Category Archives: Transición

A Transición esgotada, unha segunda Transición

Vicenç Navarro reclamaba hai uns días, unha vez máis unha «necesaria segunda Transición» como vía para reforzar a debilitada democracia española. Tamén Josep Ramoneda incidía no esgotamento do que chama «democracia postfranquista»: «Con el segundo y apabullante mandato de Aznar, el último caudillo, democrático, por supuesto, se ponía fin a una primera etapa, el periodo que podríamos denominar como la democracia posfranquista. Zapatero tuvo la oportunidad de abrir la segunda fase, una democracia más rica, despojada definitivamente de las cargas del pasado y de los condicionantes de la cultura de la transición. Sus inicios fueron prometedores, pero pronto sus promesas se esfumaron». Ramoneda ve numerosos síntomas do esgotamento da Cultura da Transición no cuestionamento (á alza e á baixa) do Estado das Autonomías, da desorientación sobre o modelo produtivo que debe rexir no país, e en xeral na sensación «estendida de que sensación de que la democracia está enquistada, en manos de una casta convertida en grupo de intereses, incapaz de renovarse en las personas y de regenerarse en los comportamientos».

De feito, o movemento 15M revela o esgotamento da chamada Cultura da Transición, unha forza que foi quen de construír un Estado democrático e un Estado do benestar perfectibles pero valiosos, pero que hai tempo que xa só existe como invocación, como xa advertira en xaneiro Amador Fernández-Savater. Esta Cultura da Transición, consensual, desproblematizadora e despolitizadora, alude para Fernández-Savater á configuración «que estructura decisivamente lo que se puede ver y hacer en el juego político, la universidad, los medios de comunicación, las prácticas creativas y las maneras concretas de organizar cotidianamente lo real». Todo o que fique fóra deste marco de senso común é denunciado como conflito e como problema. Os cidadáns estableceron un contrato tácito cos partidos, sindicatos e medios de comunicación, que realizaron funcións de representación durante décadas. E agora os cidadáns reclaman que as condicións do contrato non se cumpriron. E reclaman a devolución dos seus dereitos políticos, da súa voz, do seu dereito a autoorganizarse e a discutir un marco novo.

O referendo constitucional de 1978 rexistrou unha participación do 67%, cun 88,5% de votos afirmativos, en total contou co apoio do 59% dos censados. Unha maioría suficiente nese momento, mesmo deixando á marxe que en Euskadi a abstención foi do 54% e en Galicia do 49%. Porén, apenas as persoas nacidas antes de 1960, é dicir, as que hoxe teñen máis de 51 anos tiveron a posibilidade de votar esta Constitución. O propio presidente Zapatero naceu en 1960 e tiña 18 anos e uns meses no referendo constitucional. Expresado doutro xeito: dos 47 millóns de habitantes que hoxe ten España, case 32 millóns de idade eran menores de idade ou nin sequera naceran en 1978. A Constitución pertence, pois, a outra xeración, e iso réstalle lexitimidade. Non sería mala cousa que os textos constitucionais impuxeran ser refrendados en cada xeración, digamos cada 20 ou 25 anos. Non dubido que se se hoxe se votase esa mesma Constitución, acadaría un apoio popular semellante ao que tivo. Por iso, este mecanismo, lonxe de debilitala, dotaríaa dunha redobrada forza.

Os debates que atravesaron a Transición definen o noso presente, e polo tanto é preciso que esta relectura do pasado recente non sexa patrimonio dun grupo de idade determinado. Se se lles esixe ás novas xeracións que se sintan incorporadas ao consenso constitucional (todos os que na actualidade teñen menos de cincuenta anos eran menores de idade no referendo constitucional) débeselles permitir entrar activamente no debate. No seu Austerlitz Sebald lamenta “o pouco que podemos reter, cantas cousas e canto caen continuamente no esquecemento, ao extinguirse cada vida, como o mundo, por dicilo así, baléirase a si mesmo, porque as historias unidas a innumerables lugares e obxectos, que non teñen capacidade para lembrar, non son ouvidas, descritas nin transmitidas por ninguén». Os feitos históricos deixan de pertencer nalgún momento ás persoas e xeracións que os viviron, en virtude da súa capacidade para definir o presente. É preciso repensar a forma en que se levou a cabo o proceso de reforma política e a maneira en que configurou o desenvolvemento político económico e social dos trinta anos seguintes. Como escribiu Javier Ugarte «la vieja legitimidad que la Transición dio a la democracia resulta insuficiente. También de la historia se ha requerido una nueva relación con la memoria y el presente».

A historiografía sobre a Transición española, agás algunhas excepcións, reflite un proceso do que a sociedade civil permaneceu ausente. A lectura que decote se fai do proceso de Transición política no Estado español é rexeitable, sobre todo, polo que implica de esquecemento da cidadanía, do pobo. A minusvaloración da voz da cidadanía no proceso de democratización, das organizacións sociais e da loita obreira continuou ao longo dos anos oitenta mediante a fagotización que os gobernos socialistas realizaron dos discursos e os proxectos de progreso e modernización. Nesta análise paira a pregunta de até que punto existe un interese en ocultar o papel da sociedade como axente político. Unha das consecuencias máis importantes deste proceso de relegamento dos movementos sociais foi unha progresiva atomización e pasivización da cidadanía, que se comezou a percibir nos últimos anos da Transición (cun aumento espectacular dos índices de abstención) e que recibiu naquel momento o nome de desencanto. Trinta anos despois, nun proceso se cadra máis acentuado en España mais certamente recoñecible en todas as sociedades do primeiro mundo, os indicadores de organización social e de participación política son preocupantemente baixos, limitándose a cidadanía a referendar decisións adoptadas en niveis superiores de decisión. A democracia resultante dun proceso así definido configúrase como un conxunto de dereitos e liberdade outorgadas polas elites, no canto de conquistadas polos cidadáns, o agromo para unha sociedade pasiva e sen capacidade de decisión.

O 15M é a cidadanía recuperando a voz e a iniciativa, é a cidadanía reclamando a responsabilidade e a soberanía sobre o seu presente, nun brutal exercicio de crítica e autocrítica, é a cidadanía reclamándolle aos partidos a devolución dunha parte das funcións de representación política que lles entregara, por comodidade, ao abeira da cultura consensual da transición, é a cidadanía reclamando que o tal contrato de representación foi incumprido. O 15M, polo tanto, é unha reacción contra o sistema político e o marco de estruturación social da Transición, que se xulga esgotado, e o primeiro paso para unha segunda Transición na que a sociedade civil reclama un papel máis activo, na que se esixe unha democracia participativa e deliberativa e un sistema económico máis igualitario e transparente, unha segunda Transición de código aberto e intelixencia colectiva.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría 15m, Transición | Leave a comment

Transición: As renuncias da esquerda

A oposición á ditadura entregoulles a Suárez e ao Rei, ao centro-dereita e á burguesía, en definitiva, o mando do proceso de reforma política, analizando a partir do verán de 1976 a fortaleza do segundo goberno da monarquía restaurada de xeito tan errado como antes observou unha debilidade absoluta e unha total falta de apoios sociais no sistema político da ditadura. Naquel momento do proceso, unha vez que fracasa o goberno Arias-Fraga, o reformismo áchase en crise e é incapaz de levar adiante o seu proxecto sen a axuda da oposición. Porén, Suárez conseguiu convencer a toda a sociedade española, comezando polos partidos da esquerda, de que a súa reforma era o único camiño posible.

Rafael del Águila afirma que “sendo demasiado débiles tanto rupturistas como reformistas por si sós para vencer e para convencer, necesitaban o un do outro, engadindo que a cambio de que se lles permitise participar nas eleccións convocadas polos reformistas», os rupturistas debían garantir a paz social e política e controlar as bases, moderar as súas posicións, aprazar ou esquecer certas reivindicacións, e chegar a pactos de estado. Mentres Kissinger foi secretario de Estado as previsións eran que o PCE permanecese ilegalizado até que as forzas de esquerda moderada ocupasen ese espazo político, pero coa elección de Carter en 1976, ofrecéuselle á dirección comunista un acordo no que o PCE debía renunciar ao seu programa de ruptura democrática. Finalmente, a oposición abandonou moitas das súas reivindicacións económicas progresistas en aras da paz social e o acordo político, non houbo unha posta en cuestión da estrutura de privilexio vixente e o cambio social que o cambio político podería ter catalizado quedou fóra do horizonte do posible.

Deste xeito, segundo Robert Fishman “o movemento obreiro a nivel nacional, así como a maioría dos dirixentes a nivel de empresa axeitaron as súas reivindicacións e a súa actividade ás esixencias da transición política”. Por exemplo, un 46.3% dos dirixentes sindicais entrevistados por Fishman concordou con que, ao presentaren as súas reivindicacións, os sindicatos deben ter en conta ante todo as súas consecuencias para a estabilidade e consolidación da democracia. De feito, poderían establecerse relacións de causalidade entre alto nivel organizativo-contención das mobilizacións e baixo nivel organizativo-radicalización das accións colectivas. Finalmente, a crise económica, que podería ter catalizado o descontento popular contra o sistema burgués, en cambio axudou á moderación da esquerda, pola dificultade que creou para a súa mobilización, segundo Fishman. Por exemplo, o 70% dos delegados situaba a “ameaza de peche das empresas” como o principal factor para limitar as reivindicacións. Así mesmo, a crise económica deteriorou a habilidade do movemento obreiro para obter logros concretos para os traballadores, e ademais, as limitacións económicas disuadiron aos traballadores de ir á folga. As consecuencias para a esquerda política e para o sindicalismo obreiro ao longo dos anos oitenta foron claras. Segundo Fishman, a “aparente forza inicial dos sindicatos” diminuíu moi logo “cun rápido descenso da afiliación, unha redución da participación dos traballadores en folgas e manifestacións e un descenso nos salarios reais”. En 1982, segundo Fishman, o movemento obreiro en España era “case sen dúbida ningunha, o máis débil de calquera democracia occidental cunha economía industrial”.

Os custes económicos e sociais da crise económica que estaba vivindo España foron desigualmente repartidos entre os distintos sectores sociais. Aínda que si houbo lugares nos que a forza da oposición era clara e a aposta pola ruptura era maioritaria, como Madrid, Catalunya e Euskadi, a esquerda fracasou no intento de estendela a todo o territorio. Ferrán Gallego pechou a súa imprescindible análise da Transición política escribindo que “cuando se observan las concesiones hechas más allá de lo que era exigible, los silencios innecesarios acerca del lugar que cada uno ocupaba en el proceso de cambio, del sitio del cual se procedía; cuando se aceptaron las condiciones impuestas por correlaciones de fuerzas acentuadas en el diseño de la propia debilidad, en la acentuación de la propia prudencia, uno puede regresar al viejo poema. Y en lugar de considerar que debería pedirse perdón a los que habían de nacer por no haber sido lo suficientemente amables, solicitarlo por no haber sido lo bastante enérgicos, no tanto por aquel presente, como por este futuro”.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Transición | Leave a comment

Guardiola president/ Beiras presidente

Nas semanas previas ás eleccións catalanas púxose en marcha na rede unha campaña que pedía que Pep Guardiola fose o novo president da Generalitat. Non só iso, senón que canda a el se propoñían outros nomes que o deberían acompañar nese executivo alternativo, entre eles Lluis Llach, Manuel Castells, Rupert de Ventós ou Quim Monzó. Veume á cabeza unha iniciativa que durante a Transición política puxo a andar El Ideal Gallego. Tratábase de que os seus lectores escollesen un presidente para a primeira Xunta de Galicia, e xunto a el, os seus conselleiros. A pesar de que nas eleccións celebradas uns meses antes o PSG obtivera un resultado moi cativo, Xosé Manuel Beiras gañou con claridade a votación do xornal.

O 21 de outubro de 1977 El Ideal Gallego comezou a publicar unha sección titulada Doce nombres para la Xunta de Galicia, na que lles pedía aos seus lectores que eles mesmo elixisen os membros dun goberno preautonómico. Tres semanas antes restaurárase a Generalitat de Catalunya (unha hábil concesión de Suárez para restar protagonismo a PSUC e PSC, que arrasaran nas eleccións xerais de xuño) e só dous días despois Tarradellas pronunciaría o famoso Ja soc aquí. UCD negociaba tamén a posta en marcha dun goberno vasco provisional e Galicia parecía ficar relegada a un segundo nivel na construción do estado autonómico. En resposta comezou a xestarse unha mobilización que levaría o 4 de nadal de 1977 á meirande mobilización da historia de Galicia, en reivindicación dun Estatuto de Autonomía de primeiro nivel. A iniciativa do Ideal era coherente con ese ambiente de reivindicación, e respondía igualmente á necesidade de fortalecer e facer máis visibles a un novo conxunto de actores políticos e sociais que debían liderar a nova Galicia autogobernada.

A campaña do Ideal tivo un seguimento masivo, con milleiros de votos e mesmo deu lugar a unha pequena polémica, cun presunto intento de manipulala (non era doado facelo: había que enviar por carta un cupón que se publicaba no propio xornal) por parte de simpatizantes do PSG. O 4 de decembro El Ideal deu a coñecer finalmente os resultados, destacando que «Salió una Xunta de Centro-Izquierda», pois predominaban na súa composición “las personalidades moderadas del galleguismo histórico y cultural”. O xornal salientaba que en xeral o criterio dos seus lectores fora bastante integrador, “con auténticos gobiernos de unidad nacional”. O resultado da votación foi o seguinte: Presidente, Xosé Manuel Beiras (pois fora, con diferenza, o máis votado) e vogais (os seguintes, por número de votos) García Sabell, Piñeiro, Paz Andrade, Fernández del Riego, Iglesias Corral, Luís Seoane, Carballo Calero, Alonso Montero, García Agudín, Santiago Álvarez e Marino Dónega. Moi cerca de entrar ficaron Manuel Fraga, Francisco Vázquez, Meilán Gil, Víctor Moro, Rosón ou Victoria Armesto.

Formaban unha Xunta provisional ficticia, pero de indubidable peso social e pluralismo ideolóxico. En realidade, para o goberno provisional puxéronse nos meses seguintes riba da mesa nomes coma os de Ramón Piñeiro ou Bibiano Fernández Osorio-Tafall. Finalmente foi Antonio Rosón o primeiro presidente da Xunta de Galicia, cunha xestión curta pero exitosa e que gustou máis ao nacionalismo e á esquerda (nomeadamente a POG e PCG) que á propia UCD. Pero esa é outra historia.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría prensa, Transición | Leave a comment

A falacia da ‘ruptura pactada’

Boa parte do discurso oficial verbo da chamada Transición política española fixa unha serie de liñas de fronteira, nas que coloca, a un lado e a outro, aos distintos actores do proceso. A primeira delas é, por suposto, a que serviría para diferenciar aos demócratas e aos partidarios da continuidade franquista, ficando desta beira unicamente pequenos grupos de nostálxicos, forzas políticas como Fuerza Nueva e algúns sectores iniciais de Alianza Popular; do outro, o consenso que aceptou as regras do xogo polas que se guiou a Transición e en consecuencia, o sistema político español nas décadas seguintes, até chegar á actualidade. A segunda liña sería máis dúctil, e atinxiría á vía proposta para recuperar a democracia, ben a través dunha ruptura total co franquismo como defendía a esquerda e en xeral todos os grupos de oposición, ou ben a reforma, ou reforma pactada se se quer, das propias institucións da ditadura, como propugnaba UCD, pero tamén Fraga. O posicionamento das distintas forzas políticas con respecto a esta segunda liña foi variando co tempo, e finalmente a maior parte das forzas de esquerda, encabezadas por PSOE e PCE, acabaron aceptando, a través da Constitución ou dos Pactos da Moncloa, o sistema proposto.

Deféndese, e quen o fai cun énfase meirande é a propia esquerda, que a dicotomía reforma-ruptura marca unha diferenza no camiño empregado para chegar á democracia, mais non no punto de chegada, nin na valoración que se fai da ditadura. E non é certo. A gran liña do proceso de reforma política é a que separa a aqueles que lle outorgan lexitimidade ao réxime (e aquí estarían tanto os partidarios da ‘reforma’ coma os defensores da continuidade da ditadura) e os que non lle conceden lexitimidade ningunha. Por unha banda, os que aceptan a lexitimidade de orixe e exercicio do franquismo, é dicir, a necesidade histórica da guerra civil e do prolongado periplo da ditadura, e polo tanto buscaron un tránsito legal da ditadura á democracia, a través dos regos previstos polas propias normas franquistas. Porque a defensa da capacidade evolutiva do réxime só pode basearse na aceptación da lexitimidade do mesmo, comezando pola súa lexitimidade de orixe. Polo outro, os que non aceptaron nin a Lei para a Reforma Política nin a continuidade na Xefatura do Estado de Juan Carlos I, nomeado sucesor de Franco en 1969.

Chama a atención e molesta a moitos cando alguén afirma que o franquismo preparou a súa propia conversión nun sistema democrático, pero iso é precisamente o que significa a reforma política. No seu famoso discurso do 12 de febreiro de 1974 (orixe do chamado espírito do 12 de febreiro), o presidente Arias Navarro avogaba por unha democratización do sistema político (unha apertura moi limitada, evidentemente), da que, dicía, só quedaban excluídos “quienes se autoexcluyen (…) por la pretensión bárbara de partir de cero”, é dicir, os partidarios dunha ruptura coa lexitimidade do franquismo, con orixe no alzamento militar do 18 de xullo de 1936. Non pode aceptarse, nin sequera implicitamente, a lexitimidade do franquismo máis que a costa de eliminar a propia lexitimidade que tiñan a democracia dos anos trinta e as forzas que loitaron por ela na guerra. No debate para a aprobación nas Cortes franquistas da Lei para a Reforma Política, base de todo o proceso de Transición, Miguel Primo de Rivera defendeu o proxecto afirmando que o proceso “de sustitución de un régimen basado en la adhesión personal por otro basado en la participación no iba a hacerse a través de la ruptura ni mucho menos abjurando del pasado o dejando de ofrecer lealtad a quienes habían gobernado el país en los últimos cuarenta años (…) lo que se pretende es hacer una nueva Constitución basada en la legitimidad de la Constitución vigente”.

Velaí a folla de ruta seguida polo Rei e por Suárez, as cartas sempre estiveron cara arriba. Os aperturistas non deixaron de repetir, nunha mensaxe dirixida aos sectores chamados inmobilistas, pero que non por iso perde validez, que a reforma era a vía máis adecuada para evitar a ruptura e que do que se trataba era de manter o control político do proceso inevitable que seguiría á desaparición do Caudillo. A identificación da lexitimidade da reforma coa legalidade foi un dos argumentos máis difundidos e repetidos por todos os protagonistas e seguidores desta opción, algo que, dados os poderosos medios de comunicación cos que contaban estes sectores, converteu a reforma nun factor de senso común. Seguiuse deste xeito un dos principios que segundo Samuel Huntington garanten o éxito dun proceso de Transición: “Cree unha sensación de inevitabilidade sobre o proceso de democratización, de xeito que sexa amplamente aceptado, como unha necesidade e un camiño natural de desenvolvemento mesmo se para algunha xente resulta indesexable”.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Transición | Leave a comment

Unha Transición non tan ‘modélica’

A historiografía oficial sobre a Transición española adoita definir o proceso de reforma política que deu lugar ao actual sistema democrático como modélico e as investigacións comparadas téñeno usado como modelo de pacto pacífico, en contraposición á revolución portuguesa e como exemplo para posteriores experiencias de democratización, como as que tiveron lugar en Chile, Uruguai, Corea do Sur, Bulgaria ou Hungría. Ramón Cotarelo segmentou os procesos de Transición en seis fases: Elemento desencadeante ou crise; Cambio de lexitimidade e legalidade; Eliminación do persoal político anterior e da súa simboloxía; primeiro consenso: acordo sobre o pasado; segundo consenso: establecemento de normas provisionais para debater as definitivas nun ámbito de liberdade; e terceiro consenso: determinación definitiva das regras de xogo do novo réxime.

Seguindo a Cotarelo, o proceso que tivo lugar no Estado Español a partir de 1975 presenta numerosas eivas que non permiten identificar a restauración democrática como un proceso completo de Transición. É discutible se en España se produce un cambio de lexitimidade, aínda que se pode aceptar o referendo constitucional de 1978 como momento fundacional dunha nova fonte de lexitimidade. Pero en calquera caso non se levou a cabo un proceso completo de eliminación do persoal político anterior e da súa simboloxía, e tampouco se produciu o que Cotarelo denomina primeiro consenso, é dicir, o acordo sobre o pasado.

É o incumprimento destas dúas premisas a que diferenza a reforma do réxime ditatorial que se produciu en España doutras experiencias (Portugal, Europa do Leste, mesmo os réximes totalitarios sudamericanos), onde si houbo unha creba co sistema anterior. Atopamos así mesmo unha outra anomalía no quinto punto, as regras do xogo democrático, que non foron consensuadas, senón que foron impostas polo goberno de Suárez dende o verán de 1976; foi con estas regras coas que negociou o proceso pseudoconstituínte de 1977 e 1978, que ficou, por este motivo, viciado en orixe. Suárez foi quen lle ditou á oposición o calendario de reformas políticas, as reformas preelectorais, a estrutura bicameral das futuras cortes democráticas, canda ao número e á distribución de escanos, tal como estaba determinado na Lei para la Reforma Política aprobada polas Cortes Franquistas. Deste xeito, nas primeiras eleccións a dereita obtivo o 45% dos votos, por un 44% da esquerda; porén, a dereita fíxose co 58,3% dos escanos, por un 41,7% da esquerda. Así mesmo, o sistema bicameral tiña unha función clara: non considerar nin por un momento que as cortes elixidas tivesen un proceso constituínte, senón que o proceso xa viñera dado. O sistema tamén permitía a permanencia “de un segundo nivel institucional, que permitía el rescate de sectores del franquismo y una intervención más decidida de la Corona”, en palabras de Ferrán Gallego.

Un proceso de Transición canónico debería ter incluído unha amnistía xeral (que si se produciu, con matices), a instauración dun goberno de concentración nacional (reclamado pola oposición democrática ao longo de 1976), e un verdadeiro proceso constituínte. Para Ferrán Gallego ”el pacto nacional que estaban dispuestos a aceptar los reformistas nunca iba a pasar por la pérdida del control del aparato del Estado, y debería ser resultado por el contrario de la renuncia a este hecho crucial por parte de la oposición”. Algúns, inxenuamente, pensaron que Suárez se quitaría do medio no proceso electoral, conformándose cunha condición honorífica e un recoñecemento por ter pilotado o proceso de reforma. Suárez tiña unha gran debilidade, que era o non contar cunha forza política organizada para comparecer aos comicios, por moito que contase co aparello do Estado; isto podería ter permitido unha negociación sobre a organización do proceso electoral máis favorable aos intereses da esquerda. Mais Suaŕez estaba disposto a realizar concesións en todos os campos agás no de manter o dominio daquela estrutura e repetila na plataforma política gobernamental que lle permitiría gañar o referendo de 1976 e as eleccións de 1977. Triunfo abriu unha portada previa ás eleccións presentando a Suárez con camisa azul e titulando Las flechas pasan, el Movimiento queda, en referencia á herdanza que UCD recibía da organización de partido único, en realidade a herdanza de todo o aparello de poder político da ditadura, dende o poder caciquil local, a administración en todos os seus niveis, os medios de comunicación…, todo un tesouro que Suárez entregou aos partidos e líderes que se quixeron unir á coalición centrista.

Suárez só legaliza o PCE cando xa ten organizada a súa forza electoral e nun intento, ademais, de dividir o voto da esquerda. Ademais, faino nun contexto no que a opinión pública xa mudara en boa medida o seu rexeitamento á participación dos comunistas nas eleccións (25% a favor e 35% en contra en outubro de 1976, por 55% a favor e 12% en contra en abril de 1977). Suárez xogou a carta da legalización do PCE, adiándoa tanto como puido, e deste xeito arrebatándolle aos comunistas exactamente a metade do tempo de legalidade formal do que haberían de dispoñer os socialistas até as eleccións, sen contar a discriminación de permisos discrecionais concedidos para a celebración de actos e congresos de PSOE e UGT.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Transición | 2 Comentarios

O que está por contar sobre a Transición

W.G. Sebald escribiu que resulta «hipócrita mirar atrás, cara aos anos 1940-1945 e dicir que foi unha época terrible. Creo que aínda estamos plenamente nesa época». De igual xeito, o proceso de reforma -a Transición- polo que a ditadura franquista deu paso ao sistema democrático no que vivimos na actualidade configura totalmente a realidade política, económica e social do Estado Español. Existe claramente un discurso oficial sobre a Transición, que se pode resumir nos conceptos de pacto, de consenso e de paz social, e hai tamén unha serie de actores protagonistas, de líderes ou elites que aseguraron a consecución do consenso antedito: o Rei Xoán Carlos, Adolfo Suárez, Felipe González, Santiago Carrillo ou Torcuato Fernández Miranda. Porén, a obsesión por analizar este proceso como un exemplar e pacífico pacto entre elites no que todas as partes efectuaron renuncias tivo como consecuencia unha progresiva despreocupación na sociedade española por ese período crucial e a consecuente mistificación do relato histórico. As versións oficiais esquecen precisamente o papel da cidadanía e das organizacións sociais, pero tamén o contexto socioeconómico no que se desenvolveu o proceso (do que a crise económica derivada da Guerra do Yom Kippur de 1973 non pode ficar á marxe), a mudanza sociolóxica que tivo lugar en Galicia entre os anos sesenta ou oitenta ou mesmo o escenario internacional de pugna ideolóxica entre bloques, do que España, Portugal e Grecia foron tamén campo de batalla.

Walter Benjamin escribe que «articular historicamente o pasado non significa coñecelo como verdadeiramente foi. Significa apropiarse dun recordo tal como este lostrega nun instante de perigo… O perigo ameaza tanto ao patrimonio da tradición como a aqueles que reciben tal patrimonio. Para ambos é un e é o mesmo: perigo de ser convertidos en instrumento da clase dominante. En cada época é preciso esforzarse por arrincar a tradición ao conformismo que está a piques de asoballala. Só ten dereito a acender no pasado a faísca da esperanza aquel historiador traspasado pola idea de que nin sequera os mortos estarán a salvo do inemigo se este vence. E este inimigo non deixou de vencer». É preciso repensar a forma en que se levou a cabo o proceso de reforma política e a maneira en que configurou o desenvolvemento político económico e social dos trinta anos seguintes. Como escribiu Javier Ugarte «la vieja legitimidad que la Transición dio a la democracia resulta insuficiente. También de la historia se ha requerido una nueva relación con la memoria y el presente». Non é posible que a través dun voluntarista proceso de amnesia colectiva se pretenda establecer unha equidistancia entre a Segunda República e a Ditadura Franquista.

É necesario, ademais, posto que queda claro que os debates que atravesaron a Transición definen o noso presente, que esta relectura do pasado recente non sexa patrimonio dun grupo de idade determinado. Se se lles esixe ás novas xeracións que se sintan incorporadas ao consenso constitucional (todos os que na actualidade teñen menos de cincuenta anos eran menores de idade no referendo constitucional) débeselles permitir entrar activamente no debate. No seu Austerlitz Sebald lamenta “o pouco que podemos reter, cantas cousas e canto caen continuamente no esquecemento, ao extinguirse cada vida, como o mundo, por dicilo así, baléirase a si mesmo, porque as historias unidas a innumerables lugares e obxectos, que non teñen capacidade para lembrar, non son ouvidas, descritas nin transmitidas por ninguén». Os feitos históricos deixan de pertencer nalgún momento ás persoas e xeracións que os viviron, en virtude da súa capacidade para definir o presente.

A historiografía sobre a Transición española, agás algunhas excepcións, reflite un proceso do que a sociedade civil permaneceu ausente. A lectura que decote se fai do proceso de Transición política no Estado español é rexeitable, sobre todo, polo que implica de esquecemento da cidadanía, do pobo. A minusvaloración da voz da cidadanía no proceso de democratización, das organizacións sociais e da loita obreira continuou ao longo dos anos oitenta mediante a fagotización que os gobernos socialistas realizaron dos discursos e os proxectos de progreso e modernización. Porén, a finais dos anos setenta había unha sociedade organizada (sindicatos, empresarios, Igrexa, asociacións de veciños, partidos políticos, colectivos de nova esquerda, asembleas obreiras…) cun conxunto de instrumentos de intervención na realidade (medios de comunicación, manifestacións, folgas, violencia política, lobbying…) que non poden ser obviados. Se cadra ningún destes actores sociais contou coa forza necesaria para liderar o proceso (fracaso dos intentos de ruptura, folgas xerais revolucionarias, asonadas e golpes de Estado), pero a súa presión (dende abaixo) determinou o resultado final do proceso, nunha caste de tira-puxa.

Nesta análise paira a pregunta de até que punto existe un interese en ocultar o papel da sociedade como axente político. Unha das consecuencias máis importantes deste proceso de relegamento dos movementos sociais foi unha progresiva atomización e pasivización da cidadanía, que se comezou a percibir nos últimos anos da Transición (cun aumento espectacular dos índices de abstención) e que recibiu naquel momento o nome de desencanto. Trinta anos despois, nun proceso se cadra máis acentuado en España mais certamente recoñecible en todas as sociedades do primeiro mundo, os indicadores de organización social e de participación política son preocupantemente baixos, limitándose a cidadanía a referendar decisións adoptadas en niveis superiores de decisión. A versión oficial así expresada obríganos a esquecer os cambios sociais impulsados durante a Segunda República, a resistencia antifascista durante a Guerra Civil e a longa oposición clandestina antifranquista, furtándonos a narrativa e as bases cidadanistas da nosa democracia. A democracia resultante dun proceso así definido configúrase como un conxunto de dereitos e liberdade outorgadas polas elites, no canto de conquistadas polos cidadáns, o agromo para unha sociedade pasiva e sen capacidade de decisión. Carme Molinero defende que «es necesario mostrar si la democracia fue un regalo graciosamente concedido, como a veces casi se puede deducir de algunos argumentos. Es necesario volver a discutir sobre quien forzó la instauración de un régimen democrático» e engade: «Metodologicamente el modelo transaccional -el pacto- es cómodo pero infecundo para explicar la Transición. Lo que importa de la Transición en torno al pacto consiste en dilucidar como fue posible alcanzar un pacto entre gobierno y oposición y para eso es necesario no darlo por descontado, sino plantearlo como problemático».

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Transición | 5 Comentarios