-
Artigos recentes
Histórico
Categorías
- 15m (6)
- África (1)
- agregación (2)
- anos oitenta (1)
- bng (1)
- cidadanía (6)
- cine (1)
- comunicación política (2)
- crise económica (7)
- crowdfunding (1)
- curación (2)
- decrecemento (2)
- democraciareal (5)
- dereitos (1)
- esquerda (8)
- feminismo (1)
- ferrol (1)
- francia (1)
- inmigración (1)
- internet (27)
- libros (1)
- medios locais (4)
- movementos sociais (7)
- nacionalismo (4)
- NYT (2)
- periodismo (3)
- porunhademoraciareal (1)
- praza (1)
- prensa (21)
- progreso (2)
- psoe (2)
- publicidade (4)
- razón (1)
- relixión (1)
- revolución conservadora (2)
- soberanía (1)
- socialdemocracia (3)
- televisión (1)
- Transición (6)
- xornalismo (30)
Comentarios recentes
- LVG: a gran mentira… | ferradura en tránsito en La Voz de Galicia acentúa a súa caída
- Rocío Barreiro Rodríguez en Praza, un novo xornal. Un espazo no que atoparse
- A revolución que ninguén esperaba | Un vento vén en Papanatismo dixital? (II)
- A revolución que ninguén esperaba | Un vento vén en Papanatismo dixital? (I)
- bathtub restoration brooklyn en Nuevos medios en África: El periodismo construyendo sociedad
Lista de ligazóns (blogroll)
- Arume dos Piñeiros
- Bitácora Escarlata
- Brétemas
- Cabaret Voltaire
- Canadian Dimension
- Casdeiro
- Contraindicaciones
- Croques
- De Paso
- El cuarto estado
- El voto con botas
- Esther Vivas
- Feijoomente
- Fuera de lugar
- Galizia Ecosocialista
- Guerra Eterna
- Ivan Thays
- Jeu de Paume
- Josep Antoni Moreno
- Lenin's tomb
- Libro de notas
- Manuel Cendán
- Manuel Rivas
- O Funambulista Coxo
- O outro lado do espello
- O porto dos escravos
- Outra esquerda
- Preguiza
- Prolingua
- Renovar o bng
- Si Home Si
- Soy menos
- Vudutv
Meta
Category Archives: progreso
Por unha vida despois do traballo
Nun dos seus últimos textos, Daniel Bensaïd subliñou tres grandes obxectivos que deberían guiar a acción política da esquerda europea nos vindeiros anos:
1. Unha oposición intransixente dos movementos sociais á refundación antisocial que pretende a patronal, unha oposición que pasa pola defensa encarnecida, a transformación e extensión dos servizos públicos.
2. Unha ampla reforma democrática da vida pública, cunha toma de decisións máis participativa, transparente e deliberativa.
3. Unha reorientación radical da construción europea.
Se cadra o máis urxente destes obxectivos parece ser o primeiro, entre outras cousas porque é o máis difícil de reconstruír unha vez que se bota abaixo, e porque como dixo Schiller o home físico é real, e o home moral tan só problemático. E sobre todo, porque, despoxados das garantías e dereitos que nos proporciona o Estado do Benestar, as clases subalternas atoparíanse inermes fronte ao gran capital. Na lóxica do capitalismo serodio xa non se trata unicamente de que os traballadores vendan a súa forza de traballo (o uso desta forza de traballo por un tempo determinado) senón de se vender como persoas, difuminar a separación entre o tempo de traballo e o tempo para si. Trátase de reivindicar unha vida despois do traballo. Isto concrétase, por exemplo, nas actuais loitas contra o aumento na idade de xubilación ou a reivindicación da xornada laboral de 35 horas semanais.
Este tipo de reivindicacións lígase ás análises sobre a satisfacción das necesidades radicais enunciadas por Marx e desenvolvidas por Agnes Heller. Necesidades radicais son todas aquelas necesidades que nacen na sociedade capitalista como consecuencia do desenvolvemento da sociedade civil, pero que non poden ser satisfeitas dentro dos límites da mesma. Polo tanto, as necesidades radicais son factores de superación da sociedade capitalista. As necesidades radicais son demandas que deben ser recoñecidas, demandas de valor cualitativo que apuntan a formas de vida valiosas e non cuantificables, cuxa satisfacción depende máis dun proxecto de vida persoal que da articulación dunha orde social determinada. Contemplar a modernidade dende o punto de vista das necesidades permítenos ver a modernidade dunha maneira holística sen que iso se converta nunha perspectiva totalizadora.
O capitalismo móvese a través da insatisfacción, das necesidades non resoltas, como apuntou o propio Marx e desenvolveu Agnes Heller. Esta sensación de insatisfacción xeral e irresoluble opera como forza motivadora na reprodución das sociedades modernas. Se as persoas deixasen de sentirse insatisfeitas (coas súas posesións materiais, coa súa posición social, coas súas relacións persoais), a sociedade moderna xa non podería reproducirse a si mesma. Pola contra, O socialismo guiouse historicamente pola utopía da sociedade satisfeita. O feito, que non se pode desbotar, de que os recursos dos que dispoñemos no planeta son limitados e cada vez máis escasos provoca crises no sistema de produción e de consumo capitalista, pero ao tempo revela a inconsistencia da utopía socialista da satisfacción de todas as necesidades humanas.
Segundo Zygmunt Bauman os sistemas comunistas viñéronse abaixo polo atractivo que desprendía a sociedade de consumo occidental, a «cultura postmoderna e narcisista da gratificación inmediata e da vida definida en termos de estatus de consumo». A este respecto, o debilitamento das culturas de clase pode explicarse en termos do aumento do consumismo. Antes, tanto as formas de vida da burguesía coma da clase obreira estaban centradas na realización do traballo. Porén, hoxendía nas sociedades desenvolvidas o centro das actividades cruciais da vida é tempo libre. De igual xeito, o progreso está privatizado porque a mellora xa non é unha empresa colectiva, senón individual. O individuo en si mesmo convértese na unidade de reprodución do social.
Capitalismo e socialismo son debedores dun concepto de progreso nacido da Ilustración que debe ser revisado. Revisar o concepto de progreso non significa desbotalo. O obxectivo do progreso humano debe seguir sendo o cerne de toda acción de esquerdas, de igual xeito que toda a aparataxe ideal xurdida da Ilustración e da Revolución Francesa, comezando polo ideal de razón, e acabando polos conceptos de liberdade, igualdade e fraternidade. Pero o progreso xa non é unha medida temporal, algo provisorio que levaría ao cabo a un estado de perfección. Cómpre ser conscientes de que os recursos son limitados, de que o que se debe repartir no mundo non é o benestar material, incapaz de cubrir as necesidades de toda os habitantes do planeta, senón a mesma escaseza, a insatisfacción, que debe ser equitativamente distribuída.
Na categoría cidadanía, decrecemento, esquerda, francia, progreso, socialdemocracia
Leave a comment
Por unha racionalidade ampliada
A ideoloxía da razón, tal e como se veu aplicando nos dous últimos séculos, ten xénero, o masculino, de xeito que os seus valores positivos decote se identificaron co home, convertido en canon e en esencia do ser humano. Á muller quedoulle o espazo do outro, quedoulle a emoción enfrontada a unha análise cerebral e debate argumentado da que a sensibilidade ou a empatía ficaban fóra. O pernicioso é que o dominio patriarcal absolutice a orde por el instaurada e a identifique coa cultura mesma, incorrendo así no que poderiamos chamar patriarcalismo. O monopolio dun concepto masculino da razón fronte a unha alternativa ampliada ou sen marca de xénero provocou que as mulleres nunca poidan ser xustamente porque son a relación de diferenza, o excluído. Como escribiu J. Butler, «o xénero é o índice lingüístico da oposición política entre os sexos. Xénero utilízase aquí en singular porque realmente non hai dous xéneros. Unicamente hai un: o feminino pois o masculino non é un xénero. Porque o masculino non é o masculino, senón o xeral».
Ao longo da historia non só se excluíu intencionadamente ás mulleres, senón que esta marxinación orixinou un concepto determinado de feminidade así coma o esquecemento doutras dimensións vitais da razón. «Desenmascarar esa historia non implica renunciar á razón, senón á canonización dunha das súas formas, que poderiamos chamar concepción obxectivista da racionalidade», afirma Mª Carmen López, que argumenta que unha filosofía feminista non se contenta con denunciar as opresións exercidas polo grupo dominante en nome da razón, senón que ademais ten que recoñecer que homes e mulleres son responsables do estatuto da racionalidade como ideal universal e debe eliminar os estereotipos impostos e irracionalmente consentidos. Neste sentido, a filosofía feminista entronca coa racionalidade práctica.
Simone de Beauvoir dixo que non se nace muller, senón que se chega a selo. O pensamento tradicional instaurou a polarización que identificaba á muller coa natureza, en tanto dimensión devalada fronte á cultura, vinculada co masculino. As explicacións que reducen as diferenzas entre homes e mulleres a algo natural, non só se manteñen, senón que son amplamente aceptadas e moi populares. A razón estriba en que son especialmente apropiadas para xustificar a orde social existente. O sistema de xénero, constituído polos valores, normas, significados, roles, estereotipos, sancións…, dá lugar a unha organización social xerarquizada, na que a postos clave de poder e en xeral todo o comprendido nos espazos públicos está ocupado maioritariamente por homes. O sistema de xénero, ademais, presiona para que os individuos desenvolvamos unhas características e anulemos outras, o que favorece a diminución das potencialidades que todos temos e que se deberían desenvolver de forma máis equilibrada. Para o caso dos homes poténciase o desenvolvemento do individualismo, a agresividade, a competitividade, a rudeza, mentres nas mulleres estes comportamentos e actitudes sanciónanse negativamente, fomentándose características complementarias e mesmo antagónicas como a submisión, a pasividade, a colaboración e a sensibilidade. Dende este punto de vista o feminismo da diferenza non faría outra cousa que ontoloxizar as diferenzas construídas socialmente e polas cales as mulleres son sometidas á discriminación de xénero.
A racionalidade ampliada é crítica desa pseudouniversalidade da razón patriarcal, pero non desemboca no particularismo, senón que avoga pola incorporación do que foi esquecido, conscientemente relegado e até das potencialidades incumpridas ou das outras dimensións posibles. O recoñecemento e a universalización deses trazos, atribuídos á muller por consideralos devalados, pero que son verdadeiramente imprescindibles para a existencia, permitirían superar os dualismos clásicos (razón/emoción, pasividade/actividade, público/privado, social/individual, etc.). As características da racionalidade masculina, a canónica, en virtude dos trazos que a cultura lle foi atribuíndo, derivaron nunha certa propensión ao dominio e instrumentalización do entorno. É dicir, na actual formulación do pensamento racional prímase o obxectivo de convencer ao outro, de traelo á nosa posición, no canto de comprender a súa posición e de chegar a un espazo común. Pola contra, en opinión de Rodrigo Guerra, «na muller a actividade intelectiva atópase moito máis fusionada coa sensitiva que no home permitindo isto unha aprehensión do real en tanto que real máis holística e inmediata. Así, a intuición feminina non versa só sobre que son as cousas (esencia), senón tamén trata sobre o seu contido cualitativo sensible (calidades sensibles) e sobre a importancia que de seu teñen (valor)». Esta racionalidade ampliada, racionalidade desta vez si sen marca de xénero, ten moito que ver cos postulados do feminismo queer a prol da superación das dicotomías masculino/feminino, neste caso aplicado á ideoloxía da razón e á súa aplicación para a análise do real e a adopción argumentada de decisións.
Na categoría feminismo, progreso
4 Comentarios