-
Artigos recentes
Histórico
Categorías
- 15m (6)
- África (1)
- agregación (2)
- anos oitenta (1)
- bng (1)
- cidadanía (6)
- cine (1)
- comunicación política (2)
- crise económica (7)
- crowdfunding (1)
- curación (2)
- decrecemento (2)
- democraciareal (5)
- dereitos (1)
- esquerda (8)
- feminismo (1)
- ferrol (1)
- francia (1)
- inmigración (1)
- internet (27)
- libros (1)
- medios locais (4)
- movementos sociais (7)
- nacionalismo (4)
- NYT (2)
- periodismo (3)
- porunhademoraciareal (1)
- praza (1)
- prensa (21)
- progreso (2)
- psoe (2)
- publicidade (4)
- razón (1)
- relixión (1)
- revolución conservadora (2)
- soberanía (1)
- socialdemocracia (3)
- televisión (1)
- Transición (6)
- xornalismo (30)
Comentarios recentes
- LVG: a gran mentira… | ferradura en tránsito en La Voz de Galicia acentúa a súa caída
- Rocío Barreiro Rodríguez en Praza, un novo xornal. Un espazo no que atoparse
- A revolución que ninguén esperaba | Un vento vén en Papanatismo dixital? (II)
- A revolución que ninguén esperaba | Un vento vén en Papanatismo dixital? (I)
- bathtub restoration brooklyn en Nuevos medios en África: El periodismo construyendo sociedad
Lista de ligazóns (blogroll)
- Arume dos Piñeiros
- Bitácora Escarlata
- Brétemas
- Cabaret Voltaire
- Canadian Dimension
- Casdeiro
- Contraindicaciones
- Croques
- De Paso
- El cuarto estado
- El voto con botas
- Esther Vivas
- Feijoomente
- Fuera de lugar
- Galizia Ecosocialista
- Guerra Eterna
- Ivan Thays
- Jeu de Paume
- Josep Antoni Moreno
- Lenin's tomb
- Libro de notas
- Manuel Cendán
- Manuel Rivas
- O Funambulista Coxo
- O outro lado do espello
- O porto dos escravos
- Outra esquerda
- Preguiza
- Prolingua
- Renovar o bng
- Si Home Si
- Soy menos
- Vudutv
Meta
Category Archives: democraciareal
O 15M e os xornalistas
1- Os medios de comunicación, ao igual que os partidos, ao igual que os sindicatos, ao igual que a Igrexa, están cada vez máis desconectados da realidade, móvense nunha superestrutura de actores informativos organizados e recoñecidos: as administracións, os partidos e movementos estruturados (aínda que sexan anti-sistema), os grandes poderes… A sociedade flúe por debaixo deles e cada vez a observan dende máis lonxe, servíndose das estruturas de representación e dos actores que a exercen. Porén, os medios, que -agás en certos momentos da Historia- adoitan ir moi por detrás dos cambios sociais, non se decatan de que vivimos un tempo acelerado e no que se produce unha profunda crise de representación.
2- Os medios de comunicación non entenden o movemento 15M, non saben relacionarse con el porque están demasiado afeitos a tratar con organizacións estruturadas de maneira vertical. Non o entenden, ademais, porque os medios guíanse polo suceso, polo feito concreto e pola proposta de grande intensidade e curto alcance. O 15M é todo o contrario, non cae na política-espectáculo habitual, non ten nin quere ter ‘interlocutores válidos’ e non quere ser actor establecido, pregunta e actúa dende fóra do sistema, interpélao sen intención ningunha de constituílo. Como salienta Amador Fernández-Savater, “por eso los políticos y los media presionan para que nos convirtamos en un ‘interlocutor válido’ con sus propuestas, programas y alternativas. Una identidad ya no hace preguntas, sino que ocupa un lugar en el tablero (o aspira a ello). Se convierte en un factor previsible en los cálculos políticos y las relaciones de fuerzas».
3- O principal cambio que introduce o movemento 15M, a diferenza doutros movementos de protesta precedentes, organizados ou espontáneos, é que non lles preocupa (moito) o que os medios digan deles, o relato que os medios fagan da realidade, a mentira ou a ocultación. Non pasan nin un minuto mirando polo espello retrovisor; saben que teñen razón e seguen para adiante.
4- Os medios de comunicación atravesan unha crise económica estrutural, unha crise do seu modelo de negocio, e son aínda renuentes a apostar pola información dixital. Mentres, procuran a supervivencia das súas estruturas e mínimas marxes de beneficios a través do afianzamento dos acordos estratéxicos que manteñen cos poderes políticos e económicos e dos recurtes de persoal. É dicir, nesta visión curtopracista os medios buscan aforrar xusto naquilo que constitúe a súa forza, a capacidade de analizar e relatar a realidade que os fai interesantes para os seus lectores e poderosos fronte aos poderosos.
5- Os medios de comunicación caen no mesmo saco da crítica global que o movemento 15M lle realiza ao sistema porque os medios de comunicación son parte do sistema (non é necesario nin citar a Althuser para dicir isto), aínda que nunha concepción ideal funcionen como vixiantes dos grandes poderes. E do mesmo xeito que os partidos xa non poden estruturar a sociedade dende a súa base como facían hai unhas décadas (representantes, mais tamén formadores, informadores e integradores dun grupo social), e tampouco os sindicatos ou a Igrexa, tampouco os medios de comunicación teñen xa o monopolio do relato informativo do presente. Canto máis tempo tarden en entendelo, a súa crise de credibilidade será máis difícil de remontar. Para Joaquín Estefanía, «el movimiento de los indignados critica a los medios de comunicación tradicionales, sin establecer muchas diferencias entre unos y otros, porque para ellos la contradicción principal no está entre la izquierda y la derecha, entre los profesionales y los manipuladores, entre los propietarios y los periodistas, sino entre el establishment económico, político y mediático y lo que Robert Castel denomina ‘los desafiliados del sistema’”. A sociedade, en palabras de Daniel Innerarity “ya no tolera un modelo de periodismo autoritario, que establece la agenda informativa y decide qué es lo que a la gente le interesa”.
6- O movemento 15M descualifica aos medios de comunicación e aos xornalistas porque ese sentimento está presente na sociedade dende hai anos. A imaxe pública de redactores e medios deteriórase ano a ano e fórase revelando na caída das cifras de difusión das cabeceiras de referencia e nunha profunda crise de credibilidade. Nunha carta remitida á Defensora do Lector de El País, o Observatorio de Medios da Asamblea Popular de Arganzuela, en Madrid, pedíalles aos redactores “recuperad vuestra profesionalidad como periodistas». O xornalismo profesional é necesario, é imprescindible para que a cidadanía se organice e faga fronte aos grandes poderes. O bo xornalismo, refírome, o outro -moito do que hoxe se fai- é prescindible e comeza a esmorecer na mesma medida en que as persoas deixan de confiar nel. O xornalismo non é nada sen credibilidade.
7- Bótase en falta unha reacción no seo das propias redaccións, non só para protexer as súas condicións contractuais e de traballo, senón para reconducir a axenda temática e o estilo dos medios segundo criterios profesionais de calidade e de respecto á deontoloxía. Naceron algunhas iniciativas, como Periodismo Real Ya, ou os manifestos elaborados pola FAPE, pero as redaccións continúan mudas. Os partidos teñen moito que aprender do 15M, tamén os medios e os xornalistas.
Na categoría 15m, democraciareal, prensa, xornalismo
3 Comentarios
O que os partidos de esquerdas deben aprender do 15M
O movemento 15M é un síntoma e é un camiño. Supón a reacción da cidadanía organizada, o inicio da reactivación da sociedade civil. Cando parecía que xa só iamos asistir a finais, resulta que a sociedade, encabezada polos máis novos, quere comezar todo de novo. Revela unha frustración e unha indignación dunha maioría social, cansa de que todo, as persoas mesmas, fosen convertidas en mercadorías, cansa de que sexa o poder económico o que controle o poder político e o poder mediático, cansa de que a propia democracia, que é o marco no que se deben solucionar os problemas, se atope tan lonxe dos seus ideais normativos.
A propia democracia instituída foi xerando un conformismo: os individuos delegaban, confiaban, tomaban distancia, e como consecuencia perdían a capacidade crítica que posuían. Carlos Diz Reboredo explícao aquí perfectamente: La conquista meritoria de regímenes democráticos parecía asegurar libertades y derechos, pero a la vez los sistemas de producción y consumo generaban grandes dosis de frustración; el sistema producía necesidades que el hombre nunca satisfacía plenamente. O capitalismo móvese a través da insatisfacción, das necesidades non resoltas. Esta sensación de insatisfacción xeral e irresoluble opera como forza motivadora na reprodución das sociedades modernas. Se as persoas deixasen de sentirse insatisfeitas (coas súas posesións materiais, coa súa posición social, coas súas relacións persoais), a sociedade moderna xa non podería reproducirse a si mesma. Por iso o consumo é unha das bases do movemento 15M.
Como moi acertadamente defende Antón Fernández de Rota en el horizonte abierto tras 1989 parecía extenderse una larga lengua de asfalto, al modo de una autopista que indudablemente podría conducirnos, de manera ilimitada, en el refinamiento gradual y progresivo de la única forma de democracia posible y restante, esto es, la democracia liberal, parlamentaria, de técnicos, mercados y medios de comunicación de masas. Neste senso los primeros gritos de ‘otro mundo es posible’ y el ‘en este mundo caben muchos mundos’, tomados del Chiapas insurrecto desde 1994― fueron a golpear donde más dolía.
O movemento 15M revela tamén o esgotamento da chamada Cultura da Transición, unha forza que foi quen de construír un Estado democrático e un Estado do benestar perfectibles pero valiosos, pero que hai tempo que xa só existe como invocación. É o que Ramoneda denomina El final de la democracia postfranquista e do que xa advertira Amador Fernández-Savater en xaneiro. Esta Cultura da Transición, é consensual, desproblematizadora e despolitizadora alude para Fernández-Savater, á configuración que estructura decisivamente lo que se puede ver y hacer en el juego político, la universidad, los medios de comunicación, las prácticas creativas y las maneras concretas de organizar cotidianamente lo real. Todo o que fique fóra deste marco de senso común é denunciado como conflito e como problema. Os cidadáns estableceron un contrato tácito cos partidos, sindicatos e medios de comunicación, que realizaron funcións de representación durante décadas. E agora os cidadáns reclaman que as condicións do contrato non se cumpriron. E reclaman a devolución dos seus dereitos políticos, da súa voz, do seu dereito a autoorganizarse e a discutir un marco novo.
Vivimos un tempo novo. Hai unha crise de representación e de credibilidade. Os cidadáns xa non se senten representados polos partidos políticos, polos medios de comunicación, polos sindicatos, pola Igrexa, polas grandes institucións que estruturaban a sociedade até hai unhas décadas e que agora esmorecen, manteñen un certo poder superestrutural, mais xa non conectan coa base social que din representar.
O outro día preguntábanlle á escritora Belen Gopegui nunha entrevista ao fío da publicación da súa última novela, na que pairan todos estes temas, se estaba chamando á rebelión. Ela respondeu que estaba chamando á organización, ou, se se quere, a unha rebelión organizada.
O 15M vai diso, de organizarse. Por iso digo que o 15M é un camiño, e un monte de leccións para os movementos sociais e partidos que levan anos propugnando unha transformación no sistema. E organízanse, mesmo cunha articulación precaria demostran que é posible, rompen esa idea paralizadora de que non se poden cambiar as cousas. Si se poden cambiar. A xente perdeu o medo, perdeu o medo a que un paso en falso a leve a unha situación peor, perdeu o medo a expresar a súa posición en público e neste proceso descubriu que non está soa, que un máis un máis un é moita xente. A xente reacciona contra un estado de cousas que non é só que sexa inxusto, senón que a está levando a vivir peor. Case cinco millóns de parados, a destrución continuada do Estado do Benestar, o roubo de espazos e dereitos, do público, que é deles, é noso, perténcenos. O 15M vai diso, de organizarse, de rehabilitar e reconstruír as redes que se foron perdendo na sociedade: nos barrios, nas vilas, entre os distintos movementos, de atoparnos todos na praza e facer entre todos. Como escribiu Gramsci xa en 1920 as xuntanzas e debates para preparar as reunións do comité de empresas foron máis valiosos para a formación da clase traballadora que dez anos de ler panfletos e artigos escritos polos donos do xenio da lámpada.
Dende a esquerda algunhas voces reaccionaron fronte ao 15M con máis ou menos simpatía, pero recordándolles en todo momento que todas as peticións que realiza o movemento: máis democracia, unha economía máis xusta para todos, maior protección social, xa as levan eles defendendo moitos anos dende o parlamento. Iso é innegable. Pero o problema non é programático. O problema é outro, como ben escribe hoxe Pereiro, é un problema de representación. Os partidos xa non son, non poden ser unha estrutura vertical de representación, información, formación, e integración da sociedade. A esquerda administra unha inercia, pero é unha forza que esmorece. As crises que atravesan o PSOE, o BNG e EU non é casual. E a esquerda é cada vez máis incapaz de se enfrontar, aquí e agora á dereita que goberna e á que vén.
O 15M non é unha reacción contra a esquerda organizada, pero si ten algo de novidoso; é un movemento que non ten aos tradicionais partidos da esquerda no espello retrovisor. Non está pendente do que fan, non está pendente de se apoian o movemento ou deixan de apoialo, non lles reclama a súa colaboración nin a critica expresamente. Pasou por riba dela porque a sente allea, milleiros de cidadáns que ocupan un espazo de esquerda (de defensa do público, de defensa do común, un espazo de xustiza social, de democracia participativa), senten que os partidos hai tempo que pasaron por riba deles, están lonxe, non escoitan, arróganse unha función de representación que posuían e malvenderon.
A esquerda asómase a un tempo completamente novo, a unha caste de horizonte do infinito -onde xa non hai máis terra- perdendo a loita pola hexemonía e obrigada a recomezar a Historia in medias res. A esquerda, ferida pola sociedade de consumo, a fe no progreso, o antihumanismo, o individualismo e os espazos privados, esqueceu o cerne do seu discurso: a comunidade, o colectivo, a democracia, a fraternidade republicana. Cómpre mirar aos ollos á derrota, fender os valados, desfacer as barricadas e os dogmas e atoparse nun movemento ubicuo e multiforme. Aplicando o verso (remudado) de Lois Pereiro, máis que demoler, cómpre construír. Cómpre resocializar a política, recuperar a iniciativa, recuperar a indignación. Se a política non se confunde co social, a representación do un polo outro devén problemática, pois nese caso, en que se basea a súa lexitimidade?
A esquerda debe dirixirse a unha sociedade complexa, social e ideoloxicamente diferenciada e contraditoria. Debe traballar pola conquista da propia sociedade civil a través da potenciación da súa autoorganización. Os proxectos transformadores só se poden dar en sociedades cun nivel elevado de desenvolvemento da sociedade civil, sociedades con capacidade de autoorganización.
Manuel Vázquez Montalbán reclamou en 1993 en Ajoblanco «a necesidade dunha articulación e dunha certa coordinación do que poderiamos chamar a vangarda crítica da sociedade civil a través de movementos sociais» porque segundo o escritor «a única garantía que nos pode quedar nun momento concreto de defensa ante unha tentación involucionista é que a vangarda da sociedade civil tivese instrumentos para propiciar unha reacción de carácter social. E niso estamos espidos».
Na categoría 15m, democraciareal, esquerda, movementos sociais
1 Comentario
As prazas xa son nosas, queda todo o demais
O movemento 15m conseguiu xa o máis difícil, se cadra: rachar a apatía, desmentir a sensación de que ningún cambio é posible, crear hábitos de encontro, debate público e mobilización, chamar a atención do sistema e dos medios de comunicación, conseguir que estean pendentes (aínda que sexa na procura do descrédito) das súas propostas, funcionamento e decisións. As asembleas racharon as rutineiras axendas políticas e mediáticas e introduciron novas dinámicas e repertorios de mobilización. Digamos que se fixou a metodoloxía, marcáronse as liñas de traballo e sinaláronse os problemas máis urxentes e tamén os máis importantes.
Porén, sería un erro que o movemento caese na autocompracencia e na estaticidade, pensando que esta situación inicial: acampadas, entusiasmo participativo ante a posibilidade de falar nun micrófono aberto…, se vai manter moito máis tempo. Amador Fernández-Savater alerta neste senso de que cómpre “evitar la trampa de la permanencia y la quietud, y asumir que el movimiento nos llevará siempre a otros lugares”.
Cómpre axeitar os procesos de traballo e as accións mobilizadoras ás forzas reais coas que se contan, aos ritmos e espazos nos que estas sexan máis efectivas e teñan unha meirande incidencia. O movemento non son as acampadas. As acampadas serviron para acender a faísca. Serviron, nun nivel simbólico, como conquista do espazo público. Serviron como bandeira de enganche da xente, que vía nelas un acto de forza, de rebeldía, unha vitoria diaria que animaba á acción. Tiveron mesmo unha importante función loxística, ao comezo.
Pero creo que neste momento o movemento necesita concentrar as súas forzas non neste acto de resistencia, intenso pero de curto percorrido, senón en acción máis creativas e que constrúan os alicerces dunha alternativa a medio e longo prazo e que teña incidencia na realidade. O movemento non son as acampadas, pero si que o son as asembleas, as conferencias, os obradoiros, os seminarios, as actividades culturais e o propio acto de atoparnos na praza. Xa non necesitamos a presenza de tendas e carpas nas prazas porque as prazas públicas xa son nosas, das persoas. Agora si.
As prazas deben ficar como punto de encontro, como ágora para as asembleas e espazo para as actividades, pero para iso non é preciso que alí haxa xente acampada. Non é preciso máis que un altofalante, ou un micrófono e un equipo de son. O movemento non son as acampadas nin é nada físico. O movemento é tan forte precisamente por iso, porque o movemento é a xente que participa nel, as redes e procesos de traballo que se crearon entre elas. As acampadas xa cumpriron o seu obxectivo. Amador Fernández-Savater conclúe: “Sol no está ante el desafío de dejar la plaza o de levantar la acampada, sino ante el desafío de fundar un movimiento nuevo (…) Mañana o dentro de diez días, eso yo no lo sé, pero pienso que nuestro reto es repetir aquel gesto y actualizar de nuevo el movimiento, refundarlo”.
Extensión do movemento aos barrios e vilas
O que cómpre agora é que en cada barrio e vila se creen asembleas co mesmo espírito e forza ca no centro das cidades, como xa se comezou a facer o domingo pasado en Madrid e Barcelona. Cómpre estender os debates e accións alí onde está a xente, onde a xente vive e ten problemas e motivos para a súa indignación. “El objetivo de estas asambleas es acercar a los ciudadanos y ciudadanas la posibilidad real de que su voz sea escuchada, y, por tanto, están abiertas a todas las personas que quieran sumarse a las mismas”, como recorda o texto aprobado na Asemblea de Sol, que conclúe: “Queremos compartir la experiencia de un movimiento horizontal, justo y equitativo. Esta iniciativa ha de fraguarse en nuestros barrios y en nuestros municipios, extendiendo la toma de decisión política a un primer plano sumándonos a las experiencias acumuladas en actos de lucha vecinal mediante la constitución de asambleas populares en las que se debatan todos los problemas del conjunto de la ciudadanía”. Un dos principais obxectivos de levar as asembleas aos barrios é rachar as resistencias que moitas persoas aínda manteñen para participar máis activamente no movemento, ben polas dificultades para achegarse ás prazas centrais das cidades, ben pola desconfianza ante actividades que se realizan lonxe da súa rúa, ben polo bloqueos e ocultacións informativas, ben porque consideran que aquilo do que se fala nas asembleas xerais está lonxe dos seus intereses concretos.
Estas asembleas deben debater cales son as necesidades do barrio (repensar o barrio), en que aspectos é máis urxente actuar (dinámica) e de que maneira se pode chegar ao meirande número de veciños para que a participación sexa o máis ampla posible (comunicación e difusión). O obxectivo último destas asembleas debería ser autoxestionar as necesidades do barrio, tanto no referido á cultura, á reciclaxe, á vivenda, aos equipamentos ou á integración das persoas expulsadas do sistema. Non é imprescindible -nun primeiro momento- contar cun espazo físico estruturado para a realización das asembleas e actividades, aínda que se debería esixir facer uso das instalacións públicas como tales instalacións públicos. De igual xeito, as asembleas deberían funcionar en coordinación e conxuntamente coas asociacións de veciños, polo que se podería esperar delas a cesión dos seus locais.
Creo que do mesmo xeito que é importante, principalmente na Coruña e Vigo, levar as asembleas aos barrios, é se cadra máis urxente mellorar os case inexistentes mecanismos de coordinación entre a ducia de asembleas galegas, mantendo evidentemente a autonomía de cada unha delas, na procura dunha meirande atención dos medios, a realización de acción conxuntas ou simultáneas, o intercambio de actividades e coñecemento ou a elaboración de recursos informativos compartidos. Unha coordinación a nivel galego facilitaría a igualmente necesaria coordinación coas principais acampadas do resto do Estado, principalmente Madrid e Barcelona.
A creación de asembleas de barrio será moito máis difícil en Galicia do que está sendo en Madrid e Barcelona, onde se está facendo con rapidez e moito éxito, debido principalmente á debilidade das estruturas sociais preexistentes. O movemento veciñal galego é feble, apenas hai iniciativas preexistentes de organización autónoma (coma as asembleas de barrio que xa funcionaban antes do 15m en Barcelona, coma a Asemblea de Sants). En realidade todo o que podemos definir como sociedade civil en Galicia é feble, apática e está mal organizada e pouco interconectada. Por iso o traballo que se realice dende as asembleas centrais e as asembleas de barrio será tan importante, porque deberá contribuír a facer maionesa con todas esas persoas, colectivos e reivindicacións illadas. Os proxectos transformadores só se poden dar en sociedades cun nivel elevado de desenvolvemento da sociedade civil, sociedades con capacidade de autoorganización. A esfera pública que describiu Habermas designa un escenario nas sociedades modernas no que a participación política se realiza a través do diálogo. É o espazo no que os cidadáns pensan e examinan os seus asuntos comúns, un escenario institucionalizado de interacción discursiva. Porén, a concepción burguesa promociona unha separación absoluta entre sociedade civil e Estado na que os públicos sexan débiles, e cuxa práctica deliberativa consista exclusivamente na formación de opinións e non na toma de decisións, o que limita a forza real da opinión pública.
A extensión aos barrios, cuxas asembleas funcionarán de xeito coordinado, non implica o abandono dos actos masivos nas prazas centrais das cidades: “El carácter masivo de las asambleas que allí se desarrollan, la sensación de poder colectivo que estas infunden, y el propio capital simbólico que acumula la conquista de dicho espacio hacen aconsejable que la extensión del movimiento a los barrios y pueblos conviva con el uso periódico de dicho espacio. Por ejemplo, llamar a que todos los días 15 de cada mes (o con mayor asiduidad) se convoque una gran asamblea general en Sol, seguirá alimentando esa sensación de poder popular y ese capital simbólico”, como lembra Nacho Álvarez.
Extensión do movemento a outros colectivos
Cómpre tamén que nestas asembleas se impliquen todos as persoas que neste momento están traballando en colectivos transformadores, á marxe dos partidos, como acordou por exemplo o Foro Social de Madrid hai uns días: “nos proponemos desde ya trabajar para reforzar la movilización social crítica que se ha iniciado a partir del 15-M, buscando la confluencia con movimientos ecologistas, feministas, de migrantes, entidades vecinales, sindicatos y partidos alternativos, así como todas aquellas personas y redes con las que podemos conectar desde esta Asamblea”. De igual xeito que hai organizacións (supostamente transformadoras) que amosaron reticencias ante este movemento, en base a unha pretendida monopolización dos espazos e repertorios de protesta, sorprende que algúns colectivos, principalmente ong’s, asociacións e cooperativas non se decidiron a participar activamente, se cadra por descoñecemento ou porque, movidos por unha cautela excesiva, coidaban que a súa intervención podería ser interpretada como un intento de tutelar ou controlar o movemento. A súa presenza é importante porque os colectivos veciñais, feministas, ecoloxistas, as cooperativas de economía solidaria, agricultura ecolóxica, consumo sustentable… levan anos realizando un inxente traballo de formación e creación de redes nos seus campos. Por suposto, como se lembra nos documentos de traballo redactados para a organización das asembleas de barrio de Madrid, “en estas asambleas no participan organizaciones, participan personas. Todas sus voces poseen, por tanto, el mismo valor. Surgen de un movimiento asambleario, y no de agrupaciones particulares de cualquier signo”.
Hai que pensar na pluralidade das dominacións e a forma en que se alimentan unhas doutras, sen sumarse mecanicamente, para pór ao día as solidariedades e converxencias posibles. Como deixou escrito Bensaïd, “son unha multitude en eu mesmo”; todos formamos parte de conflitos individuais e colectivos, laborais, sociais ou persoais, que se cruzan, superpóñense e mestúranse todo o tempo, “as súas respectivas intensidades desprázanse en función de situacións concretas e do conflito dominante que os caracteriza». A este respecto, Judith Butler recomenda unha «suma sen síntese» e «unha forma de xestión politicamente produtiva de conflitos». No fondo é o que se veu producindo nas prazas, unha suma de indignacións e reivindicacións, sen síntese e tampouco sen tentacións de dominación; a ruptura dos tabiques que nos illaban e a comprensión de formar parte do mesmo grupo: os indignados, os desposuídos, os oprimidos, os excluídos dunha forma ou outra polo sistema.
O movemento non debería limitarse tampouco a debater un decálogo de boas prácticas ou unha caste de programa alternativo e ambiguo, como se veu facendo até o de agora, senón que debe fundirse cos milleiros de pequenas loitas que a nivel persoal ou colectivo se libran en todo momento. Por exemplo, en Madrid, a Asamblea de Sol implicouse na loita contra a privatización do Canal de Isabel II, as protestas dos bombeiros contra os recortes ou a folga das traballadoras do Servizo de Axuda a Domicilio. En Barcelona, a contestación social contra as retalladas, os recortes nos servizo públicos, forma parte das demandas da Assemblea de Plaça Catalunya e das asembleas de barrio. De igual xeito, o movemento debería impulsar actos públicos e accións concretas de protesta que permitan manter a atención mediática sobre o movemento. Un bo exemplo neste sentido é a iniciativa proposta pola plataforma Democracia Real Xa para o próximo 15 de xuño, día no que se tentará evitar o desaloxo dunha familia no barrio de Tetuán que xa non pode facer fronte á letra da súa casa.
A este respecto, Rafael Díaz-Salazar (Attac), aposta por unha “estratexia de resistencia, desobediencia civil, e ocupación do espazo público. Unha especie de guerra de guerrillas non violenta, de acción e retirada, de mobilización e educación cívica, de protesta e elaboración colectiva de propostas e alternativas. Un movemento sen présa e sen pausa, que sabe que para crecer a longo prazo hai que saber axustar o ritmo e o tempo”. Deste xeito, as loitas e as alternativas xeradas desde as bases cidadás irán dando corpo a novas formas de facer política que quizá co paso dos anos cristalicen en novas formacións políticas. Ou non. O futuro escribirémolo nós. Pode que o que se fixo non sexa o máis difícil, pode que coma en case todo o difícil non sexa chegar senón manterse. Pero é que, joder, era tan difícil chegar!, era tan difícil rachar as dinámicas dos medios, dos partidos, dos movementos sociais, da sociedade no seu conxunto e de cada individuo. Como escribiu Santiago Alba, «cando parecía que xa só agardabamos finais, chega unha multitude de persoas querendo inventar todo de novo». E iso xa está aí, agora queda todo o demais.
Asemblea do Barrio de Montealto
Venres 3 de xuño. Diante da Asociación de Veciños de Montealto, Campo de Marte. A Coruña
Texto publicado pola Comisión de Barrios da Asemblea de Sol, con recomendacións para o seu funcionamento, organización interna e coordinación coas restantes asembleas (pdf)
Na categoría 15m, democraciareal
Leave a comment
A transformación das #acampadas
Vou tentar ser breve, esquemático e directo, sen caer en digresións teóricas. Escribo isto porque vou andar uns días por Barcelona e polo tanto non vou ter oportunidade de dicir gran cousa até o luns da semana que vén. A ver o que atopo á miña volta. E por suposto non se trata de curarme en saúde, para poder dicir euxaodicía, senón de facer unha achega á reflexión.
Creo que o movemento 15M é algo moi importante. Non é unha anécdota. Revela que unha porción moi importante da cidadanía sente unha frustración moi grande co sistema político, económico, mediático…, co sistema en definitiva, que é un e son tres, coma o espírito santo. Non son desclasados, non son lumpen, non son desinformados, non son inconscientes. Todo o contrario: están no centro do sistema, son o seu sustento, pero senten que o sistema os agrede, os expulsa. Levan moito tempo detectando e sinalando en privado as eivas do sistema e agora unha faísca, algo, fixo que se decidisen a cuestionalo en público.
Creo que a noción do público é o fundamental neste movemento, de igual xeito que a ocupación física dese espazo público, da praza, é o seu símbolo máis claro. Creo que o principal problema desta sociedade é o individualismo, a consolidación dos espazos privados, a desconexión interpersoal e intergrupal, o establecemento de tabiques e compartimentos estancos entre unhas persoas e outras, entre uns colectivos e outros, entre unhas reivindicacións e outras. É a marca que mellor define a sociedade contemporánea, pero ademais é un fenómeno alentado dende os grandes poderes (de acordo co vello divide e vencerás). A experiencia queer combatendo isto debería sernos moi útil. Xa non hai grandes movementos, desaparecen os grandes partidos, os grandes sindicatos e os vellos medios de comunicación de masas. Desaparece o concepto de masa, en realidade. Iso non é nin bo nin malo, iso é a realidade. Pero as alternativas ao sistema teñen que estruturarse dende esa realidade, entendendo e aproveitando esa capilaridade e establecendo movementos amplos, recuperando a noción do espazo público (físico ou non) para atopármonos todos, para poñer en común os nosos problemas, os nosos diagnósticos, os nosos coñecementos e buscar alternativas entre todos. Porque escoitándonos uns aos outros podemos aprender moito, aprender que as causas dos problemas poden ser comúns moitas veces, e que as maneiras de afrontar problemas moi distintos tamén poden ser semellantes.
Iso é o que os partidos da esquerda real non entenden. Non entenden que o problema non é de programas nin de accións institucionais. O problema é de actitudes, o problema é de permeabilidade, de capilaridade, o problema é que os partidos políticos xa non serven como mecanismos de integración e organización, de formación. Os partidos políticos son xa apenas unha parte pequena de movementos moi amplos e teñen unha función moi clara: a xestión nas institucións dun coñecemento da realidade, dun programa que emerxe dende abaixo, dende a deliberación racional de individuos formados, informados e conscientes.
Este movemento funcionou como catarse, como psicanálise individual e colectiva e como escola de aprendizaxe para moitas persoas que nunca falaran en público, que nunca escoitara opinións diverxentes cara a cara e nunca as rebatera (a iso nos están levando os compartimentos estancos), que nunca se involucraran nun movemento colectivo (nin sequera en asociacións de veciños ou profesionais). E todo require unha aprendizaxe. Unha famosa pintada do maio do 68 dicía algo como aquel que unha vez abriu os ollos xa non os pode volver pechar. Algo diso hai. Cando este movemento remate ou se converta noutra cousa estas persoas que se implicaron na organización terán moitas ferramentas para crear cousas novas e tamén verán con ollos distintos outras reivindicacións.
E agora vou coa crítica e coas propostas. Non creo que as acampadas se poidan nin se deban manter durante moito máis tempo. Primeiro porque as forzas se van is esgotando e non hai nada máis triste e peor derrota que un movemento que esmorece pouco a pouco. Creo que as acampadas non son o cerne deste movemento. Son un símbolo, un punto de encontro e poden servir de apoio loxístico nalgún momento. Como escribiu estes días Jorge Costa La acampada se está convirtiendo para algunos en una justificación del movimiento y no al revés. Sempre dixen que as acampadas tiñan que manterse máis aló do 22M, para evitar os comentarios maledicentes que sempre quixeron ligar este movemento ás eleccións. Pero sempre pensei que unha vez conseguida a mobilización social, a atención mediática, a atención dos partidos e do sistema, a creación de redes, os movemento tiña que evolucionar e diversificarse. Seguramente concentrando as actividades culturais, formativas, debates e asembleas en venres, sábados e domingos pola tarde, nos momentos nos que a xente dispón de máis tempo. Creo que é máis importante un movemento menos intenso que dure un ano que un que gaste toda a súa forza nun par de semanas. Afortunadamente o movemento segue tendo forza, sigo vendo varios centos de persoas nas asembleas do Obelisco. Pero ollo, se o movemento non evoluciona isto rematará pronto.
Tamén dixen sempre que esta evolución tiña que cifrarse, sobre todo, nun meirande énfase na formación, na cultura alternativa e no debate específico e ordenado sobre distintas cuestións. O movemento ten que suplir o que o sistema foi deixando fóra, do mesmo xeito que na Coruña viña facendo As Atochas ou do mesmo xeito que fan outros colectivos. Ao igual que As Atochas, a Acampada non é un espazo físico, é un espazo público no que atoparse e no que desenvolver un discurso alternativo. Outra idea moi positiva que xurdiu nalgunhas acampadas foi a extensión e desprazamento das actividades polos distintos barrios das cidades. Sen ser unha metrópole A Coruña é unha cidade grande, e ninguén ten a obriga de baixa todos os días ao Obelisco dende Os Mallos, a Agra do Orzán ou A Gaiteira. Conseguiríase así implicar a máis xente, rachar algunhas ideas preconcibidas e erróneas que algunhas persoas poden ter e entrar en relación coas asociacións de veciños e outros colectivos que levan anos facendo un traballo moi produtivo nesas comunidades.
Hai colectivos sociais e expertos que levan anos traballando arreo, informando e denunciando prácticas patriarcais, a especulación urbanística, os abusos da banca, o uso de combustibles fósiles… Eses colectivos deben ser parte deste movemento e parte protagonista mesmo. Isto non implica dirixismos nin tutelas. Creo que en certos lugares se está sendo moi inxusto con moitos destes colectivos que se involucran no movemento para achegar o seu coñecemento e a súa experiencia. De igual xeito que a instalación eléctrica das acampadas a fixo (espero) alguén que soubese algo de electricidade e que a comunicación a deberían coordinar xornalistas ou persoas que tivesen experiencia. Son consciente das reticencias que xeran en moitas persoas os grupos organizados, sobre todo os partidos políticos, polas malas experiencias dirixistas do pasado. Pero non se pode coller o todo pola parte. Non se pode nin se debe empezar de cero. De igual xeito que podemos ser moi críticos co funcionamento do sistema pero debemos defender as estruturas do Estado de Benestar, podemos ser críticos con moitos aspectos da sociedade civil organizada, pero iso non se debe traducir nunha emenda á totalidade. Vivimos malos tempos, pero hai edificios en pé. Lois Pereiro escribiu que a demolición é o ferro que nos arma. En certa maneira poderiamos remudalo e dicir que algunhas veces a demolición é o ferro que nos (des)arma.
Refírome a que creo que este movemento debería servir, sobre todo, para que a xente se informase e se formase sobre moitos asuntos que configuran a realidade, accedendo a voces expertas que moitas veces non teñen a oportunidade de ser oídas. Desa experiencia e dos debates que se xeren si que se poden comezar a xerar diagnósticos máis elaborados sobre os problemas da nosa sociedade e a partir de aí comezar a debater propostas alternativas. Creo que se está perdendo moito tempo en buscar programas de mínimos ou programas de goberno alternativos cuxa responsabilidade non corresponde a este movemento. E que ademais se está facendo mal, sen información, sen a intervención de expertos, con pouco debate, aplaudindo con fervor propostas difíciles de realizar e que ao tempo que solucionan algúns problemas xerarían outros novos. Información, debate, racionalidade, deliberación, organización. Leva tempo, as cousas non se resolven en semanas, senón en meses.
Para ir rematando. Supoño que cando alguén di que este é un movemento apolítico, simplemente está empregando unha definición de política distinta á que utilizo eu. Creo que non fai falla estenderse en que todo é política e todo implica unha toma de posición política. Mesmo o Reiki é política, e a homeopatía, e moitas outras cousas que noutras acampadas se están comezando a propoñer e coas que estou en completo desacordo. Se este movemento é un movemento apolítico, dende logo non é o meu movemento. Se este movemento está en contra do coñecemento e da razón, dende logo non é o meu movemento. É político opoñerse á Lei da Familia? Pois si. Implica unha toma de posición por un partido? Pois non. Non sei se é feminista opoñerse a esta lei, pero ficar indiferente ante ela si que estou seguro de que é unha posición machista. É máis político o feminismo que o machismo? A indiferenza mata, nisto tamén.
As miñas propostas:
-Debater a conveniencia de continuar coa acampada
-Centrar a actividade do movemento en actividades de cultura alternativa, charlas de expertos, debates específicos, actividades formativas sobre cuestións de verdadeira incidencia social
-Contacto máis estreito con colectivos, asociacións e movementos sociais
-Concentración no tempo destas actividades e extensión polos barrios da cidade
-Realización de actividades e accións con maior capacidade de impacto público
Na categoría 15m, democraciareal
4 Comentarios
A revolución que ninguén esperaba
#acampadasol será a tumba do pasotismo. Non lembro a quen lle lin este tweet. Fíxome gracia pola referencia histórica, e a pesar da súa pretendida inxenuidade, creo que agocha unha boa análise. Nada do que está a suceder xurdiu ex novo hai unhas semanas, todo isto é un produto de anos de continuas frustracións co poder e coas pretendidas alternativas, e produto tamén da paseniña autoorganización da sociedade, dentro e fóra da rede. Un día a cousa estoupou, os muros dos diques comezaron a rachar. É rechamante que, a diferenza de movementos como Nunca Máis ou o Non á Guerra, todo isto non xurdise como resposta a un feito concreto e dramático, senón de maneira máis inesperada. Nobody expects the #spanishrevolution, pero aquí está. Unha revolución que non derrubará estatuas nin traerá a terceira república ao coñecerse o resultado das municipais (cantas parvadas se están dicindo dende a dereita e a esquerda) pero que non ten volta atrás. Unha revolución que é, en boa medida, interior, que se está tendo lugar no interior das persoas que están participando nas manifestacións e acampadas e en milleiros de persoas que aínda non están participando, pero ás que por dentro se lles están remoendo cousas, desmontando conceptos preconcibidos e vellos, vendo que é posible un cambio. Todas as revolucións que houbo na historia eran imposibles até un minuto antes de producirse.
Voume contradicir con algunhas cousas que escribín hai uns meses. Non de forma absoluta, nunca fago emendas á totalidade nin xiros de 180 graos, pero vou matizar algúns conceptos. Creo que é importante, fágoo moitas veces. Desconfío da xente que nunca muda de opinión, e que mesmo considera isto un valor. De feito, normalmente non valoro demasiado un libro que non modifique, aínda que sexa un chisco, a miña forma de ver o mundo. Aquí e aquí escribín cousas como que Internet ten unha capacidade moi limitada para mudar a opinión da xente, debido á debilidade (ao carácter líquido) das conexións que crea. A explicación de que os ciberactivistas participen en tantos movementos a un tempo, en tantas causas distintas, está na debilidade inherente a esa participación e a eses lazos, fáciles de establecer e fáciles de rachar.
De igual xeito, preguntábame se de verdade Internet está mellorando o debate político. E dicía que polo de agora advírtese unha enorme carga de sectarismo, de discursos de consumo interno para os xa convencidos, moitas opinións e poucos debates, e abundan os contidos de guindar a pedra e agochar a man. As comunidades de distinta ideoloxía rara vez se mesturan, non existen foros de debate plurais nin espazos de diálogo onde uns e outros se atopen e coñezan as posicións dos demais. E tamén escribín que o efecto nivelador que Internet ten para as distintas formacións políticas no plano organizativo e de comunicación intragrupal (isto é dificilmente discutible) fica apenas nunha posibilidade aberta no que respecta á difusión real (na sociedade) das súas ideas; de novo Internet non pasa de ser unha ferramenta que debe complementar outro tipo de condicións para se converter nunha verdadeira oportunidade e que Internet pode contribuír, de forma positiva ou negativa. Internet non é máis ca un soporte, o que importa é o contido, o medio non é a mensaxe, é dicir, que Internet non provoca cambios cualitativos.
Recoñézome nestas opinións e podo reafirmarme na meirande parte, con matices. Sigo pensando que Internet non provoca cambios cualitativos, que non chega a grandes masas de cidadáns e que hai unha gran dose de ritualismo, de eslactivismo e de cómodo conforto persoal na meirande parte da actividade activista na rede. Ben, non chega a grandes masas de cidadáns, o mesmo que as seccións políticas da prensa de referencia, pero si que ten importantes efectos para a diseminación de informacións e opinións (e para a xeración de debates racionais e de espazos para a deliberación) para unha elite activista (relays), líderes de opinión nos seus entornos persoais (a mesma elite activista que le ou lía as seccións de política dos xornais). Isto está abondo estudado e teorizado nos fluxos de comunicación en dous chanzos de Lazarsfeld ou nas teorías comunicativas do efecto cascada. De igual xeito, podo manter a crítica de que a meirande parte das interaccións que teñen lugar na rede tenden a facerse con persoas coas que compartimos unha visión do mundo. Creo que non fai falla dicir que na vida real sucede exactamente o mesmo ou peor.
En canto ao eslactivismo (slacktivism, neoloxismo formado a partir da palabra slacker, un termo pexorativo aplicado a aquelas medidas -que normalmente implican pouco esforzo- que unha persoa adopta unicamente para confortarse, aínda que sexa consciente de que non teñen ningún efecto real) das actividades que se levan a cabo na rede, ben, creo que é certo que á marxe deste efecto psicolóxico, que en principio se pode analizar como inocuo, o eslactivismo tería un efecto moi pernicioso ao reducir a actividade política real, ao suplila dalgún xeito e ao ofrecer unha imaxe distorsionada da realidade. Correcto.
Porén, sendo xustos, cómpre analizar as formas convencionais de participación con realismo e concluír que de feito moitas delas tampouco implican unha gran dose de esforzo, serven unicamente como unha forma de gratificación persoal e apenas teñen incidencia nas axendas mediáticas e políticas e nos procesos de toma de decisións. Acudir a unha manifestación si implica unha certa dose de esforzo e ás veces de risco persoal, aínda que non teña apenas incidencia real, e votar efectivamente non é esforzo ningún, pero si ten un efecto importante na realidade. O que sucede é que moitas das persoas que acoden a manifestacións o fan en moitos casos de maneira ritual (sobre todo ás dos 25 de xullo ou primeiros de maio), o mesmo que a xente que asina fisicamente peticións ou manifestos, ou a xente que acode a mitins políticos. É a mesma xente que enche o Obradoiro defendendo o galego e despois non paga por ler medios de comunicación en galego. A hipocrisía e o autoengano viven dentro e fóra da rede.
Internet non é bo nin malo, Internet é a realidade, é un medio de comunicación que está aí e que reproduce as virtudes e defectos da sociedade, os seus sectarismos e pasivididades e tamén as vontades de mudar a realidade e de deliberar para a adopción racional de decisións. Que está a pasar ao redor do movemento #15M? O que pasa, en primeiro lugar, é que os partidos políticos son moito máis débiles do que eran hai dez, vinte ou trinta anos. En parte por erros propios (de todos, sen excepción) e en parte porque a sociedade virou moito máis complexa e as grandes organizacións que a estruturaban (o partido, o sindicato, a igrexa, o xornal…) non teñen xa a capacidade de representala e de servir de espazos de información e integración. Nestes anos, e ao abeiro das novas posibilidades de información e comunicación facilitadas por Internet, emerxeu un grupo moi amplo de cidadáns críticos que non atopan acocho nas estruturas tradicionais dos partidos políticos, como explica moi ben Pippa Norris.
Así, segundo Norris, mentres diminúe o activismo nos partidos, aumenta o que se realiza en variadas formas efémeras de asociación política. De igual xeito, Henrik Bang enuncia o nacemento dunha nova modalidade de actor político, o everyday maker, unha persoa que participa ao mesmo tempo en varios movementos, organizados ao redor de proxectos e obxectivos polos que se interesa máis a nivel persoal que a través dunha ligazón ideolóxica. O que sucede non é tanto un debilitamento uniforme da participación da poboación na política e nos asuntos públicos, senón unha diversificación das vías polas que os cidadáns participan. As votacións ou as manifestacións ou folgas non son as únicas maneiras nas que os cidadáns poden participar nos asuntos políticos. E, por suposto, a actividade online é compatible e compleméntase con outro tipo de accións máis convencionais. Porén, parece que aos partidos e aos medios de comunicación lles custa entender isto, entender que a realidade sobre a que se asentan mudou, e de aí a socorrida pregunta de Quen está detrás de todo isto?
Á hora de reclamar un papel máis destacado para a deliberación democrática e o debate argumentado, cómpre matizar algunhas posicións sostidas por moitos investigadores en comunicación política, que realizan unha énfase excesiva nun mecanismo ideal de adopción racional de posicións políticas en base a unha completa e contrastada información e a un completo proceso de deliberación. Unha pequena parte dos votantes (denominados ideólogos) efectivamente toma as súas decisións deste xeito, o que non quere dicir que o resto da poboación actúe de xeito irracional. Nos últimos anos vénse producindo unha reacción contra a idea de que o público masivo está tan pobremente informado que as súas opinións carecen de contido político real, tal como foi insinuado por varios expertos e líderes políticos. Seguramente debemos falar, en cambio, dunha racionalidade de baixa información, e débense estudar as formas en que os votantes empregan atallos cognitivos, proporcionados en gran medida polos medios de comunicación, para tomar as súas decisións políticas e para basear as súas tomas de posición.
Polo tanto, a gran masa de votantes dispón dunha información limitada pero suficiente para decidir o seu voto; como dicía Gamson en Talking Politics, os cidadáns non son tan parvos nin están tan mal informados. Se fose certo que os votantes non empregan ningún tipo de elemento racional á hora de decidir o seu voto, os resultados das eleccións serían moito máis incertos e os temarios e axendas de políticos, medios e cidadáns serían totalmente distintos. Se isto fose así, as mensaxes elaboradas polos mass-media non terían influencia ningunha e os estudos amosan que isto non é así: aínda que os medios de comunicación non persuaden, non convencen, si conseguen impoñer (aínda que sexa só en parte) as súas axendas, crean estados de opinión e enmarcan nun determinado sentido un tema de actualidade. Cómpre, polo tanto, emprestar máis atención a estas formas ordinarias de atención e participación política. Contradicindo a idea de que a maior parte da poboación non se interesa pola política, na práctica a xente discute sobre política, seguramente non da forma canónica ou cos conceptos que os sectores máis informados empregan, pero discuten.
Os cidadáns non son parvos. Son unha lexión, non perdoan, non esquecen.