Monthly Archives: Xullo 2011

La Voz de Galicia acentúa a súa caída


Os últimos datos da OJD, coñecidos esta semana, confirman o pronunciado descenso nas cifras de venda de La Voz de Galicia. En xuño o xornal tivo unha difusión media de 88.762 exemplares, case 14 mil menos que os de xuño de 2011 (102.582). A venda directa en quiosco (que non ten en conta subscricións individuais ou colectivas, nin vendas en bloque nin a distribución directa) baixou nunha proporción semellante, algo máis dun 13% nun ano, situándose nos 46.604 exemplares.

Todas as cabeceiras do Estado sofren descensos (agás excepcións coma Público), pero La Voz é, xunto con El Mundo (-18%) e ABC (-14%) a que máis perde. O segundo xornal de Galicia, Faro de Vigo, resiste moito mellor a crise, perdendo apenas un 2%.

Os datos de La Voz son aínda máis preocupantes se botamos a vista atrás e os comparamos non xa cos que acadaba nos anos noventa ou durante a crise do Prestige (con medias anuais superiores aos 110 mil exemplares) senón cos que rexistraba hai tres ou catro anos. En decembro de 2007 La Voz distribuía 103.341, dos que máis de 66 mil correspondían a vendas ao número. O descenso total nestes tres anos é, polo tanto, moi superior, deixando de vender uns vinte mil exemplares menos cada día nos quioscos.

Non é necesario incidir na grave crise económica que atravesan os xornais impresos, con importantes descensos en difusión, apenas paliados con ofertas e promocións e camuflados con distintos mecanismos de distribución atípica, dende repartos gratuítos, venda en bloque a empresas e administracións ou subvencións colectivas. Foi desta maneira como moitas cabeceiras foron disimulando durante un tempo a caída. La Voz de Galicia, por exemplo, pareceu obsesionada nos últimos anos por manter a simbólica cifra dos ‘cen mil’ até que a sangría foi máis importante.

A crise económica xeral aféctalles de maneira grave aos medios de comunicación. O descenso nos ingresos por publicidade nos últimos anos foi abrupta (abonda con comparar o espazo ocupado por anuncios e clasificados nos xornais hai 24 meses e agora) e nin sequera a redución das tarifas animou aos anunciantes. Isto provocou que a estrutura de ingresos habitual na prensa española nos últimos tempos (un terzo de venda directa, un terzo de publicidade, un terzo de promocións e venda de produtos) se transformase nun modelo no que os xornais dependen máis que antes das súas cifras de vendas.

Hai que dicir, como inciso, que na prensa galega este modelo estaba desvirtuado por unha meirande importancia dos ingresos procedentes da administración, superiores aos existentes noutros territorios do Estado. Se ben é certo que La Voz de Galicia era (e segue sendo) a cabeceira, despois de Faro de Vigo, La Opinión e Xornal, menos dependente das axudas públicas (ou dito doutro xeito, a empresa na que estes ingresos son menores en termos relativos), a caída producida noutras fontes de ingresos comezou a mudar esta situación.

Neste escenario de crise económica, ao que se une unha crise de representación e confianza dos lectores e unha crise do propio modelo de negocio das empresas de información, os xornais teñen que reaccionar, teñen que ser conscientes de que o futuro da prensa diaria e de masas está na rede. O papel ficará, pero destinado a medios especializados tematicamente, de nicho, seguramente de periodicidade semanal ou mensual, aínda que pode que as edicións de fin de semana dos xornais manteñan a súa importancia.

O problema é que, polo que se ve, a prensa galega aínda non se decatou no reto ao que se enfronta, e optou por limitarse a defender os seus espazos de dominio, case sempre procurando alianzas co poder político. Mentres, esmorece lentamente. Os xornais impresos galegos, sen excepción, emprestan moi pouca atención ás súas edicións dixitais, pobres esteticamente e en contidos, limitándose a ordenar nelas os textos publicados no papel e incluído moi poucos contidos exclusivos da web, pouco vídeo e nula infografía. Os datos de audiencia das edicións dixitais da prensa galega son realmente cativos (La Voz, por exemplo, que está entre as dez cabeceiras máis lidas no papel, é superada na web por cabeceiras moito menos importantes). Quen non prepare o futuro, quedará polo camiño. La Voz pódese ler no iPad e distribúese en quioscos dixitais (o resto, nin sequera) pero non abonda con iso. Hai que crear, por exemplo, un mercado de publicidade local online. A prensa local galega ten, nos seus ámbitos, as redes comerciais imprescindibles para facelo, e non o está a facer. Xa o farán outros.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría internet, prensa, publicidade | 7 Comentarios

Anos oitenta: Modernidade galega desbaldida

Os oitenta foron unha década moi curiosa en Galicia. Non é que a sociedade mudase máis ca nas décadas anteriores. Foi nos sesenta e setenta cando se produciron con máis intensidade os fenómenos de abandono do campo, industrialización, emigración a Europa e crecemento das cidades. Pero foi quizais nos oitenta cando as consecuencias sociais deses fenómenos se revelaron de forma máis clara. É nos oitenta cando por primeira vez na súa historia Galicia ten institucións de autogoberno, o que supoñía unha oportunidade para a construción nacional, para a creación dun espazo propio de comunicación, dunha industria cultural de seu e para o desenvolvemento económico. Superado o ecuador da década Xosé Antón Castro Fernández falaba no Luzes de Galicia dos oitenta como A década máxica: «1980 foi unha data máxica para Galicia e hoxe, a seis anos de distancia, os resultados do clímax podémolos ver con máis agudeza, coa madurez dun camiño aínda sen percorrer certamente pero coa crenza firme de que todos os páramos están en cultivo».

Galicia movíase. Sobre todo na cultura, na música, nas artes plásticas, no nacente audiovisual, no teatro, no mundo editorial. Tamén no movemento asociativo: ecoloxismo, feminismo, grupos de renovación pedagóxica, grupos pacifistas… Tamén na economía, a pesar dunha reconversión industrial moi mal xestionada, a empresa galega modernizábase en moitos sectores e conectábase co mundo. Todos os páramos estaban en cultivo, pois, coa sensación de que Galicia deixara atrás o tempo da miseria, da dependencia e da resignación.

Ese país en transformación era moi contraditorio, sobre todo nas dúas cidades meirandes: Vigo e A Coruña, que creceran moi rapidamente nas décadas anteriores coa chegada de milleiros de persoas procedentes do interior do país. Como recoñecía o propio Antón Reixa en 1985: «Vigo es una ciudad desajustada donde la mayoría de los vigueses no son vigueses. En mi barrio, Coia, viven emigrantes, hijos de emigrantes sin trabajo, gentes de las aldeas que un día vinieron al paraíso del progreso y la civilización urbana, pero que no pueden abandonar su mundo campesino (…) aldeanos que odian su propia lengua, niñas-punk con acento de Celanova… todo ello produce una esquizofrenia violenta que no sólo se manifiesta en mi trabajo sino en otros artistas, músicos, pintores, fotógrafos, diseñadores…». Semellante análise realizaba Julio Sequeiros cando afirmaba que «o auxe na cidade de Vigo de movementos que se reclaman post-modernistas, cunha estética, cunha música e, en certa medida, cunha contracultura, constitúe un movemento de resposta -sobreexcitada- á contorna masivamente rural e tradicional na que se acha encravada a cidade. Pode estar representando, polo tanto, unha busca de diferenciación e negación dunha orixe familiar e dun pasado colectivo moi recente que se vive subxectivamente como perecedeiro, e o canto a unha nova identidade -urbana- da que non se está moi seguro. É sintomático, neste sentido, que o campo espacial de referencia para este movemento non é Galicia senón a cidade mesma».

A sociedade civil seguía sendo feble, por suposto, pero tamén aquí estaban caendo os valados. O poder público dominaba, dende o vello caciquismo ás novas formas de control institucional, tamén no mundo da cultura (mesmo nas súas manifestacións máis modernas), pero as forzas que emerxían dende a sociedade estaban aparentemente en crecemento. Antón Baamonde escribía en 1989 no Luzes que «a identidade galega non é nada distinto do propio proceso de auto-reprodución: non precisa, pois, en principio da axuda obrigada do ineffabilem nacional nen da procura do seu arcano porque o seu arcano radica xustamente no mesmo proceso de auto-interpretación da sociedade galega acerca do seu devir histórico. Dito doutro xeito: é a forma en que unha sociedade constrúe o sentido da súa historia o que decide, polo menos parcialmente, acerca do carácter desta».

Nese mesmo ano, nun artigo publicado en La Voz de Galicia, o profesor de Filosofía Rafael Martínez Castro felicitábase porque «a sociedade galega é arestora moito máis complexa do se que adoita presentar. Isto constitúe en por si un dato claramente positivo». O filósofo e político sinalaba que «as forzas hexemónicas da política galega, acollidas ao manto protector dos grandes partidos estatais, procuran os seus apoios sociais nos sectores máis tradicionais e de máis curtos horizontes da sociedade galega. Tributarios do atraso, a súa intelixencia redúcese a administrar renuncias e combinar fragmentarios intereses, imposibles de integrar en ningunha clase de interese común. A política galega actual reduce a súa dialéctica ao puro control das institucións, sen ningún obxectivo público que o transcenda».

Martínez Castro concluía que «cómpre combater as actuais tendencias de oficialización da vida política e desmobilización da sociedade civil» pois é «na diversidade interna da sociedade civil, nese pluralismo, onde se atopa o alicerce das nosas posibilidades e do noso optimismo. O funesto pesimismo que hoxe prima na política galega ten a súa raíz na fonda desconfianza que aínda existe na propia sociedade. Quizais porque se teña dela unha imaxe monolítica. Quizais porque esteamos aínda todos atrapados nunha concepción perigosamente idealista da identidade que nos incapacita para o cambio». O artigo concluía dicindo que «noutros tempos a conciencia política galega pasaba pola afirmación enfática do nós fronte aos outros. Un nós unitario e puro fronte aos outros externos e ameazantes. Agora todo depende de que caiamos na conta de que os outros tamén somos nós».

Esa posición heterodoxa, esa aposta por unha Galicia complexa e diversa, que tamén compartían os movementos culturais de vangarda, chocou contra multitude de obstáculos: o control institucional, a limitación do espazo comunicativo galego, a estreiteza de miras dunha parte do nacionalismo, o centralismo provinciano de PSOE e IU, a vitoria de Manuel Fraga en 1989… En 1990 pechábase unha década máxica que deixou luzaradas dispersas, en maior medida grazas a xenialidades e activismos persoais. Unha década que produciu faíscas que non chegaron a prender, que cómpre analizar sen idealizacións, de forma crítica.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría anos oitenta, cidadanía, movementos sociais | Leave a comment

En Galicia non hai xornalismo dixital

En Galicia non se fai xornalismo dixital (salvando algunhas excepcións, e distintos medios de nicho). En parte polos problemas económicos que atravesan todas as empresas xornalísticas galegas, así como debido á súa falta de valentía e perspectiva de futuro, os medios tradicionais emprestaron nestes anos moi escasa atención á rede e á mellora das súas edicións dixitais, nas que mesmo hoxe se limitan a subir os contidos das súas edicións impresas. As actualizacións ao longo do día cóbrense maioritariamente con informacións de axencia, recórrese de maneira moi limitada ás posibilidades multimedia (mesmo aqueles xornais, como La Voz, que dispoñen de radio e televisión de seu), non se publican infografías, e só algúns medios dispoñen dalgúns blogues nas súas edicións dixitais. Unicamente dende o nacionalismo, principalmente nos catro anos de goberno bipartito (aínda que Vieiros, creado en 1996, tiña un gran percorrido), se fixo unha aposta decidida, a través do pioneiro Vieiros e de A Nosa Terra.

A pesar da pobreza dos contidos dos xornais dixitais galegos, as audiencias en moitos casos non son pequenas, destacando sobre todo os 150 mil usuarios únicos de La Voz e os 53 mil do Faro, e datos importantes tamén para La Opinión, El Correo Gallego, Galiciae e Xornal. Porén, a meirande parte das visitas parecen buscar na rede os contidos publicados nas edicións impresas, que poden estar sufrindo descensos nas súas cifras de venda por esta causa. As edicións dixitais non xeran deste xeito demasiados custes, pero tampouco reciben apenas ingresos, debido á ausencia case total de anunciantes.

A publicidade local: campo aberto
Para a prensa dixital galega a posibilidade de cobrar polo acceso é unha quimera mentres non se cree un hábito nos xornais de referencia madrileños e mentres as cabeceiras galegas non ofrezan contidos de máis calidade ou máis especializados. A vía da obtención de ingresos suficientes para garantir a sustentabilidade a través da publicidade tamén parece vedada. E neste caso os principais culpables, máis aínda ca no outro caso, son os propios xornais, que levan anos a velas vir, sen confiar realmente nas posibilidades da rede e agardando unicamente a ver como evolucionan outros proxectos máis adiantados, que si optaron por tomar un certo risco.

É certo que en España, polo de agora, Internet é para os grandes xornais. As grandes cabeceiras concentran a facturación en case todos os países, mentres a prensa local e rexional ten enormes problemas para rendibilizar as súas edicións e iniciativas dixitais e acumúlanselle os competidores. As cabeceiras locais españolas non reciben máis do cinco ou do seis por cento dos seus ingresos por publicidade a través da rede, unha porcentaxe que nas grandes cabeceiras chega ao 15 ou 16 por cento.

No que respecta á publicidade local, que estas cabeceiras teñen perfectamente traballada para as súas edicións impresas, tanto nos anuncios inseridos por pequenas e medianas empresas e negocios coma nos clasificados, o seu interese foi nulo. Non existe mercado, polo que hai que crealo, hai que ir creando os hábitos de que as empresas e negocios que até o de agora se viñan anunciando no papel, comecen a facelo na rede. E a prensa local galega non se está preocupando de facer iso, de crear banners de xeito gratuíto para os negocios locais, de procurar esponsorizacións para as súas edicións locais, que promocionar os clasificados na rede. Se eles non o fan, nunca haberá ese mercado. Ou pode que nuns poucos anos o mercado agrome só, por imitación doutras zonas do Estado, e as cabeceiras galegas o perdan antes nacer.

Nos Estados Unidos, o Houston Chronicle lanzouse a conquistar o investimento dos pequenos negocios locais, os mesmos que até o de agora viñeron inserindo a súa publicidade nas cabeceiras impresas, pero que aínda non deron o salto ao dixital. “Houston ten 310,000 negocios con dez empregados ou menos. O potencial é enorme”, din. O que fai máis interesante a aposta do Chronicle é que non se basea só en ofertar espazo para os banners destas pequenas empresas, senón que lles ofrecen un servizo integral de consultoría, hosting, deseño web, posicionamento nos motores de búsqueda, ademais de espazo para a súa publicidade. O xornal cóbralles 500 dólares ao mes a estas empresas e en catro meses de actividade xa realizou contratos con 500 empresas, esperando obter por esta vía sete millóns de dólares a final de ano. Este modelo de negocio, din, non reemprazará a outras formas de financiamento, senón que só as complementará. De novo o negocio dos céntimos aquí e alá, no canto do negocio dos dólares.

Algúns destes medios locais ensaiaron fórmulas de procura de publicidade a priori máis convencionais que demostraron obter mellores resultados no ámbito local. En The Batavian todos os anunciantes aparecen en todas as páxinas, en longas columnas a ambos os dous lados. Outros xornais, con estruturas algo máis modernas, como as de Baristanet e Alaska Dispatch, escolleron fórmulas de procura publicitaria igual de convencionais e tamén con mellores resultados que as máis modernas. Os dous fuxiron dos CPM, optando por cobrar polo tempo en que un banner estivese na páxina, o que era máis sinxelo de entender e polo tanto máis atractivo para os anunciantes locais, que ademais en moitos casos non se fías dos medidores de audiencia dos que dependen directamente os prezos ou o tempos de permanencia dos seus anuncios. En KSL.com os clasificados son gratuítos na súa meirande parte, aínda que aqueles anunciantes que queiran aparece nun lugar máis destacado, poden pagar dez dólares diarios. Os clasificados son responsables do 70% do tráfico total do KSL, e neles inclúense links a contidos informativos, aos que traspasan parte do seu tráfico.

Crowdfunding
Outra alternativa que haberá que explorar é a do crowdfunding, as microachegas de capital realizadas polos propios lectores. Esta vía de financiamento ten moitas vantaxes, comezando por converter aos propios lectores en propietarios do medio, en certa medida, evitando ter que depender dun poder empresarial con intereses económicos que nalgún momento poden chocar co interese xornalístico ou dos anunciantes, públicos ou privados. As achegas dos lectores para soster unha determinada liña editorial ou unha forma de facer xornalismo, valente e de calidade incrementan, por suposto, a súa fidelidade, xerando un certo sentimento de comunidade ao seu redor. Outra vantaxe ten que ver coa maior facilidade de solicitarlle a cada persoa unha cantidade pequena que un grande investimento, e de feito recoméndase que a achega solicitada non supere os cincuenta euros (como fai, por exemplo, Periodismo Humano), os cartos que unha persoa pode levar na carteira nun momento determinado. A recollida de cartos pode estimularse mediante a organización de eventos nos que se presente o medio, antes do seu lanzamento, se presenten novas seccións ou simplemente se promocione a publicación en distintas cidades, contribuíndo de novo a xerar comunidade e a fomentar o encontro físico e o debate entre os lectores habituais; a praza virtual de volta á vida real.

A única desvantaxe deste sistema é que debido ao pequeno tamaño das achegas, estas deben ser renovadas de xeito periódico, é dicir, que cada certo tempo se teñen que realizar novas campañas de captación de fondos. Porén, ao meu xuízo isto tamén supón unha vantaxe, pois lle dá ao medio a oportunidade de promocionarse e sobre todo fía o éxito destas campañas de captación de fondos ao traballo realizado nos meses anteriores e á súa fidelidade ás promesas de calidade e compromiso realizadas. Os lectores convertidos en propietarios do medio, individuos ou asociacións e movementos, vixiarán moi de preto o traballo realizado, o que sempre será un acicate para estimular aos xornalistas a realizar en todo momento o mellor traballo posible.

Hai outros modelos xa en marcha, nas que as achegas realizadas polos lectores non se dirixen tanto a asegurar o financiamento dun medio como a promover a investigación e publicación de determinados temas. Spot.us é un proxecto open source pioneiro en reportaxes impulsadas pola comunidade de internautas. Os xornalistas, autónomos, propoñen na páxina as súas reportaxes e cada internauta fai a súa achega até acadar o necesario para realizar a reportaxe. De igual xeito que hai iniciativas open source que procuran apoios para a realización de determinados fins sociais, este fixa os seus obxectivos na realización de traballo xornalístico de calidade e na cobertura de certos asuntos que non son investigados nin publicados polos medios de comunicación. Un proxecto semellante, sempre baseado no crowdfunding é o francés J’aime l’info, que acaba de arrincar.

Para gañar hai que arriscar
“O problema é que os xornalistas non entenden o seu negocio”, sentencia Randall Rothenberg, antigo reporteiro do New York Times e que na actualidade dirixe o Interactive Advertising Bureau. Os medios deberían redefinir a súa relación coa audiencia e cos anunciantes. En moitos casos gastan unha gran cantidade de tempo e recursos buscando incrementar as súas cifras de usuarios únicos, e o único que conseguiron converter á publicidade online nunha caste de spam. Esa publicidade dependente de altos volumes de tráfico é inútil, pois os medios dificilmente poderán competir coas cifras de tráfico de Google, Facebook ou Yahoo. A clave está no contacto coa audiencia, no coñecemento dos seus gustos, en crear lectores fieis, en construír e comprometerse con comunidades.

Os medios deberían repensar tamén as súas relacións cos anunciantes, sobre todo porque os anunciantes agora teñen máis soportes e medios para colocar o seu investimento. Os medios contan e seguirán contando cunhas fortalezas evidentes: producen contidos para unha comunidade determinada, coa que se comprometen, e os seus comerciais coñecen os mercados locais, polo tanto poden servir de guía aos anunciantes neste novo tempo e neste novo espazo. Pero os medios si deberían atopar alternativas aos sistemas de cobro baseados nas impresións, no CPM, actualmente dominantes.

O atraso na aposta por Internet, a falta de desenvolvemento de novos negocios e produtos, están lastrando o futuro dunha prensa local que noutros lugares se move moito máis rápido. Coa convicción de que mentres se mantén o negocio tradicional hai que desenvolver con decisión as novas oportunidades. Os medios necesitan multiplicar as fontes de ingresos para ser sostibles, ter varias fontes de financiamento e non depender en exclusiva dos subscritores ou da publicidade, acadar unha caste de promiscuidade de ingresos: producir contidos para outros medios, edicións físicas, fondos públicos e procedentes de doadores particulares… E debe facer o mesmo coas súas iniciativas xornalísticas e negocios, publicando distintos tipos de produtos, para nichos de audiencia distintos.

O dixital, malia as dificultade novas que presenta, ofrece algunhas vantaxes claras, comezando pola facilitade de dar marcha atrás cando un proxecto non é viable. Na rede a traxectoria previa, a xeración de fidelidades, é menos importante que no papel e pode ser revertida con máis facilidade, pero tamén conta e aínda que o escenario aínda non sexa claro, o que abra camiño ten as gañar e o que queira triunfar no futuro ten que tomar posicións neste momento. Pode mesmo que a nula aposta da prensa galega polas posibilidades que ofrece a rede, nun momento no que perde lectores e sobre todo non é quen de enganchar ás novas xeracións, estea comprometendo a súa supervivencia nas vindeiras décadas.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría internet, medios locais, prensa, publicidade | Leave a comment

O 15M e os xornalistas

1- Os medios de comunicación, ao igual que os partidos, ao igual que os sindicatos, ao igual que a Igrexa, están cada vez máis desconectados da realidade, móvense nunha superestrutura de actores informativos organizados e recoñecidos: as administracións, os partidos e movementos estruturados (aínda que sexan anti-sistema), os grandes poderes… A sociedade flúe por debaixo deles e cada vez a observan dende máis lonxe, servíndose das estruturas de representación e dos actores que a exercen. Porén, os medios, que -agás en certos momentos da Historia- adoitan ir moi por detrás dos cambios sociais, non se decatan de que vivimos un tempo acelerado e no que se produce unha profunda crise de representación.

2- Os medios de comunicación non entenden o movemento 15M, non saben relacionarse con el porque están demasiado afeitos a tratar con organizacións estruturadas de maneira vertical. Non o entenden, ademais, porque os medios guíanse polo suceso, polo feito concreto e pola proposta de grande intensidade e curto alcance. O 15M é todo o contrario, non cae na política-espectáculo habitual, non ten nin quere ter ‘interlocutores válidos’ e non quere ser actor establecido, pregunta e actúa dende fóra do sistema, interpélao sen intención ningunha de constituílo. Como salienta Amador Fernández-Savater, “por eso los políticos y los media presionan para que nos convirtamos en un ‘interlocutor válido’ con sus propuestas, programas y alternativas. Una identidad ya no hace preguntas, sino que ocupa un lugar en el tablero (o aspira a ello). Se convierte en un factor previsible en los cálculos políticos y las relaciones de fuerzas».

3- O principal cambio que introduce o movemento 15M, a diferenza doutros movementos de protesta precedentes, organizados ou espontáneos, é que non lles preocupa (moito) o que os medios digan deles, o relato que os medios fagan da realidade, a mentira ou a ocultación. Non pasan nin un minuto mirando polo espello retrovisor; saben que teñen razón e seguen para adiante.

4- Os medios de comunicación atravesan unha crise económica estrutural, unha crise do seu modelo de negocio, e son aínda renuentes a apostar pola información dixital. Mentres, procuran a supervivencia das súas estruturas e mínimas marxes de beneficios a través do afianzamento dos acordos estratéxicos que manteñen cos poderes políticos e económicos e dos recurtes de persoal. É dicir, nesta visión curtopracista os medios buscan aforrar xusto naquilo que constitúe a súa forza, a capacidade de analizar e relatar a realidade que os fai interesantes para os seus lectores e poderosos fronte aos poderosos.

5- Os medios de comunicación caen no mesmo saco da crítica global que o movemento 15M lle realiza ao sistema porque os medios de comunicación son parte do sistema (non é necesario nin citar a Althuser para dicir isto), aínda que nunha concepción ideal funcionen como vixiantes dos grandes poderes. E do mesmo xeito que os partidos xa non poden estruturar a sociedade dende a súa base como facían hai unhas décadas (representantes, mais tamén formadores, informadores e integradores dun grupo social), e tampouco os sindicatos ou a Igrexa, tampouco os medios de comunicación teñen xa o monopolio do relato informativo do presente. Canto máis tempo tarden en entendelo, a súa crise de credibilidade será máis difícil de remontar. Para Joaquín Estefanía, «el movimiento de los indignados critica a los medios de comunicación tradicionales, sin establecer muchas diferencias entre unos y otros, porque para ellos la contradicción principal no está entre la izquierda y la derecha, entre los profesionales y los manipuladores, entre los propietarios y los periodistas, sino entre el establishment económico, político y mediático y lo que Robert Castel denomina ‘los desafiliados del sistema’”. A sociedade, en palabras de Daniel Innerarity “ya no tolera un modelo de periodismo autoritario, que establece la agenda informativa y decide qué es lo que a la gente le interesa”.

6- O movemento 15M descualifica aos medios de comunicación e aos xornalistas porque ese sentimento está presente na sociedade dende hai anos. A imaxe pública de redactores e medios deteriórase ano a ano e fórase revelando na caída das cifras de difusión das cabeceiras de referencia e nunha profunda crise de credibilidade. Nunha carta remitida á Defensora do Lector de El País, o Observatorio de Medios da Asamblea Popular de Arganzuela, en Madrid, pedíalles aos redactores “recuperad vuestra profesionalidad como periodistas». O xornalismo profesional é necesario, é imprescindible para que a cidadanía se organice e faga fronte aos grandes poderes. O bo xornalismo, refírome, o outro -moito do que hoxe se fai- é prescindible e comeza a esmorecer na mesma medida en que as persoas deixan de confiar nel. O xornalismo non é nada sen credibilidade.

7- Bótase en falta unha reacción no seo das propias redaccións, non só para protexer as súas condicións contractuais e de traballo, senón para reconducir a axenda temática e o estilo dos medios segundo criterios profesionais de calidade e de respecto á deontoloxía. Naceron algunhas iniciativas, como Periodismo Real Ya, ou os manifestos elaborados pola FAPE, pero as redaccións continúan mudas. Os partidos teñen moito que aprender do 15M, tamén os medios e os xornalistas.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría 15m, democraciareal, prensa, xornalismo | 3 Comentarios

A Transición esgotada, unha segunda Transición

Vicenç Navarro reclamaba hai uns días, unha vez máis unha «necesaria segunda Transición» como vía para reforzar a debilitada democracia española. Tamén Josep Ramoneda incidía no esgotamento do que chama «democracia postfranquista»: «Con el segundo y apabullante mandato de Aznar, el último caudillo, democrático, por supuesto, se ponía fin a una primera etapa, el periodo que podríamos denominar como la democracia posfranquista. Zapatero tuvo la oportunidad de abrir la segunda fase, una democracia más rica, despojada definitivamente de las cargas del pasado y de los condicionantes de la cultura de la transición. Sus inicios fueron prometedores, pero pronto sus promesas se esfumaron». Ramoneda ve numerosos síntomas do esgotamento da Cultura da Transición no cuestionamento (á alza e á baixa) do Estado das Autonomías, da desorientación sobre o modelo produtivo que debe rexir no país, e en xeral na sensación «estendida de que sensación de que la democracia está enquistada, en manos de una casta convertida en grupo de intereses, incapaz de renovarse en las personas y de regenerarse en los comportamientos».

De feito, o movemento 15M revela o esgotamento da chamada Cultura da Transición, unha forza que foi quen de construír un Estado democrático e un Estado do benestar perfectibles pero valiosos, pero que hai tempo que xa só existe como invocación, como xa advertira en xaneiro Amador Fernández-Savater. Esta Cultura da Transición, consensual, desproblematizadora e despolitizadora, alude para Fernández-Savater á configuración «que estructura decisivamente lo que se puede ver y hacer en el juego político, la universidad, los medios de comunicación, las prácticas creativas y las maneras concretas de organizar cotidianamente lo real». Todo o que fique fóra deste marco de senso común é denunciado como conflito e como problema. Os cidadáns estableceron un contrato tácito cos partidos, sindicatos e medios de comunicación, que realizaron funcións de representación durante décadas. E agora os cidadáns reclaman que as condicións do contrato non se cumpriron. E reclaman a devolución dos seus dereitos políticos, da súa voz, do seu dereito a autoorganizarse e a discutir un marco novo.

O referendo constitucional de 1978 rexistrou unha participación do 67%, cun 88,5% de votos afirmativos, en total contou co apoio do 59% dos censados. Unha maioría suficiente nese momento, mesmo deixando á marxe que en Euskadi a abstención foi do 54% e en Galicia do 49%. Porén, apenas as persoas nacidas antes de 1960, é dicir, as que hoxe teñen máis de 51 anos tiveron a posibilidade de votar esta Constitución. O propio presidente Zapatero naceu en 1960 e tiña 18 anos e uns meses no referendo constitucional. Expresado doutro xeito: dos 47 millóns de habitantes que hoxe ten España, case 32 millóns de idade eran menores de idade ou nin sequera naceran en 1978. A Constitución pertence, pois, a outra xeración, e iso réstalle lexitimidade. Non sería mala cousa que os textos constitucionais impuxeran ser refrendados en cada xeración, digamos cada 20 ou 25 anos. Non dubido que se se hoxe se votase esa mesma Constitución, acadaría un apoio popular semellante ao que tivo. Por iso, este mecanismo, lonxe de debilitala, dotaríaa dunha redobrada forza.

Os debates que atravesaron a Transición definen o noso presente, e polo tanto é preciso que esta relectura do pasado recente non sexa patrimonio dun grupo de idade determinado. Se se lles esixe ás novas xeracións que se sintan incorporadas ao consenso constitucional (todos os que na actualidade teñen menos de cincuenta anos eran menores de idade no referendo constitucional) débeselles permitir entrar activamente no debate. No seu Austerlitz Sebald lamenta “o pouco que podemos reter, cantas cousas e canto caen continuamente no esquecemento, ao extinguirse cada vida, como o mundo, por dicilo así, baléirase a si mesmo, porque as historias unidas a innumerables lugares e obxectos, que non teñen capacidade para lembrar, non son ouvidas, descritas nin transmitidas por ninguén». Os feitos históricos deixan de pertencer nalgún momento ás persoas e xeracións que os viviron, en virtude da súa capacidade para definir o presente. É preciso repensar a forma en que se levou a cabo o proceso de reforma política e a maneira en que configurou o desenvolvemento político económico e social dos trinta anos seguintes. Como escribiu Javier Ugarte «la vieja legitimidad que la Transición dio a la democracia resulta insuficiente. También de la historia se ha requerido una nueva relación con la memoria y el presente».

A historiografía sobre a Transición española, agás algunhas excepcións, reflite un proceso do que a sociedade civil permaneceu ausente. A lectura que decote se fai do proceso de Transición política no Estado español é rexeitable, sobre todo, polo que implica de esquecemento da cidadanía, do pobo. A minusvaloración da voz da cidadanía no proceso de democratización, das organizacións sociais e da loita obreira continuou ao longo dos anos oitenta mediante a fagotización que os gobernos socialistas realizaron dos discursos e os proxectos de progreso e modernización. Nesta análise paira a pregunta de até que punto existe un interese en ocultar o papel da sociedade como axente político. Unha das consecuencias máis importantes deste proceso de relegamento dos movementos sociais foi unha progresiva atomización e pasivización da cidadanía, que se comezou a percibir nos últimos anos da Transición (cun aumento espectacular dos índices de abstención) e que recibiu naquel momento o nome de desencanto. Trinta anos despois, nun proceso se cadra máis acentuado en España mais certamente recoñecible en todas as sociedades do primeiro mundo, os indicadores de organización social e de participación política son preocupantemente baixos, limitándose a cidadanía a referendar decisións adoptadas en niveis superiores de decisión. A democracia resultante dun proceso así definido configúrase como un conxunto de dereitos e liberdade outorgadas polas elites, no canto de conquistadas polos cidadáns, o agromo para unha sociedade pasiva e sen capacidade de decisión.

O 15M é a cidadanía recuperando a voz e a iniciativa, é a cidadanía reclamando a responsabilidade e a soberanía sobre o seu presente, nun brutal exercicio de crítica e autocrítica, é a cidadanía reclamándolle aos partidos a devolución dunha parte das funcións de representación política que lles entregara, por comodidade, ao abeira da cultura consensual da transición, é a cidadanía reclamando que o tal contrato de representación foi incumprido. O 15M, polo tanto, é unha reacción contra o sistema político e o marco de estruturación social da Transición, que se xulga esgotado, e o primeiro paso para unha segunda Transición na que a sociedade civil reclama un papel máis activo, na que se esixe unha democracia participativa e deliberativa e un sistema económico máis igualitario e transparente, unha segunda Transición de código aberto e intelixencia colectiva.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría 15m, Transición | Leave a comment

Para cando as plataformas de xornais?

A cultura da gratuidade instalouse na rede, e se cadra máis aínda na lectura de información de actualidade ca en calquera outro ámbito. Parece difícil que o groso das quince millóns de persoas que hoxendía len xornais impresos vaian comezar a pagar por ler eses mesmos xornais na rede. Pagarase por información de calidade, pagarase por información en profundidade, pagarase por información útil, aínda que sexa produto de bos procesos de agregación ou curación, pero non sei vai pagar por información repetida ou formularia. Pagarase por medios moi especializados, de nicho, ou pola prensa de referencia (concepto posto en cuestión ultimamente)

En calquera caso ninguén vai pagar un euro diario nin subscricións de trescentos euros ao ano. Tampouco os xornais necesitan iso; coa redución dos custes de impresión e distribución, apenas necesitan un terzo desa cantidade para ser rendibles. O que sucede é que Internet introduciu tamén novos hábitos de consumo da información; xa non se le un xornal, lense tres, catro, dez ou vinte, aínda que sexa superficialmente ou buscando en cada un seccións ou autores específicos. É por iso que os medios deberán procurar alianzas e a constitución de plataformas de difusión para seguir sendo atractivos para os lectores que pretenden converter en subscritores. En Estados Unidos Ongo ofrece un paquete con algúns dos principais medios nacionais e unha ducia de metros (prensa local) a escoller. En Francia as principais cabeceiras(encabezada por Le Monde, Libération, Le Figaro, Les Échos, Le Parisien e L’Équipe) ensaian unha fórmula semellante.

En Eslovaquia, os xornais máis importantes chegaron recentemente a un acordo para establecer unha plataforma dixital que permita, por unha subscrición única de 2,90 euros ao mes, a lectura de todas as cabeceiras dixitais. A empresa que xestiona o muro de pago queda cun seguramente excesivo trinta por cento dos cartos e os medios reciben unha porcentaxe dos ingresos da plataforma en función do tempo que os lectores permaneceron lendo as súas páxinas. A iniciativa está liderada polo xornal Sme, que xa intentara nos últimos anos establecer muros de pago, sen éxito, e a el uníronse outros como o Pravda, o económico Hospodárske Noviny, o semanario Tyzde?, o deportivo Dennik Sport ou a canle de tv TV JOJ. A plataforma comezou a operar o 2 de maio e nos dous primeiros días xa cumpriu as expectativas que se tiñan para todo o ano: conseguir que o 1% dos eslovacos se subscribisen (uns cincuenta mil usuarios).

España: Orbyt vs. Kiosko y Mas

En España os escasos intentos de condicionar o acceso mediante pago non tiveron éxito no pasado, seguramente por ser moi prematuros nun país no que Internet aínda non se desenvolvera e no que o número de internautas era aínda baixo. El Pais tratou de impoñer en novembro de 2002 un sistema de pago para acceder á súa edición dixital. O 11 de marzo de 2004, debido aos atentados islamitas en Madrid abriu a súa edición dixital durante dous días. A partir dese momento e cada vez con máis frecuencia, El Pais foi abrindo o acceso sen previo pago de maneira intermitente, até que o 3 de xuño de 2005 acabou restablecendo o acceso universal gratuíto á súa edición dixital. Nos case tres anos que El Pais mantivo o modelo de subscrición, só 46.000 usuarios optaron por pagar. No mesmo período o modelo aberto de El Mundo acadou os cinco millóns de lectores. Un erro de timing do que El País (agora nun empate técnico con El Mundo) aínda se está recuperando.

Orbyt, a plataforma de pago de El Mundo, supera xa os 30 mil subscritores mensuais, que pagan uns 15 euros ao mes e que lle reportan ao xornal case seis millóns de euros ao ano. Non é suficiente, evidentemente, pero estes quince mil novos subscritores compensan os lectores que o xornal perdeu no último ano na súa edición impresa. O futuro, en calquera caso, pasa polas plataformas de distribución de contidos, semellantes ás que xa funcionan para a televisión de pago. Orbyt xa incorporou a Marca, Expansión e as revistas de Unidad Editorial, como Telva e hai unhas semanas, La Razón. Finalmente, as cabeceiras de Zeta e Prensa Ibérica veñen de unirse á plataforma creada por El Mundo, o mesmo que fixeran La Razón e as publicacións de Hachette. Entre as publicacións que a partir de agora se poderán ler en Orbyt están El Periódico de Catalunya, Cuore, Woman o Viajar, de Zeta ou La Nueva España, Levante-EMV e Superdeporte de Prensa Ibérica. Tanto as revistas de Hachette como La Razón véndense por separado, polo que se supón que se fará o mesmo coas novas cabeceiras incorporadas, descartando polo de agora a oferta de paquetes.

Dende o seu nacemento, El Mundo ofreceulles ao seus competidores incluír as súas publicacións en Orbyt y convertela en plataforma única. Porén, Vocento, Prisa e outras cabeceras rexionais levaban meses no lanzamento de Kiosko y Mas. O nacemento desta segunda plataforma, que inclúe un número moi alto de xornais (estatais, rexionais, locais…) supón a consolidación deste modelo de distribución no noso país. Nesta plataforma poderanse obter subscricións e números soltos de El País, Cinco Días, El Correo, ABC e as restantes publicacións de Prisa e Vocento, mais tamén de Público, El Periódico (e as demais cabeceiras de Zeta), La Voz de Galicia e un bo número de medios de ámbito rexional. Make it simple é unha consigna moi repetida polos expertos en novas tecnoloxías, e nada sería máis sinxelo para o lector que a existencia dun quiosco único, unha caste de iTunes da prensa no que se puidesen atopar e adquirir a prezos máis baixos que os actuais todas as publicacións.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría internet, medios locais, prensa | Leave a comment