Category Archives: psoe

17 meses para a esquerda (II)

A esquerda, a socialdemocracia, non recuperará o liderado social con discursos de centro. Non o fará, dende logo, con políticas liberais. A flexibilidade laboral e a dustrución do Estado do Benestar debilitan a esquerda e a súa capacidade de mobilización. O medo é libre, iso sabémolo. Pero contrariamente á percepción que moitos empresarios parecen ter (traballador medoñento = traballador abnegado), o certo é que normalmente é a estabilidade laboral a que fai que aumente a produtividade. España é un dos países desenvolvidos cunha menor taxa de produtividade entre outras cousas polo cicateiro investimento na formación dos traballadores e pola escasa estabilidade dos seus contratos, dous factores que ademais van ligados. A inestabilidade laboral, produto da contratación precaria e das crecentes facilidade para o despido, é o que provoca unha menor identificación dos traballadores coa súa empresa. Richard Sennett describiu un tipo de traballador «prescindible e intercambiable» e concluíu que estas persoas «saben que son descartables e polo tanto non teñen motivos para desenvolver un vínculo ou compromiso coas súas tarefas. Para evitar frustracións inminentes adoitan ser reacios a prometer lealdade aos seus postos ou a inscribir os seus propios obxetivos de vida no marco do seu futuro laboral. Esta é unha reacción natural á flexibilidade do mercado de traballo» (The Corrosion of Character, The Personal Consequences Of Work In the New Capitalism).

O sorprendente éxito da folga xeral do 29 de setembro, cun alcance moi limitado no comercio e nos servizos, e entre os funcionarios, pero cun seguimento maioritario na industria e nos transportes, demostrou dúas cousas, que non se contradín entre si. Confirmou por unha banda que o modelo sindical tradicional é inútil para concienciar e mobilizar os traballadores que entregan a súa forza de traballo en contextos distintos do vello escenario da fábrica, as grandes empresas industriais, manufactureiras e de transporte. No sector servizos, sobre todo nas pequenas empresas con tres, cinco ou dez empregados, a afiliación e actividade sindical é moi limitada, case nula. Isto debe levar aos sindicatos a repensar a súa forma de actuar nestes ámbitos, cunha menor estabilidade laboral, e de relacionarse co conxunto da sociedade; debe levarnos a todos a pensar de novo o modelo de folga xeral, que se cadra non deberían ser impulsadas exclusivamente polos sindicatos obreiros e deberían implicar a outro tipo de colectivos estudantís, xuvenís, ecoloxistas, feministas, de inmigrantes, de parados ou de traballadores autónomos. Porén, a capacidade demostrada polos sindicatos para mobilizar varios millóns de traballadores das grandes empresas revela así mesmo a actualidade dos mecanismos de socialización, formación e comunicación tradicionais, nunha época na que parece haber unha obsesión pola comunicación masiva, por unha banda, e polas ferramentas dixitais de comunicación interpersoal e intragrupal, pola outra. Se cadra, na actual sociedade fragmentada e líquida, de intereses e vinculacións múltiples e cambiantes, renovan a súa importancia (que nunca se perdera) os procesos de comunicación e concienciación dentro das empresas e das asociacións de intereses. Como escribiu Gramsci xa en 1920 “as xuntanzas e debates para preparar as reunións do comité de empresas foron máis valiosos para a formación da clase traballadora que dez anos de ler panfletos e artigos escritos polos donos do xenio da lámpada”, e iso non cambiou e se cadra nunca o fará.

Os ascensos electorais das formacións de esquerda (real) ou o aumento da súa incidencia social a través dunha mobilización xeral da sociedade adoitan coincidir con mudanzas bruscas do clima económico (ben con transicións de situacións de crise a fase de recuperación, ou todo o contrario), pero contrariamente ao que se podería pensar, a esquerda ten grandes dificultades para mobilizar á poboación en situacións prolongadas de crise e paro. O canto peor, mellor non funciona para a esquerda. O paro masivo debilita a clase traballadora, cando menos dende o punto de vista da súa capacidade de mobilización sobre unha base económica. O mesmo que a destrución dos instrumentos e garantías do Estado do Benestar en lugar de provocar unha reacción de rebeldía nas clases medias e baixas déixaas desarmadas. Pierre Bourdieu escribiu sobre o vínculo que se establece entre o colapso da confianza e a decadente vontade de compromiso político e acción colectiva: a habilidade de facer proxeccións de futuro é a condicion sine qua non de todo pensamento transformativo e de todo esfuerzo por reexaminar e reformar o estado actual das cousas (Contrafuegos. Reflexiones para servir a la resistencia contra la invasión neoliberal)

Na situación actual, se cadra pode resultar eficaz recuperar o discurso enxergado por Walter Benjamin (do que por certo se cumpriron setenta anos da súa morte hai unhas semanas) a prol do pesimismo, pero dun pesimismo organizado, iso si. Benjamin criticou abertamente o optimismo da socialdemocracia do seu tempo, cuxo programa político cualificaba de «mal poema de primavera». Contra ese «optimismo sen conciencia», ou «optimismo de dilectantes», inspirado pola ideoloxía do progreso lineal, Benjamin descubriu no pesimismo o punto de converxencia concreto entre surrealismo e comunismo, un pesimismo activo, «organizado», práctico, integramente envorcado no obxectivo de impedir a chegada do peor. Para Benjamin o pesimismo constitúe «a fonte do método revolucionario de Marx», e era o único medio de «escapar ás nulidades e os desenganos dunha época de componendas» (O surrealismo. A derradeira instantánea da intelixencia europea).

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría crise económica, psoe, socialdemocracia | 2 Comentarios

17 meses para a esquerda (I)

Quince puntos abaixo nas enquisas e a ano e medio das eleccións, Zapatero vén de botar o resto: o presidente do goberno recupera a iniciativa política cun executivo máis forte, máis político (as primeiras declaracións de Jáuregi, sen ser nada do outro xoves, sobresaen entre a mediocridade imperante), con mellor comunicación das súas accións e con varias chiscadelas ao electorado socialista máis á esquerda e máis defraudado polas decisións adoptadas no último ano. Recupera a iniciativa fronte a un Partido Popular que en realidade se atopa moi cómodo xogando á contra, liderando as sondaxes grazas unicamente á desafección dos votantes progresistas. Ninguén cre, nin sequera os militantes populares máis optimistas, que o PP poida aventaxar en máis de dez puntos ao PSOE. As sondaxes non refliten un trasvase de votos relevante entre socialistas e conservadores (tampouco cara a outras formacións, malia un certo ascenso de EU), senón un espectacular aumento dos indecisos e abstencionistas, conformados por eses votantes esquerdistas que agora se intenta recuperar, os mesmos que fixeron folga o pasado 29 de setembro.

O PSOE necesita mobilizar estes votos nos vindeiros 17 meses, e é seguro que mobilizará a súa meirande parte (a dúbida é se serán suficientes), ben a través dos mecanismos do voto útil, do voto do medo á dereita ou tamén debido á anunciada recuperación económica (que non do emprego) que se comezará a percibir en 2011. Pero a socialdemocracia (e agora falo non só de España, senón de toda Europa, comezando por Francia) debería comprender que ese xiro á esquerda é imprescindible non só por unha necesidade puntual de recuperar uns votantes desencantados, senón nun proceso máis importante de loita polo mantemento do propio estado do benestar e dos dereitos sociais fronte ao avance do neoliberalismo e do populismo.

É moi posible que o centroesquerda, que nestes momentos se amosa remisa a apoiar as mobilizacións sociais masivas (por exemplo as folgas xerais que se están a producir en distintos países de Europa, estes días en Francia), necesite nos vindeiros meses e anos da forza social desta esquerda real, votante ocasional de Zapatero ou do PSF, pero que cada vez se distancia máis dos grandes partidos da socialdemocracia. Ao longo de Europa esa gran masa de votantes desprázase cara á abstención ou forzas populistas ou en menor medida cara a forzas máis á esquerda ou cara a formacións ecoloxistas. Sexa o primeiro caso ou o segundo as forzas hexemónicas do centroesquerda necesitarán dos votos ou dos escanos xurdidos destes movementos para manter ou recuperar o poder. Manuel Vázquez Montalbán reclamou en 1993 en Ajoblanco «a necesidade dunha articulación e dunha certa coordinación do que poderiamos chamar a vangarda crítica da sociedade civil a través de movementos sociais» porque segundo o escritor «a única garantía que nos pode quedar nun momento concreto de defensa ante unha tentación involucionista é que a vangarda da sociedade civil tivese instrumentos para propiciar unha reacción de carácter social. E niso estamos espidos». Montalbán recuperaba o que xa defendía Trotsky ao afirmar que «canto máis decididamente e con máis seguridade actúa o proletariado, máis posibilidade hai de arrastrar ás capas intermedias e máis illada está a capa dominante».

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría crise económica, psoe, socialdemocracia | Leave a comment