindicacións. Así mesmo, a crise económica deteriorou a habilidade do movemento obreiro para obter logros concretos para os traballadores, e ademais, as limitacións económicas disuadiron aos traballadores de ir á folga. As consecuencias para a esquerda política e para o sindicalismo obreiro ao longo dos anos oitenta foron claras. Segundo Fishman, a “aparente forza inicial dos sindicatos” diminuíu moi logo “cun rápido descenso da afiliación, unha redución da participación dos traballadores en folgas e manifestacións e un descenso nos salarios reais”. En 1982, segundo Fishman, o movemento obreiro en España era “case sen dúbida ningunha, o máis débil de calquera democracia occidental cunha economía industrial”.

Os custes económicos e sociais da crise económica que estaba vivindo España foron desigualmente repartidos entre os distintos sectores sociais. Aínda que si houbo lugares nos que a forza da oposición era clara e a aposta pola ruptura era maioritaria, como Madrid, Catalunya e Euskadi, a esquerda fracasou no intento de estendela a todo o territorio. Ferrán Gallego pechou a súa imprescindible análise da Transición política escribindo que “cuando se observan las concesiones hechas más allá de lo que era exigible, los silencios innecesarios acerca del lugar que cada uno ocupaba en el proceso de cambio, del sitio del cual se procedía; cuando se aceptaron las condiciones impuestas por correlaciones de fuerzas acentuadas en el diseño de la propia debilidad, en la acentuación de la propia prudencia, uno puede regresar al viejo poema. Y en lugar de considerar que debería pedirse perdón a los que habían de nacer por no haber sido lo suficientemente amables, solicitarlo por no haber sido lo bastante enérgicos, no tanto por aquel presente, como por este futuro”.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Transición | Leave a comment

Guardiola president/ Beiras presidente

Nas semanas previas ás eleccións catalanas púxose en marcha na rede unha campaña que pedía que Pep Guardiola fose o novo president da Generalitat. Non só iso, senón que canda a el se propoñían outros nomes que o deberían acompañar nese executivo alternativo, entre eles Lluis Llach, Manuel Castells, Rupert de Ventós ou Quim Monzó. Veume á cabeza unha iniciativa que durante a Transición política puxo a andar El Ideal Gallego. Tratábase de que os seus lectores escollesen un presidente para a primeira Xunta de Galicia, e xunto a el, os seus conselleiros. A pesar de que nas eleccións celebradas uns meses antes o PSG obtivera un resultado moi cativo, Xosé Manuel Beiras gañou con claridade a votación do xornal.

O 21 de outubro de 1977 El Ideal Gallego comezou a publicar unha sección titulada Doce nombres para la Xunta de Galicia, na que lles pedía aos seus lectores que eles mesmo elixisen os membros dun goberno preautonómico. Tres semanas antes restaurárase a Generalitat de Catalunya (unha hábil concesión de Suárez para restar protagonismo a PSUC e PSC, que arrasaran nas eleccións xerais de xuño) e só dous días despois Tarradellas pronunciaría o famoso Ja soc aquí. UCD negociaba tamén a posta en marcha dun goberno vasco provisional e Galicia parecía ficar relegada a un segundo nivel na construción do estado autonómico. En resposta comezou a xestarse unha mobilización que levaría o 4 de nadal de 1977 á meirande mobilización da historia de Galicia, en reivindicación dun Estatuto de Autonomía de primeiro nivel. A iniciativa do Ideal era coherente con ese ambiente de reivindicación, e respondía igualmente á necesidade de fortalecer e facer máis visibles a un novo conxunto de actores políticos e sociais que debían liderar a nova Galicia autogobernada.

A campaña do Ideal tivo un seguimento masivo, con milleiros de votos e mesmo deu lugar a unha pequena polémica, cun presunto intento de manipulala (non era doado facelo: había que enviar por carta un cupón que se publicaba no propio xornal) por parte de simpatizantes do PSG. O 4 de decembro El Ideal deu a coñecer finalmente os resultados, destacando que «Salió una Xunta de Centro-Izquierda», pois predominaban na súa composición “las personalidades moderadas del galleguismo histórico y cultural”. O xornal salientaba que en xeral o criterio dos seus lectores fora bastante integrador, “con auténticos gobiernos de unidad nacional”. O resultado da votación foi o seguinte: Presidente, Xosé Manuel Beiras (pois fora, con diferenza, o máis votado) e vogais (os seguintes, por número de votos) García Sabell, Piñeiro, Paz Andrade, Fernández del Riego, Iglesias Corral, Luís Seoane, Carballo Calero, Alonso Montero, García Agudín, Santiago Álvarez e Marino Dónega. Moi cerca de entrar ficaron Manuel Fraga, Francisco Vázquez, Meilán Gil, Víctor Moro, Rosón ou Victoria Armesto.

Formaban unha Xunta provisional ficticia, pero de indubidable peso social e pluralismo ideolóxico. En realidade, para o goberno provisional puxéronse nos meses seguintes riba da mesa nomes coma os de Ramón Piñeiro ou Bibiano Fernández Osorio-Tafall. Finalmente foi Antonio Rosón o primeiro presidente da Xunta de Galicia, cunha xestión curta pero exitosa e que gustou máis ao nacionalismo e á esquerda (nomeadamente a POG e PCG) que á propia UCD. Pero esa é outra historia.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría prensa, Transición | Leave a comment

Rachar os tabiques

As determinacións de clase constitúen o elemento fundamental ao redor do que se estruturan outras dominacións subalternas (sexistas, racistas, coloniais…). Esta xerarquización das contradicións é froito dun ataque das lóxicas de dominación e determina as alternativas emancipatorias. Porén, a hipótese do proletariado como clase universal, portadora dun interese particular para o interese xeral, unha clase cuxa emancipación particular traería a emancipación xeral, leva implícita unha dose enorme de voluntarismo e determinismo sociolóxico. Hai que pensar na pluralidade das dominacións e a forma en que se alimentan unhas doutras, sen sumarse mecanicamente, para constituír un complexo espazo social xerarquizado e para pór ao día as solidariedades e converxencias posibles no marco dun proxecto colectivo de emancipación.

Até o de agora o discurso político do social-liberalismo dedicouse a privilexiar as cuestións societarias (que tiñan que ver coa modernización das institucións, as relacións sexuais, o medio ambiente) en detrimento das cuestións sociais (salario e emprego), denigradas polo seu arcaísmo corporativo, como denuncia Daniel Bensaïd (Cambiar o mundo). A este respecto Zizek denuncia unha e outra vez o multiculturalismo e as accións políticas centradas na representación e na identidade como “a forma ideal da ideoloxía deste capitalismo global». Para o filósofo, «soltando as amarras das estruturas sociais, as determinacións históricas e económicas, as diferencias xa non foron comprendidas dende unha teoría capaz de desenmascarar a opresión dos portadores de identidades irrespetadas, como vítimas dunha ideoloxía á que estaban suxeitos polo seu poder represivo. O multiculturalismo, fuxindo do reducionismo económico, tamén se afastou da política». Zizek concluía que colocando no mesmo nivel as diferenzas de xénero, de orientación sexual, de etnia, coas de clase, o multiculturalismo consegue facer invisible a presencia inalterable do capitalismo. A globalización mercantil do mundo, a confusión dos contornos e os límites (entre territorios, clases, sexos) favorece un retorno á tiranía das raíces e as orixes, ao mesmo tempo que o eloxio da diferenza estandarizada ou máis aínda, a falsa dialéctica entre as identidades erixidas en normas e o relativismo cultural sen beiramar. O problema está en non confundir a pluralidade das relacións sociais cunha atomización neurótica dos axentes sociais e un fetichismo da diferenza e un narcisismo da singularidade.

Cal é o camiño, pois? Se cadra non é o momento de teorías xerais, como lembra Bensaïd: «volvemos atopar no rexeitamento postmoderno dos grandes relatos da emancipación, o tema dos microrrelatos, das liberacións en miniatura, da política en migallas, dos progresos milimétricos, exercicios dunha política nas antípodas das grandes ilusións líricas e da praxe unificada soñada polas xeracións de militantes dos anos sesenta e setenta». E tampouco é o tempo das resistencias testemuñais: «se nos atemos ás resistencias sen perspectiva de contraataque e ao momento defensivo do negativo, arriscamos abandonar a iniciativa e a positividade en mans dos dominantes». F. Collin concorda con Bensaïd e opón as rupturas parciais á teoría totalizadora, un traballo de zapa ou unha destrución lenta xeneralizada ás rupturas brutais, un dispositivo de contaminación a un dispositivo de enfrontamento. Pregoa a ocupación de espazos, non a confrontación frontal. De igual maneira, influenciada polos camiños do imperceptible e as continuas variacións de Deleuze, Butler recomenda unha «suma sen síntese» e «unha forma de xestión politicamente produtiva de conflitos».

Bensaïd escribiu que «a alternativa a unha teoría xeral é o traballo de tradución. A tradución é o procedemento que fai posible unha intelixibilidade mutua entre diversas experiencias do mundo, pasadas e futuras, sen parasitar a súa singularidade e a súa autonomía e sen reducilas a entidades homoxéneas. O traballo de tradución é o procedemento que nos queda para crear coherencia e xerar coalicións a partir da enorme diversidade de loitas contra a globalización neoliberal, cando non existe e non é desexable que exista unha teoría xeral da transformación progresista portada por un suxeito histórico privilexiado e por estratexias e tácticas centralizadas». E a conclusión é que é «o propio capital, a xeneralización das relacións mercantís, a omnipresencia da lei do valor, a penetración da súa dominación impersoal en todos os poros da vida social o que fai posible a converxencia e a unificación das resistencias».

A outra reflexión de Bensaïd a respecto deste tema referíase a que se ben hai xa moitas décadas que se asumiu que hai unha tendencia histórica á diferenciación e á complexidade crecente das sociedades modernas, «o que é máis actual é a interiorización desa complexidade polas persoas. Son unha multitude en eu mesmo. Todas estas determinacións combínanse. As súas respectivas intensidades desprázanse en función de situacións concretas e do conflito dominante que os caracteriza». A falsa dicotomía entre universalidade e singularidade, ou entre loita de clases e outras reivindicacións máis particulares, resólvese a través do coñecemento e a interconexión de loitas distintas, rachando os tabiques de xeito que sexamos a un tempo absolutamente individuais e absolutamente universais. En palabras de Merleau-Ponty «non acadamos o universal desprendéndonos da nosa particularidade, senón converténdoo nun medio para chegar aos outros, en virtude desa afinidade misteriosa que fai que as situacións se comprendan entre elas». Cómpre, polo tanto, recuperar o colectivo, lembrando a advertencia efectuada por Hannah Arendt: «A transformación das clases en masas e a eliminación ao mesmo tempo de toda solidariedade de grupo son as condicións da dominación total. As organizacións totalitarias son organizacións masivas de individuos illados e atomizados».

A premisa de Bensaïd (Son unha multitude en eu mesmo) lígase ás teorías do feminismo queer e ao desexo de B. Butler de que «as minorías sexuais formen unha coalición que transcenda as categorías simples da identidade, que rexeite o estigma da bisexualidade, que combata e suprima a violencia imposta polas normas corporais restritivas. Desexaría que dita coalición se fundase na complexidade irredutible da sexualidade e nas súas implicacións en distintas dinámicas do poder discursivo e institucional, e que ninguén se apresurase a restar poder á xerarquía e a negar as súas dimensións políticas produtivas» (O xénero en disputa). Como conclúe Holloway, «o noso combate non apunta a establecer unha nova identidade, senón a intensificar unha antiidentidade, a crise de identidade é unha liberación, libera unha pluralidade de resistencias e unha multiplicidade de berros. Esta multiplicidade non pode subordinarse á unidade a priori dun Proletariado mítico» (Mudar o mundo sen tomar o poder). A permanencia dos tabiques, dos compartimentos estancos, sempre beneficia ao poder. Compre rachar os tabiques.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría esquerda, movementos sociais | Leave a comment

É o xornalismo, estúpido! (II)

O soporte non importa, importa a información que se crea e se transmite. E non é un asunto baladí porque o xornalismo non é unha profesión máis: ten unha responsabilidade social de control e crítica dos grandes poderes e unha responsabilidade social de servizo á cidadanía. Se se degrada o xornalismo degrádase a democracia. Os medios impresos responden á súa crise recortando custes naquilo que lles confire especificidade e valor: o traballo xornalístico. O descenso nas súas vendas, o debilitamento da fidelidade dos seus compradores habituais, a crecente competencia pola publicidade, a fragmentación da audiencia, a dificultade para captar novos lectores (sobre todo os menores de trinta anos), o descenso dos beneficios, e por riba de todo a presión crecente dos accionistas, lévaos a adoptar estratexias cambiantes e case sempre erróneas. Por exemplo, na década dos noventa, para competir co poder audiovisual da televisión e coa súa capacidade de impacto, os xornais alixeiraron e simplificaron os seus contidos, reducindo a lonxitude e profundidade dos textos e incorporando novas seccións de entretemento e servizo. Aquilo revelouse a longo prazo como un inmenso erro, pois para cumprir coas funcións de entretemento e impacto xa estaba a televisión, e os novos xornais visuais e postelevisivos non pasaban de ser un divertimento de terceira categoría. Xusto despois chegou a prensa gratuíta, igual de lixeira que as renovadas e rebaixadas cabeceiras de pago, pero pola que non había que pagar. De novo os editores tiveron que recompoñer os seus proxectos.

Ademais, os xornais téñense concentrado nos últimos anos no lanzamento masivo de promocións, na distribución de produtos de todo tipo, vendidos conxuntamente co periódico. É evidente que estas iniciativas teñen axudado a soster -mesmo a aumentar lixeiramente- as vendas de moitas cabeceiras, o mesmo que os beneficios das empresas editoras, pois as promocións representan xa a principal fonte de ingresos dos xornais españois, por riba das vendas ao número ou da contratación de publicidade. Porén, esta estratexia ten achegado clientes aos xornais, mais non lectores, constituíndo tan só un parche para os descensos nas cifras de difusión. Esta estrutura de negocio, máis dependente das vendas directas que da publicidade, fai á prensa española especialmente sensible aos descensos de difusión. Moitos pequenos e medianos diarios deben defender, para sobrevivir, un certo nivel de venda de exemplares esencial para a súa sustentabilidade financeira e para manter un rendemento publicitario ameazado polas perdas de audiencia e a competencia de novos medios.

Falséanse os datos reais de difusión aumentando a proporción da distribución gratuíta ou en bloque, múdase o deseño, invístese en novas tecnoloxías, compítese polas axudas públicas e idéanse novas formas de obtención de ingresos atípicos. Os medios levan tantos anos preocupados por limitar o papel e a autonomía dos xornalistas, por agradar aos poderes dos que dependen as súas cifras de beneficios, por imitar fórmulas comerciais e profesionais alleas, que acabarán por poñer en perigo aquilo que os converte no instrumento fulcral da sociedade do coñecemento: o poder da información. Ante o descenso das vendas, menos redactores; ante a crise de contidos, menos traballo xornalístico; ante a multiplicidade de ofertas e a competencia crecente, a cultura do corta-pega e a homoxeneización dos discursos. Hai medo a facer cousas diferentes, a nadar contra a corrente, pero neste escenario de cambio, de fidelidades laxas e de redución de ingresos, sairán vencedores aqueles que aposten por arriscar, por contar historias que ninguén máis conta, por facer xornalismo, recuperando o vello principio de servir á cidadanía, no papel e na rede.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría internet, prensa, xornalismo | Leave a comment

É o xornalismo, estúpido! (I)

«O xornalismo, cando se practica adecuadamente, é un acto incriblemente delicado, ético e esixente de tempo que require coñecer un asunto, manter as fontes, saber que usar e que non usar destas fontes, volver cada día para saber que é novo e relevante na institución que estás a cubrir e escribir dun modo sofisticado que a longo prazo desvele cousas complicadas sobre esa institución. É algo que non pode facerse desde o cuarto de estar, senón desde a rúa e con chamadas telefónicas»

David Simon, xornalista e creador de series como The Wire, fixo unha das máis exactas e emocionantes definicións do xornalismo. A información, o xornalismo, cando menos o bo, o de calidade, o que ten importancia e impacto na realidade, non é de balde. Producilo custa cartos, require dun investimento. A información de balde non existe, non pode existir porque é insostible, e ademais non debe existir porque o concepto leva implícita unha degradación da propia información. O xornalismo atravesa unha crise; unha crise económica, que afecta ás empresas de información e ao seu modelo de negocio e aos profesionais que traballan nesas empresas. E ligada a isto, o xornalismo atravesa unha crise de contidos que conduce a unha crise de confianza. Reprodúcense nos medios e na academia (o que é máis grave e desconcertante) os debates sobre modelos de negocio alternativos e sobre novos soportes, pero fálase nada ou moi pouco sobre o cerne do problema: o contido, o xornalismo.

Hai uns meses asistín en Tenerife a un congreso que pretendía constituírse en foro de debate sobre o postperiodismo, curioso concepto, dende logo. Ao igual que na meirande parte dos encontros académicos dun tempo a esta parte (sobre todo os que se teñen lugar en España, non tanto noutros países), a maior parte das intervencións e ponencias xiraron ao redor dos novos formatos, dos novos soportes, e dos supostos beneficios que trouxo o xornalismo dixital en canto á interactividade, a converxencia de medios ou o aforro de custes de produción. Só unha persoa, a catedrática Montse Quesada se atreveu a cuestionar a pouco argumentada posición de que Internet está mellorando o exercicio do xornalismo: «Sobre el periodismo actual se ciernen dos grandes peligros que amenazan con transformar el viejo oficio de periodista en algo parecido al de transportista. Por un lado, las nuevas urgencias informativas no permiten que el periodista reflexione, investigue y comprenda en profundidad los hechos sobre los que informa. Y, por otro, la actitud de los jóvenes periodistas que, conscientes como son de sus mayores habilidades digitales, creen que todo su valor profesional reside, precisamente, en ellas y no en su capacidad para analizar, interpretar y explicar la realidad social. Si se pierde de vista que ésta es la función principal que debe cumplir todo periodista –sea digital o no-, habremos perdido la oportunidad histórica de ejercer una profesión cuya responsabilidad social está fuera de cuestión». A súa intervención foi recibida por moitos investigadores como un ataque persoal ás súas liñas de traballo e non derivou nun debate sobre a cuestión. A investigación en comunicación que se realiza en España, como adoito, está totalmente desconectada da realidade, fascinada polo brillo dos novos soportes dixitais e a novidade dos cambiantes conceptos que se apresuran a bautizar. Pero esquecen, e a investigación en comunicación non debería esquecelo, que o xornalismo é outra cousa, que o que importa é outra cousa, que o que importa é que sempre importou: o contido. E ninguén, ou case ninguén, está falando diso.

Ao igual que Montse Quesada naquel congreso, o pasado ano David Simon escandalizou a tecnólogos e blogueiros cun artigo titulado Build the wall no que despois de analizar con realismo a degradación que sufrira a profesión nas últimas décadas (cun discurso moi semellante ao que despregou na quinta e última tempada de The Wire a través do personaxe de Gus Haynes) propoñía que a única forma de salvar o xornalismo é cobrar pola información nos medios dixitais. Eis a clave. Simon considera que o modelo de xornal diario, masivo e impreso en papel está condenado a desaparecer, principalmente porque implica uns gastos en papel, tinta e gasolina totalmente inútiles, ademais de insustentables. Polo tanto, Simon reclama que se tomen as medidas para estes xornais dixitais sexan rendibles e poidan traballar con redaccións o suficientemente numerosas para facer un xornalismo de calidade. E para iso, ademais de incrementar os polo de agora magros ingresos por publicidade, os xornais teñen que cobrar polo produto que ofrecen, ao igual que viñeron facendo até o de agora coas súas edicións impresas. Na medida en que fagan un xornalismo de calidade, imprescindible para coñecer a realidade, terán lectores.

Supoño que Simon ten razón, aínda que dubido que ese abandono do papel se produza tan rápido como moitos gurús levan anunciando xa algúns anos. Giovanni di Lorenzo, director do semanario alemán Die Zeit, defendía hai unhas semanas nunha interesante entrevista en El País a pervivencia do modelo de negocio do xornalismo impreso. O seu xornal está gañando lectores (un 60% nos últimos seis anos) e segundo Di Lorenzo a clave está en «estudar polo miudo as necesidades dos lectores, ignorar todos os consejos dos asesores de medios e seguir facendo artigos longos, documentados, serios e mesmo difíciles». O periodismo impreso do futuro é un xornalismo de «orientación e profundización». Para o xornalista, igual que para Simon, a clave está na calidade do xornalismo, non no soporte.

Simon denuncia que as empresas de prensa non aproveitaron as moitas décadas nas que obtiveron importantes beneficios (en España até hai un par de anos) para reinvestilos no proceso de transición do papel á rede. E ante os primeiros indicios da crise, os xornais recurtaron naquilo que era a base da súa actividade, aquilo polo que unha persoa paga 1 euro cada día: a información: «a alguén en Wall Street ocorréusello que podían facerse máis cartos publicando xornais malos que publicando xornais bos, así que recurtaron custes, reduciron a redacción e cubriron menos asuntos para ter máis beneficios». Despois, coa chegada da Rede, pregúntase Simon, «que tolo, ademais dos editores de prensa, pensou que podía regalar o seu produto en Internet e que a xente seguiría mercando o xornal?». Simon é consciente de que a ideoloxía construída ao redor do concepto de que Internet é de balde é difícil de rachar. Agora que podemos ler todos os xornais de balde, de verdade alguén volverá retomar o hábito de pagar por iso? Segundo Simon, efectivamente «ninguén pagaría pola merda que hai agora, pero tería pasado se en lugar de que os periódicos foran vendidos e recurtados, se fixeran máis esenciais, máis viables, máis sutís? Que tería pasado se non puideses entender a túa cidade ou o mundo sen ler o periódico pola mañá?». Por iso reclamáballes aos dous grandes xornais norteamericanos, The New York Times e Washington Post un xesto decidido e sen medias tintas (a actual combinación de edicións abertas e resumidas vs edicións premium de pago) que despois imitasen as demais cabeceiras.

Reducidos os custes de producción, para que un xornal cunha redacción semellante á actual, abondaría con que unha pequena parte dos actuais compradores aboase unha subscrición mensual que sería, en calquera caso, moi inferior ao prezo actual. Canta xente pagaría quince euros ao mes por ler elpais.es se este non se puidese consultar de xeito gratuíto? Está comezando a pasar; Orbyt, a plataforma de pago de El Mundo supera xa os 15 mil subscritores mensuais, que pagan un 15 euros ao mes e que lle reportan ao xornal case tres millóns de euros ao ano. Non é suficiente, evidentemente, pero estes quince mil novos subscritores compensan con creces os lectores que o xornal perdeu no último ano na súa edición impresa. Como salienta Juan Varela, o pequeno éxito de El Mundo está aínda moi lonxe do acadado polo Financial Times, con 150 mil subscritores de pago na súa edición dixital, pero é un comezo. Orbyt é máis ca un xornal na rede, é unha plataforma; por que non pensar en plataformas máis amplas, de paquetes de medios de comunicación ao estilo dos ofrecidos na televisión por cable ou por satélite? Paquetes conformados por exemplo por un par de xornais de ámbito estatal, unha cabeceira de ámbito rexional e os correspondentes medios locais, ademais de revistas especializadas, prensa internacional e demais servizos?

Volvo con David Simon, que hai uns meses dixo nunha entrevista: «Estou moi contento coa democratización que trouxo Internet. E pola opinión que trouxo, pois a Rede é magnífica para a opinión. Pero para o xornalismo de primeira liña é unha broma». Para Simon resulta absurda «a idea de que un feixe de blogueiros independentes poida preocupar a un alcalde, a un comisario de policía ou ao administrador dunha escola» e conclúe: «os xornais eran poderosos porque chegaban a un cuarto de millón de portas ao día de seguinte e isto importaba moito á xente que cubrían. Era algo polo que había que sentir medo, e non pena, pero xa non é así. Que xefe de policía vaise a preocupar do que diga un blogueiro?». Non é unha reacción individual. Nos últimos tempos veñen emerxendo voces, tamén no mundo académico e da investigación en comunicación, que alertan sobre os efectos prexudiciais que Internet está producindo na práctica do xornalismo. Cómpre preguntarse, canda aos efectos positivos xerados polo crecemento do xornalismo electrónico: multiplicidade de medios, participación dos lectores, construción colaborativa…, que outros efectos está tendo, sobre todo para a calidade da información creada e difundida. Cómpre preguntarse, xaquelogo, se a superficialidade e inmediatez predominante na meirande parte dos contidos publicados nos medios dixitais non está provocando que a porción de realidade coñecida pola cidadanía se estreite e perda densidade e profundidade.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría internet, prensa, xornalismo | 2 Comentarios

Papanatismo dixital? (II)

Vivimos nunhas sociedades desenvolvidas cada vez máis desconectadas e individualistas, como ben analizou Robert Putnam no seu xa clásico Bowling Alone, que facía fincapé na erosión da vida comunitaria e o debilitamento da participación política. Putnam explicaba, por exemplo, que a porcentaxe de persoas que recentemente asinaran un manifesto, escribiran unha carta a un xornal ou a un deputado, colaboraran cun partido político, asistiran a un mitin ou participaran nunha manifestación se viñera reducindo significativamente nos Estados Unidos dende os anos setenta. En contraposición a esta evidencia cuantitativa, outros autores, como Pippa Norris, defenden que en paralelo nestes anos, e ao abeiro das novas posibilidades de información e comunicación facilitadas por Internet, emerxeu un grupo de de cidadáns críticos que non atopan acocho nas estruturas tradicionais dos partidos políticos (Critical Citizens: Global Support for Democratic Government). Así, segundo Norris, mentres diminúe o activismo nos partidos, aumenta o que se realiza en variadas formas efémeras de asociación política (Democratic Phoenix: Reinventing Political Activism). De igual xeito, Henrik Bang enuncia o nacemento dunha nova modalidade de actor político, o everyday maker, unha persoa que participa ao mesmo tempo en varios movementos, organizados ao redor de proxectos e obxectivos polos que se interesa máis a nivel persoal que a través dunha ligazón ideolóxica (Among Everyday Makers and Expert Citizens. Peoples, Politics, and the Public Sphere). Este tipo de activismo, segundo L. Bennett, ten estruturas laxas, obxectivos múltiples, carece de dirección centralizada e está falto de metas claras (Social Movements beyond Borders: Understanding Two Eras of Transnational Activism).

É certo que esta nova modalidade de actor político se atopa en crecemento, e que as estruturas políticas tradicionais non son quen de encaixar no seu seo os seus puntos de vista diversos e heterodoxos, «sofisticados», en palabras da profesora Norris. Porén, vólvese caer na inxenuidade, na confianza cega en que este tipo de estruturas difusas pode substituír á tradicional actividade política. De igual xeito, o efecto nivelador que Internet ten para as distintas formacións políticas no plano organizativo e de comunicación intragrupal (isto é dificilmente discutible) fica apenas nunha posibilidade aberta no que respecta á difusión real (na sociedade) das súas ideas; de novo Internet non pasa de ser unha ferramenta que debe complementar outro tipo de condicións para se converter nunha verdadeira oportunidade. Hai que ter en conta, ademais, que o acceso a Internet aínda non é igualitario, pois existen aínda importatísimas fendas dixitais, mesmo nos países máis desenvolvidos, e mesmo cando as condicións de acceso son equitativas, prodúcense inequidades no uso que se fai da rede, como analizou Teun Van Dijk no seu estudo Discourse and racism in Spain and Latin America. De igual xeito, a profesora Pippa Norris alerta da creación dunha fenda cívica a través da existente fenda dixital, incrementando as desigualdades entre a minoría de persoas interesadas na política e a maioría inactiva (Digital divide: civic engagement, information poverty and the Internet). A desigualdade non se crea tanto pola importancia real desa fenda como polo espellismo creado ao seu redor: a confianza en que a democratización do acceso a Internet fai desaparecer por si soa as diferenzas entre colectivos e que o seu efecto nivelador devolve a todas as ideoloxías políticas (a aquelas que poden contar con máis organización e medios materiais e ás que non) ao punto de partida conduce simplemente que a fenda preexista e a que ninguén se preocupe por estreitala.

Polo tanto, Internet non pode contribuír, máis que de xeito complementario e cun impacto moi limitado, á mellorar o debate público, a incrementar a información e o interese que os cidadáns teñen pola política, en definitiva a facer máis racional a adopción de decisións. Así e todo, á hora de reclamar un papel máis destacado para a deliberación democrática e o debate argumentado, cómpre matizar algunhas posicións sostidas por moitos investigadores en comunicación política, que realizan unha énfase excesiva nun mecanismo ideal de adopción racional de posicións políticas en base a unha completa e contrastada información e a un completo proceso de deliberación. Unha pequena parte dos votantes (denominados ideólogos) efectivamente toma as súas decisións deste xeito, o que non quere dicir que o resto da poboación actúe de xeito irracional.

Nos últimos anos vénse producindo unha reacción contra a idea de que o público masivo está tan pobremente informado que as súas opinións carecen de contido político real, tal como foi insinuado por varios expertos e líderes políticos. Seguramente debemos falar, en cambio, dunha racionalidade de baixa información, e débense estudar as formas en que os votantes empregan atallos cognitivos (cognitive short-cuts), proporcionados en gran medida polos medios de comunicación, para tomar as súas decisións políticas e para basear as súas tomas de posición. Polo tanto, a gran masa de votantes dispón dunha información limitada pero suficiente para decidir o seu voto; como dicía Gamson en Talking Politics, «os cidadáns non son tan parvos nin están tan mal informados». Se fose certo que os votantes non empregan ningún tipo de elemento racional á hora de decidir o seu voto, os resultados das eleccións serían moito máis incertos e os temarios e axendas de políticos, medios e cidadáns serían totalmente distintos. Se isto fose así, as mensaxes elaboradas polos mass-media non terían influencia ningunha e os estudos amosan que isto non é así: aínda que os medios de comunicación non persuaden, non convencen, si conseguen impoñer (aínda que sexa só en parte) as súas axendas, crean estados de opinión e enmarcan nun determinado sentido un tema de actualidade. Cómpre, polo tanto, emprestar máis atención a estas formas ordinarias de atención e participación política. Contradicindo a idea de que a maior parte da poboación non se interesa pola política, na práctica a xente discute sobre política, seguramente da forma canónica ou cos conceptos que os sectores máis informados empregan, pero discuten.

Nesta discusión Internet pode contribuír, de forma positiva ou negativa. Internet non é máis ca un soporte, o que importa é o contido, o medio non é a mensaxe.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría internet, movementos sociais | 3 Comentarios

Papanatismo dixital? (I)

Hai unhas semanas Manuel Rivas laiábase da existencia dun certo «papanatismo en torno ao cacharro» e da «histeria» que ao seu xuízo se dá no mundo editorial «ao redor dos soporte dixitais». Rivas concluía de maneira moi acertada que «iso é tan só o soporte, un medio de transporte e ás veces fálase como se fose marxinar o contido, que é o substancial da literatura». Partindo da obviedade de que Internet e os soportes dixitais están aí e que a súa importancia vai ser cada vez maior, cómpre adoptar unha posición crítica sobre os discursos que fían a solución de todos os problemas imaxinables ao desenvolvemento e democratización desta tecnoloxía. Voume centrar en dous campos de vital importancia e inevitablemente ligados entre si: o xornalismo e a política.

En xaneiro The Guardian publicou un editorial que se preguntaba ao fío das protestas cidadás en Irán cal era a achega real que Internet podía traer ao cambio político. O texto concluía que, malia o efecto de ruptura que esta vía de comunicación ofrecía ao burlar o control dos grandes poderes, o que sucedera tamén revelaba que a «tecnoloxía por si soa non abonda para asegurar un cambio democrático». Como afirmou tamén Malcolm Gladwell, a acción política que se desenvolve na rede «favorece conexións febles que nos dan acceso a información sobre as conexións fortes» que segundo o autor serían as que terían verdadeira transcendencia política (Small Change. Why the revolution will not be tweeted). No seu artigo, Gladwell critica que Internet despraza as nosas enerxías dende as organizacións que promoven actividades estratéxicas e disciplinadas cara a outras, máis dúctiles, que promoven accións puntuais; segundo Gladwell, a rede «facilita que os activistas se expresen, e dificulta que esa expresión teña algún impacto» e conclúe que «os instrumentos dos medios e redes sociais están deseñados para facer a orde social máis eficiente». Internet ten unha capacidade moi limitada para mudar a opinión da xente, debido á debilidade (ao carácter líquido) das conexións que crea. A explicación de que os ciberactivistas participen en tantos movementos a un tempo, en tantas causas distintas, está na debilidade inherente a esa participación e a eses lazos, fáciles de establecer e fáciles de rachar. En Grecia, un fenomenal espazo para estudar os mecanismos de mobilización política, autores como Liza Tsaliki concluíron que mentres as tecnoloxías en rede non se acompañen dunha cultura política de mobilización, as protestas ficarán reducidas a unha «atractiva pirotecnia» destinada a encher «os sentimentos colectivos de autosatisfacción» (Technologies of Political Mobilization and Civil Society in Greece). Este tipo de participación política é doada, non leva aparelladas excesivas responsabilidades nin consecuencias persoais, e como resultado o seu impacto é igualmente reducido. Ao igual que unha persoa non pode adelgazar sen esforzo, non pode aprender inglés sen esforzo, non se pode informar da actualidade sen esforzo, tampouco se pode participar politicamente sen esforzo. En calquera caso, de igual maneira que na política física, a participación limítase ás persoas que queren participar. É unha obviedade que certo tipo de optimismo tecnolóxico parece esquecer. Todo regresa sempre ao mundo real e en canto á ciberpolítica o seu nivel de efectividade dependerá da cultura política na que se asente, que en España, por distintas circunstancias históricas, é especialmente pasiva.

Porén, Internet, como medio de comunicación de alcance universal, transmisión inmediata e custo relativamente reducido, pode servir de apoio eficaz ao traballo porta-a-porta dos activistas dun movemento, ás chamadas grassroots. A este respecto, Straw e Anstead salientaron que a campaña presidencial de Obama foi quen de crear unha organización disciplinada pero descentralizada en boa medida debido á eficacia con que conseguiu complementar os tradicionais instrumentos de información e mobilización sobre o terreo coas novas ferramentas tecnolóxicas (The Change We Need: What Britain Can Learn from Obama’s Victory). De igual xeito, Anstead defende que as novas tecnoloxías están facilitando unha nova relación entre o núcleo e a periferia das campañas políticas, definida non pola separación, senón polos vínculos e a sincronización (The Evolving Relationship Between the Core and Periphery of Political Campaigns in the Internet Era). Pódese concluír que o incremento da comunicación en rede favoreceu o aumento do protagonismo das pequenas organizacións da sociedade civil, que se dotaron dun amplo e barato conxunto de ferramentas de comunicación interna e externa que até hai uns anos estaban reservadas polo seu alto custe ás grandes organizacións.

A rede permite a interactividade, permite o encontro e o debate, aberto e libre, entre distintas opcións, permite tamén rachar o control á comunicación establecido polos grandes poderes, públicos ou privados segundo os casos. Isto é así en teoría, pero de verdade Internet está mellorando o debate político? Polo de agora advírtese unha enorme carga de sectarismo, de discursos de consumo interno para os xa convencidos, moitas opinións e poucos debates, e abundan os contidos de guindar a pedra e agochar a man. As comunidades de distinta ideoloxía rara vez se mesturan, non existen foros de debate plurais nin espazos de diálogo onde uns e outros se atopen e coñezan as posicións dos demais. O problema é que, dado que o tempo é limitado, a xente tende a seleccionar un número relativamente limitado de medios para ler habitualmente, e case sempre escolle aqueles máis próximos á súa ideoloxía. Contrariamente ao que a priori sería esperable, a infinita liberdade proporcionada por Internet provoca que cada persoa procure e consuma os discursos, ideas e medios de comunicación que mellor coincidan coa súa previa forma de pensar, rexeitando coa facilidade dun click aquelas visións que a contradigan. En Internet os encontros casuais con outras formas de pensar son moito menos probables (e máis doadamente evitables) ca nos medios tradicionais, como a prensa escrita e a televisión (Sara Vissers & Marc Hooghe, The Role of Party Websites during Electoral Campaigns). En opinión de Cass Sunstain, Internet leva a unha «fragmentación da opinión e a unha polarización grupal, definida como o proceso no que despois dun proceso de deliberación a opinión dunha persoa tende a moverse cara un punto máis extremo, reafirmando a súa posición previa e afastándoa daqueles que pensan doutra maneira. Sunstein conclúe que «Internet está incrementando notablemente a capacidade da xente para escoitar os ecos das súas propias voces e para construír muros que as separen das dos outros» (Republic.com). Aí radica un dos principais males dos medios dixitais: a endogamia, e a consecuente ignorancia pluralista, un concepto empregado pola socioloxía norteamericana para describir unha sociedade polarizada, partida en dúas metades con opinións opostas, de xeito que os individuos dun e doutro grupo rara vez discuten os seus puntos de vista cos do grupo contrario, polo que acaban tendo unha visión moi deformada de cal é a opinión predominante na sociedade, sobrevalorando a do seu grupo. Como denunciou Cass Sunstein, Internet facilita o proceso de imitar «o prototípico espectador de Fox News, seleccionando as fontes e informacións que o levan a reforzar as súas ideas e prexuízos previos». Por exemplo, nun estudo do ano 2007 sobre 1.400 blogs políticos, Sunstein concluíu que o 91% dos links dirixían a páxinas de ideoloxía afín (Ideological Amplification).

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría internet, movementos sociais, prensa, xornalismo | 4 Comentarios

A falacia da ‘ruptura pactada’

Boa parte do discurso oficial verbo da chamada Transición política española fixa unha serie de liñas de fronteira, nas que coloca, a un lado e a outro, aos distintos actores do proceso. A primeira delas é, por suposto, a que serviría para diferenciar aos demócratas e aos partidarios da continuidade franquista, ficando desta beira unicamente pequenos grupos de nostálxicos, forzas políticas como Fuerza Nueva e algúns sectores iniciais de Alianza Popular; do outro, o consenso que aceptou as regras do xogo polas que se guiou a Transición e en consecuencia, o sistema político español nas décadas seguintes, até chegar á actualidade. A segunda liña sería máis dúctil, e atinxiría á vía proposta para recuperar a democracia, ben a través dunha ruptura total co franquismo como defendía a esquerda e en xeral todos os grupos de oposición, ou ben a reforma, ou reforma pactada se se quer, das propias institucións da ditadura, como propugnaba UCD, pero tamén Fraga. O posicionamento das distintas forzas políticas con respecto a esta segunda liña foi variando co tempo, e finalmente a maior parte das forzas de esquerda, encabezadas por PSOE e PCE, acabaron aceptando, a través da Constitución ou dos Pactos da Moncloa, o sistema proposto.

Deféndese, e quen o fai cun énfase meirande é a propia esquerda, que a dicotomía reforma-ruptura marca unha diferenza no camiño empregado para chegar á democracia, mais non no punto de chegada, nin na valoración que se fai da ditadura. E non é certo. A gran liña do proceso de reforma política é a que separa a aqueles que lle outorgan lexitimidade ao réxime (e aquí estarían tanto os partidarios da ‘reforma’ coma os defensores da continuidade da ditadura) e os que non lle conceden lexitimidade ningunha. Por unha banda, os que aceptan a lexitimidade de orixe e exercicio do franquismo, é dicir, a necesidade histórica da guerra civil e do prolongado periplo da ditadura, e polo tanto buscaron un tránsito legal da ditadura á democracia, a través dos regos previstos polas propias normas franquistas. Porque a defensa da capacidade evolutiva do réxime só pode basearse na aceptación da lexitimidade do mesmo, comezando pola súa lexitimidade de orixe. Polo outro, os que non aceptaron nin a Lei para a Reforma Política nin a continuidade na Xefatura do Estado de Juan Carlos I, nomeado sucesor de Franco en 1969.

Chama a atención e molesta a moitos cando alguén afirma que o franquismo preparou a súa propia conversión nun sistema democrático, pero iso é precisamente o que significa a reforma política. No seu famoso discurso do 12 de febreiro de 1974 (orixe do chamado espírito do 12 de febreiro), o presidente Arias Navarro avogaba por unha democratización do sistema político (unha apertura moi limitada, evidentemente), da que, dicía, só quedaban excluídos “quienes se autoexcluyen (…) por la pretensión bárbara de partir de cero”, é dicir, os partidarios dunha ruptura coa lexitimidade do franquismo, con orixe no alzamento militar do 18 de xullo de 1936. Non pode aceptarse, nin sequera implicitamente, a lexitimidade do franquismo máis que a costa de eliminar a propia lexitimidade que tiñan a democracia dos anos trinta e as forzas que loitaron por ela na guerra. No debate para a aprobación nas Cortes franquistas da Lei para a Reforma Política, base de todo o proceso de Transición, Miguel Primo de Rivera defendeu o proxecto afirmando que o proceso “de sustitución de un régimen basado en la adhesión personal por otro basado en la participación no iba a hacerse a través de la ruptura ni mucho menos abjurando del pasado o dejando de ofrecer lealtad a quienes habían gobernado el país en los últimos cuarenta años (…) lo que se pretende es hacer una nueva Constitución basada en la legitimidad de la Constitución vigente”.

Velaí a folla de ruta seguida polo Rei e por Suárez, as cartas sempre estiveron cara arriba. Os aperturistas non deixaron de repetir, nunha mensaxe dirixida aos sectores chamados inmobilistas, pero que non por iso perde validez, que a reforma era a vía máis adecuada para evitar a ruptura e que do que se trataba era de manter o control político do proceso inevitable que seguiría á desaparición do Caudillo. A identificación da lexitimidade da reforma coa legalidade foi un dos argumentos máis difundidos e repetidos por todos os protagonistas e seguidores desta opción, algo que, dados os poderosos medios de comunicación cos que contaban estes sectores, converteu a reforma nun factor de senso común. Seguiuse deste xeito un dos principios que segundo Samuel Huntington garanten o éxito dun proceso de Transición: “Cree unha sensación de inevitabilidade sobre o proceso de democratización, de xeito que sexa amplamente aceptado, como unha necesidade e un camiño natural de desenvolvemento mesmo se para algunha xente resulta indesexable”.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Transición | Leave a comment

Unha Transición non tan ‘modélica’

A historiografía oficial sobre a Transición española adoita definir o proceso de reforma política que deu lugar ao actual sistema democrático como modélico e as investigacións comparadas téñeno usado como modelo de pacto pacífico, en contraposición á revolución portuguesa e como exemplo para posteriores experiencias de democratización, como as que tiveron lugar en Chile, Uruguai, Corea do Sur, Bulgaria ou Hungría. Ramón Cotarelo segmentou os procesos de Transición en seis fases: Elemento desencadeante ou crise; Cambio de lexitimidade e legalidade; Eliminación do persoal político anterior e da súa simboloxía; primeiro consenso: acordo sobre o pasado; segundo consenso: establecemento de normas provisionais para debater as definitivas nun ámbito de liberdade; e terceiro consenso: determinación definitiva das regras de xogo do novo réxime.

Seguindo a Cotarelo, o proceso que tivo lugar no Estado Español a partir de 1975 presenta numerosas eivas que non permiten identificar a restauración democrática como un proceso completo de Transición. É discutible se en España se produce un cambio de lexitimidade, aínda que se pode aceptar o referendo constitucional de 1978 como momento fundacional dunha nova fonte de lexitimidade. Pero en calquera caso non se levou a cabo un proceso completo de eliminación do persoal político anterior e da súa simboloxía, e tampouco se produciu o que Cotarelo denomina primeiro consenso, é dicir, o acordo sobre o pasado.

É o incumprimento destas dúas premisas a que diferenza a reforma do réxime ditatorial que se produciu en España doutras experiencias (Portugal, Europa do Leste, mesmo os réximes totalitarios sudamericanos), onde si houbo unha creba co sistema anterior. Atopamos así mesmo unha outra anomalía no quinto punto, as regras do xogo democrático, que non foron consensuadas, senón que foron impostas polo goberno de Suárez dende o verán de 1976; foi con estas regras coas que negociou o proceso pseudoconstituínte de 1977 e 1978, que ficou, por este motivo, viciado en orixe. Suárez foi quen lle ditou á oposición o calendario de reformas políticas, as reformas preelectorais, a estrutura bicameral das futuras cortes democráticas, canda ao número e á distribución de escanos, tal como estaba determinado na Lei para la Reforma Política aprobada polas Cortes Franquistas. Deste xeito, nas primeiras eleccións a dereita obtivo o 45% dos votos, por un 44% da esquerda; porén, a dereita fíxose co 58,3% dos escanos, por un 41,7% da esquerda. Así mesmo, o sistema bicameral tiña unha función clara: non considerar nin por un momento que as cortes elixidas tivesen un proceso constituínte, senón que o proceso xa viñera dado. O sistema tamén permitía a permanencia “de un segundo nivel institucional, que permitía el rescate de sectores del franquismo y una intervención más decidida de la Corona”, en palabras de Ferrán Gallego.

Un proceso de Transición canónico debería ter incluído unha amnistía xeral (que si se produciu, con matices), a instauración dun goberno de concentración nacional (reclamado pola oposición democrática ao longo de 1976), e un verdadeiro proceso constituínte. Para Ferrán Gallego ”el pacto nacional que estaban dispuestos a aceptar los reformistas nunca iba a pasar por la pérdida del control del aparato del Estado, y debería ser resultado por el contrario de la renuncia a este hecho crucial por parte de la oposición”. Algúns, inxenuamente, pensaron que Suárez se quitaría do medio no proceso electoral, conformándose cunha condición honorífica e un recoñecemento por ter pilotado o proceso de reforma. Suárez tiña unha gran debilidade, que era o non contar cunha forza política organizada para comparecer aos comicios, por moito que contase co aparello do Estado; isto podería ter permitido unha negociación sobre a organización do proceso electoral máis favorable aos intereses da esquerda. Mais Suaŕez estaba disposto a realizar concesións en todos os campos agás no de manter o dominio daquela estrutura e repetila na plataforma política gobernamental que lle permitiría gañar o referendo de 1976 e as eleccións de 1977. Triunfo abriu unha portada previa ás eleccións presentando a Suárez con camisa azul e titulando Las flechas pasan, el Movimiento queda, en referencia á herdanza que UCD recibía da organización de partido único, en realidade a herdanza de todo o aparello de poder político da ditadura, dende o poder caciquil local, a administración en todos os seus niveis, os medios de comunicación…, todo un tesouro que Suárez entregou aos partidos e líderes que se quixeron unir á coalición centrista.

Suárez só legaliza o PCE cando xa ten organizada a súa forza electoral e nun intento, ademais, de dividir o voto da esquerda. Ademais, faino nun contexto no que a opinión pública xa mudara en boa medida o seu rexeitamento á participación dos comunistas nas eleccións (25% a favor e 35% en contra en outubro de 1976, por 55% a favor e 12% en contra en abril de 1977). Suárez xogou a carta da legalización do PCE, adiándoa tanto como puido, e deste xeito arrebatándolle aos comunistas exactamente a metade do tempo de legalidade formal do que haberían de dispoñer os socialistas até as eleccións, sen contar a discriminación de permisos discrecionais concedidos para a celebración de actos e congresos de PSOE e UGT.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Transición | 2 Comentarios

Por unha racionalidade ampliada

A ideoloxía da razón, tal e como se veu aplicando nos dous últimos séculos, ten xénero, o masculino, de xeito que os seus valores positivos decote se identificaron co home, convertido en canon e en esencia do ser humano. Á muller quedoulle o espazo do outro, quedoulle a emoción enfrontada a unha análise cerebral e debate argumentado da que a sensibilidade ou a empatía ficaban fóra. O pernicioso é que o dominio patriarcal absolutice a orde por el instaurada e a identifique coa cultura mesma, incorrendo así no que poderiamos chamar patriarcalismo. O monopolio dun concepto masculino da razón fronte a unha alternativa ampliada ou sen marca de xénero provocou que as mulleres nunca poidan ser xustamente porque son a relación de diferenza, o excluído. Como escribiu J. Butler, «o xénero é o índice lingüístico da oposición política entre os sexos. Xénero utilízase aquí en singular porque realmente non hai dous xéneros. Unicamente hai un: o feminino pois o masculino non é un xénero. Porque o masculino non é o masculino, senón o xeral».

Ao longo da historia non só se excluíu intencionadamente ás mulleres, senón que esta marxinación orixinou un concepto determinado de feminidade así coma o esquecemento doutras dimensións vitais da razón. «Desenmascarar esa historia non implica renunciar á razón, senón á canonización dunha das súas formas, que poderiamos chamar concepción obxectivista da racionalidade», afirma Mª Carmen López, que argumenta que unha filosofía feminista non se contenta con denunciar as opresións exercidas polo grupo dominante en nome da razón, senón que ademais ten que recoñecer que homes e mulleres son responsables do estatuto da racionalidade como ideal universal e debe eliminar os estereotipos impostos e irracionalmente consentidos. Neste sentido, a filosofía feminista entronca coa racionalidade práctica.

Simone de Beauvoir dixo que non se nace muller, senón que se chega a selo. O pensamento tradicional instaurou a polarización que identificaba á muller coa natureza, en tanto dimensión devalada fronte á cultura, vinculada co masculino. As explicacións que reducen as diferenzas entre homes e mulleres a algo natural, non só se manteñen, senón que son amplamente aceptadas e moi populares. A razón estriba en que son especialmente apropiadas para xustificar a orde social existente. O sistema de xénero, constituído polos valores, normas, significados, roles, estereotipos, sancións…, dá lugar a unha organización social xerarquizada, na que a postos clave de poder e en xeral todo o comprendido nos espazos públicos está ocupado maioritariamente por homes. O sistema de xénero, ademais, presiona para que os individuos desenvolvamos unhas características e anulemos outras, o que favorece a diminución das potencialidades que todos temos e que se deberían desenvolver de forma máis equilibrada. Para o caso dos homes poténciase o desenvolvemento do individualismo, a agresividade, a competitividade, a rudeza, mentres nas mulleres estes comportamentos e actitudes sanciónanse negativamente, fomentándose características complementarias e mesmo antagónicas como a submisión, a pasividade, a colaboración e a sensibilidade. Dende este punto de vista o feminismo da diferenza non faría outra cousa que ontoloxizar as diferenzas construídas socialmente e polas cales as mulleres son sometidas á discriminación de xénero.

A racionalidade ampliada é crítica desa pseudouniversalidade da razón patriarcal, pero non desemboca no particularismo, senón que avoga pola incorporación do que foi esquecido, conscientemente relegado e até das potencialidades incumpridas ou das outras dimensións posibles. O recoñecemento e a universalización deses trazos, atribuídos á muller por consideralos devalados, pero que son verdadeiramente imprescindibles para a existencia, permitirían superar os dualismos clásicos (razón/emoción, pasividade/actividade, público/privado, social/individual, etc.). As características da racionalidade masculina, a canónica, en virtude dos trazos que a cultura lle foi atribuíndo, derivaron nunha certa propensión ao dominio e instrumentalización do entorno. É dicir, na actual formulación do pensamento racional prímase o obxectivo de convencer ao outro, de traelo á nosa posición, no canto de comprender a súa posición e de chegar a un espazo común. Pola contra, en opinión de Rodrigo Guerra, «na muller a actividade intelectiva atópase moito máis fusionada coa sensitiva que no home permitindo isto unha aprehensión do real en tanto que real máis holística e inmediata. Así, a intuición feminina non versa só sobre que son as cousas (esencia), senón tamén trata sobre o seu contido cualitativo sensible (calidades sensibles) e sobre a importancia que de seu teñen (valor)». Esta racionalidade ampliada, racionalidade desta vez si sen marca de xénero, ten moito que ver cos postulados do feminismo queer a prol da superación das dicotomías masculino/feminino, neste caso aplicado á ideoloxía da razón e á súa aplicación para a análise do real e a adopción argumentada de decisións.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría feminismo, progreso | 4 Comentarios