Papanatismo dixital? (I)

Hai unhas semanas Manuel Rivas laiábase da existencia dun certo “papanatismo en torno ao cacharro” e da “histeria” que ao seu xuízo se dá no mundo editorial “ao redor dos soporte dixitais”. Rivas concluía de maneira moi acertada que “iso é tan só o soporte, un medio de transporte e ás veces fálase como se fose marxinar o contido, que é o substancial da literatura”. Partindo da obviedade de que Internet e os soportes dixitais están aí e que a súa importancia vai ser cada vez maior, cómpre adoptar unha posición crítica sobre os discursos que fían a solución de todos os problemas imaxinables ao desenvolvemento e democratización desta tecnoloxía. Voume centrar en dous campos de vital importancia e inevitablemente ligados entre si: o xornalismo e a política.

En xaneiro The Guardian publicou un editorial que se preguntaba ao fío das protestas cidadás en Irán cal era a achega real que Internet podía traer ao cambio político. O texto concluía que, malia o efecto de ruptura que esta vía de comunicación ofrecía ao burlar o control dos grandes poderes, o que sucedera tamén revelaba que a “tecnoloxía por si soa non abonda para asegurar un cambio democrático”. Como afirmou tamén Malcolm Gladwell, a acción política que se desenvolve na rede “favorece conexións febles que nos dan acceso a información sobre as conexións fortes” que segundo o autor serían as que terían verdadeira transcendencia política (Small Change. Why the revolution will not be tweeted). No seu artigo, Gladwell critica que Internet despraza as nosas enerxías dende as organizacións que promoven actividades estratéxicas e disciplinadas cara a outras, máis dúctiles, que promoven accións puntuais; segundo Gladwell, a rede “facilita que os activistas se expresen, e dificulta que esa expresión teña algún impacto” e conclúe que “os instrumentos dos medios e redes sociais están deseñados para facer a orde social máis eficiente”. Internet ten unha capacidade moi limitada para mudar a opinión da xente, debido á debilidade (ao carácter líquido) das conexións que crea. A explicación de que os ciberactivistas participen en tantos movementos a un tempo, en tantas causas distintas, está na debilidade inherente a esa participación e a eses lazos, fáciles de establecer e fáciles de rachar. En Grecia, un fenomenal espazo para estudar os mecanismos de mobilización política, autores como Liza Tsaliki concluíron que mentres as tecnoloxías en rede non se acompañen dunha cultura política de mobilización, as protestas ficarán reducidas a unha “atractiva pirotecnia” destinada a encher “os sentimentos colectivos de autosatisfacción” (Technologies of Political Mobilization and Civil Society in Greece). Este tipo de participación política é doada, non leva aparelladas excesivas responsabilidades nin consecuencias persoais, e como resultado o seu impacto é igualmente reducido. Ao igual que unha persoa non pode adelgazar sen esforzo, non pode aprender inglés sen esforzo, non se pode informar da actualidade sen esforzo, tampouco se pode participar politicamente sen esforzo. En calquera caso, de igual maneira que na política física, a participación limítase ás persoas que queren participar. É unha obviedade que certo tipo de optimismo tecnolóxico parece esquecer. Todo regresa sempre ao mundo real e en canto á ciberpolítica o seu nivel de efectividade dependerá da cultura política na que se asente, que en España, por distintas circunstancias históricas, é especialmente pasiva.

Porén, Internet, como medio de comunicación de alcance universal, transmisión inmediata e custo relativamente reducido, pode servir de apoio eficaz ao traballo porta-a-porta dos activistas dun movemento, ás chamadas grassroots. A este respecto, Straw e Anstead salientaron que a campaña presidencial de Obama foi quen de crear unha organización disciplinada pero descentralizada en boa medida debido á eficacia con que conseguiu complementar os tradicionais instrumentos de información e mobilización sobre o terreo coas novas ferramentas tecnolóxicas (The Change We Need: What Britain Can Learn from Obama’s Victory). De igual xeito, Anstead defende que as novas tecnoloxías están facilitando unha nova relación entre o núcleo e a periferia das campañas políticas, definida non pola separación, senón polos vínculos e a sincronización (The Evolving Relationship Between the Core and Periphery of Political Campaigns in the Internet Era). Pódese concluír que o incremento da comunicación en rede favoreceu o aumento do protagonismo das pequenas organizacións da sociedade civil, que se dotaron dun amplo e barato conxunto de ferramentas de comunicación interna e externa que até hai uns anos estaban reservadas polo seu alto custe ás grandes organizacións.

A rede permite a interactividade, permite o encontro e o debate, aberto e libre, entre distintas opcións, permite tamén rachar o control á comunicación establecido polos grandes poderes, públicos ou privados segundo os casos. Isto é así en teoría, pero de verdade Internet está mellorando o debate político? Polo de agora advírtese unha enorme carga de sectarismo, de discursos de consumo interno para os xa convencidos, moitas opinións e poucos debates, e abundan os contidos de guindar a pedra e agochar a man. As comunidades de distinta ideoloxía rara vez se mesturan, non existen foros de debate plurais nin espazos de diálogo onde uns e outros se atopen e coñezan as posicións dos demais. O problema é que, dado que o tempo é limitado, a xente tende a seleccionar un número relativamente limitado de medios para ler habitualmente, e case sempre escolle aqueles máis próximos á súa ideoloxía. Contrariamente ao que a priori sería esperable, a infinita liberdade proporcionada por Internet provoca que cada persoa procure e consuma os discursos, ideas e medios de comunicación que mellor coincidan coa súa previa forma de pensar, rexeitando coa facilidade dun click aquelas visións que a contradigan. En Internet os encontros casuais con outras formas de pensar son moito menos probables (e máis doadamente evitables) ca nos medios tradicionais, como a prensa escrita e a televisión (Sara Vissers & Marc Hooghe, The Role of Party Websites during Electoral Campaigns). En opinión de Cass Sunstain, Internet leva a unha “fragmentación da opinión e a unha polarización grupal, definida como o proceso no que despois dun proceso de deliberación a opinión dunha persoa tende a moverse cara un punto máis extremo, reafirmando a súa posición previa e afastándoa daqueles que pensan doutra maneira. Sunstein conclúe que “Internet está incrementando notablemente a capacidade da xente para escoitar os ecos das súas propias voces e para construír muros que as separen das dos outros” (Republic.com). Aí radica un dos principais males dos medios dixitais: a endogamia, e a consecuente ignorancia pluralista, un concepto empregado pola socioloxía norteamericana para describir unha sociedade polarizada, partida en dúas metades con opinións opostas, de xeito que os individuos dun e doutro grupo rara vez discuten os seus puntos de vista cos do grupo contrario, polo que acaban tendo unha visión moi deformada de cal é a opinión predominante na sociedade, sobrevalorando a do seu grupo. Como denunciou Cass Sunstein, Internet facilita o proceso de imitar “o prototípico espectador de Fox News, seleccionando as fontes e informacións que o levan a reforzar as súas ideas e prexuízos previos”. Por exemplo, nun estudo do ano 2007 sobre 1.400 blogs políticos, Sunstein concluíu que o 91% dos links dirixían a páxinas de ideoloxía afín (Ideological Amplification).

Esta entrada foi publicada en internet, movementos sociais, prensa, xornalismo. Garda a ligazón permanente.

4 respostas a Papanatismo dixital? (I)

  1. un troll como debe ser di:

    Internet causa, Internet procova, Internet despraza, Internet ten unha capacidade… A histeria do soporte tamén é esto?

  2. Se pensas que a mellor forma de criticar unha realidade é ignorala, pois supoño que si. Do mesmo xeito que a mellor forma de loitar contra o capitalismo é deixalo correr

  3. un troll como debe ser di:

    É que Internet non é máis ca unha rede telemática, non sei se pensan no FTP cando din que Internet atonta.

  4. Pingback: A revolución que ninguén esperaba | Un vento vén

Os comentarios están pechados.