Category Archives: anos oitenta

Anos oitenta: Modernidade galega desbaldida

Os oitenta foron unha década moi curiosa en Galicia. Non é que a sociedade mudase máis ca nas décadas anteriores. Foi nos sesenta e setenta cando se produciron con máis intensidade os fenómenos de abandono do campo, industrialización, emigración a Europa e crecemento das cidades. Pero foi quizais nos oitenta cando as consecuencias sociais deses fenómenos se revelaron de forma máis clara. É nos oitenta cando por primeira vez na súa historia Galicia ten institucións de autogoberno, o que supoñía unha oportunidade para a construción nacional, para a creación dun espazo propio de comunicación, dunha industria cultural de seu e para o desenvolvemento económico. Superado o ecuador da década Xosé Antón Castro Fernández falaba no Luzes de Galicia dos oitenta como A década máxica: «1980 foi unha data máxica para Galicia e hoxe, a seis anos de distancia, os resultados do clímax podémolos ver con máis agudeza, coa madurez dun camiño aínda sen percorrer certamente pero coa crenza firme de que todos os páramos están en cultivo».

Galicia movíase. Sobre todo na cultura, na música, nas artes plásticas, no nacente audiovisual, no teatro, no mundo editorial. Tamén no movemento asociativo: ecoloxismo, feminismo, grupos de renovación pedagóxica, grupos pacifistas… Tamén na economía, a pesar dunha reconversión industrial moi mal xestionada, a empresa galega modernizábase en moitos sectores e conectábase co mundo. Todos os páramos estaban en cultivo, pois, coa sensación de que Galicia deixara atrás o tempo da miseria, da dependencia e da resignación.

Ese país en transformación era moi contraditorio, sobre todo nas dúas cidades meirandes: Vigo e A Coruña, que creceran moi rapidamente nas décadas anteriores coa chegada de milleiros de persoas procedentes do interior do país. Como recoñecía o propio Antón Reixa en 1985: «Vigo es una ciudad desajustada donde la mayoría de los vigueses no son vigueses. En mi barrio, Coia, viven emigrantes, hijos de emigrantes sin trabajo, gentes de las aldeas que un día vinieron al paraíso del progreso y la civilización urbana, pero que no pueden abandonar su mundo campesino (…) aldeanos que odian su propia lengua, niñas-punk con acento de Celanova… todo ello produce una esquizofrenia violenta que no sólo se manifiesta en mi trabajo sino en otros artistas, músicos, pintores, fotógrafos, diseñadores…». Semellante análise realizaba Julio Sequeiros cando afirmaba que «o auxe na cidade de Vigo de movementos que se reclaman post-modernistas, cunha estética, cunha música e, en certa medida, cunha contracultura, constitúe un movemento de resposta -sobreexcitada- á contorna masivamente rural e tradicional na que se acha encravada a cidade. Pode estar representando, polo tanto, unha busca de diferenciación e negación dunha orixe familiar e dun pasado colectivo moi recente que se vive subxectivamente como perecedeiro, e o canto a unha nova identidade -urbana- da que non se está moi seguro. É sintomático, neste sentido, que o campo espacial de referencia para este movemento non é Galicia senón a cidade mesma».

A sociedade civil seguía sendo feble, por suposto, pero tamén aquí estaban caendo os valados. O poder público dominaba, dende o vello caciquismo ás novas formas de control institucional, tamén no mundo da cultura (mesmo nas súas manifestacións máis modernas), pero as forzas que emerxían dende a sociedade estaban aparentemente en crecemento. Antón Baamonde escribía en 1989 no Luzes que «a identidade galega non é nada distinto do propio proceso de auto-reprodución: non precisa, pois, en principio da axuda obrigada do ineffabilem nacional nen da procura do seu arcano porque o seu arcano radica xustamente no mesmo proceso de auto-interpretación da sociedade galega acerca do seu devir histórico. Dito doutro xeito: é a forma en que unha sociedade constrúe o sentido da súa historia o que decide, polo menos parcialmente, acerca do carácter desta».

Nese mesmo ano, nun artigo publicado en La Voz de Galicia, o profesor de Filosofía Rafael Martínez Castro felicitábase porque «a sociedade galega é arestora moito máis complexa do se que adoita presentar. Isto constitúe en por si un dato claramente positivo». O filósofo e político sinalaba que «as forzas hexemónicas da política galega, acollidas ao manto protector dos grandes partidos estatais, procuran os seus apoios sociais nos sectores máis tradicionais e de máis curtos horizontes da sociedade galega. Tributarios do atraso, a súa intelixencia redúcese a administrar renuncias e combinar fragmentarios intereses, imposibles de integrar en ningunha clase de interese común. A política galega actual reduce a súa dialéctica ao puro control das institucións, sen ningún obxectivo público que o transcenda».

Martínez Castro concluía que «cómpre combater as actuais tendencias de oficialización da vida política e desmobilización da sociedade civil» pois é «na diversidade interna da sociedade civil, nese pluralismo, onde se atopa o alicerce das nosas posibilidades e do noso optimismo. O funesto pesimismo que hoxe prima na política galega ten a súa raíz na fonda desconfianza que aínda existe na propia sociedade. Quizais porque se teña dela unha imaxe monolítica. Quizais porque esteamos aínda todos atrapados nunha concepción perigosamente idealista da identidade que nos incapacita para o cambio». O artigo concluía dicindo que «noutros tempos a conciencia política galega pasaba pola afirmación enfática do nós fronte aos outros. Un nós unitario e puro fronte aos outros externos e ameazantes. Agora todo depende de que caiamos na conta de que os outros tamén somos nós».

Esa posición heterodoxa, esa aposta por unha Galicia complexa e diversa, que tamén compartían os movementos culturais de vangarda, chocou contra multitude de obstáculos: o control institucional, a limitación do espazo comunicativo galego, a estreiteza de miras dunha parte do nacionalismo, o centralismo provinciano de PSOE e IU, a vitoria de Manuel Fraga en 1989… En 1990 pechábase unha década máxica que deixou luzaradas dispersas, en maior medida grazas a xenialidades e activismos persoais. Unha década que produciu faíscas que non chegaron a prender, que cómpre analizar sen idealizacións, de forma crítica.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría anos oitenta, cidadanía, movementos sociais | Leave a comment