Papanatismo dixital? (II)

Vivimos nunhas sociedades desenvolvidas cada vez máis desconectadas e individualistas, como ben analizou Robert Putnam no seu xa clásico Bowling Alone, que facía fincapé na erosión da vida comunitaria e o debilitamento da participación política. Putnam explicaba, por exemplo, que a porcentaxe de persoas que recentemente asinaran un manifesto, escribiran unha carta a un xornal ou a un deputado, colaboraran cun partido político, asistiran a un mitin ou participaran nunha manifestación se viñera reducindo significativamente nos Estados Unidos dende os anos setenta. En contraposición a esta evidencia cuantitativa, outros autores, como Pippa Norris, defenden que en paralelo nestes anos, e ao abeiro das novas posibilidades de información e comunicación facilitadas por Internet, emerxeu un grupo de de cidadáns críticos que non atopan acocho nas estruturas tradicionais dos partidos políticos (Critical Citizens: Global Support for Democratic Government). Así, segundo Norris, mentres diminúe o activismo nos partidos, aumenta o que se realiza en variadas formas efémeras de asociación política (Democratic Phoenix: Reinventing Political Activism). De igual xeito, Henrik Bang enuncia o nacemento dunha nova modalidade de actor político, o everyday maker, unha persoa que participa ao mesmo tempo en varios movementos, organizados ao redor de proxectos e obxectivos polos que se interesa máis a nivel persoal que a través dunha ligazón ideolóxica (Among Everyday Makers and Expert Citizens. Peoples, Politics, and the Public Sphere). Este tipo de activismo, segundo L. Bennett, ten estruturas laxas, obxectivos múltiples, carece de dirección centralizada e está falto de metas claras (Social Movements beyond Borders: Understanding Two Eras of Transnational Activism).

É certo que esta nova modalidade de actor político se atopa en crecemento, e que as estruturas políticas tradicionais non son quen de encaixar no seu seo os seus puntos de vista diversos e heterodoxos, “sofisticados”, en palabras da profesora Norris. Porén, vólvese caer na inxenuidade, na confianza cega en que este tipo de estruturas difusas pode substituír á tradicional actividade política. De igual xeito, o efecto nivelador que Internet ten para as distintas formacións políticas no plano organizativo e de comunicación intragrupal (isto é dificilmente discutible) fica apenas nunha posibilidade aberta no que respecta á difusión real (na sociedade) das súas ideas; de novo Internet non pasa de ser unha ferramenta que debe complementar outro tipo de condicións para se converter nunha verdadeira oportunidade. Hai que ter en conta, ademais, que o acceso a Internet aínda non é igualitario, pois existen aínda importatísimas fendas dixitais, mesmo nos países máis desenvolvidos, e mesmo cando as condicións de acceso son equitativas, prodúcense inequidades no uso que se fai da rede, como analizou Teun Van Dijk no seu estudo Discourse and racism in Spain and Latin America. De igual xeito, a profesora Pippa Norris alerta da creación dunha fenda cívica a través da existente fenda dixital, incrementando as desigualdades entre a minoría de persoas interesadas na política e a maioría inactiva (Digital divide: civic engagement, information poverty and the Internet). A desigualdade non se crea tanto pola importancia real desa fenda como polo espellismo creado ao seu redor: a confianza en que a democratización do acceso a Internet fai desaparecer por si soa as diferenzas entre colectivos e que o seu efecto nivelador devolve a todas as ideoloxías políticas (a aquelas que poden contar con máis organización e medios materiais e ás que non) ao punto de partida conduce simplemente que a fenda preexista e a que ninguén se preocupe por estreitala.

Polo tanto, Internet non pode contribuír, máis que de xeito complementario e cun impacto moi limitado, á mellorar o debate público, a incrementar a información e o interese que os cidadáns teñen pola política, en definitiva a facer máis racional a adopción de decisións. Así e todo, á hora de reclamar un papel máis destacado para a deliberación democrática e o debate argumentado, cómpre matizar algunhas posicións sostidas por moitos investigadores en comunicación política, que realizan unha énfase excesiva nun mecanismo ideal de adopción racional de posicións políticas en base a unha completa e contrastada información e a un completo proceso de deliberación. Unha pequena parte dos votantes (denominados ideólogos) efectivamente toma as súas decisións deste xeito, o que non quere dicir que o resto da poboación actúe de xeito irracional.

Nos últimos anos vénse producindo unha reacción contra a idea de que o público masivo está tan pobremente informado que as súas opinións carecen de contido político real, tal como foi insinuado por varios expertos e líderes políticos. Seguramente debemos falar, en cambio, dunha racionalidade de baixa información, e débense estudar as formas en que os votantes empregan atallos cognitivos (cognitive short-cuts), proporcionados en gran medida polos medios de comunicación, para tomar as súas decisións políticas e para basear as súas tomas de posición. Polo tanto, a gran masa de votantes dispón dunha información limitada pero suficiente para decidir o seu voto; como dicía Gamson en Talking Politics, “os cidadáns non son tan parvos nin están tan mal informados”. Se fose certo que os votantes non empregan ningún tipo de elemento racional á hora de decidir o seu voto, os resultados das eleccións serían moito máis incertos e os temarios e axendas de políticos, medios e cidadáns serían totalmente distintos. Se isto fose así, as mensaxes elaboradas polos mass-media non terían influencia ningunha e os estudos amosan que isto non é así: aínda que os medios de comunicación non persuaden, non convencen, si conseguen impoñer (aínda que sexa só en parte) as súas axendas, crean estados de opinión e enmarcan nun determinado sentido un tema de actualidade. Cómpre, polo tanto, emprestar máis atención a estas formas ordinarias de atención e participación política. Contradicindo a idea de que a maior parte da poboación non se interesa pola política, na práctica a xente discute sobre política, seguramente da forma canónica ou cos conceptos que os sectores máis informados empregan, pero discuten.

Nesta discusión Internet pode contribuír, de forma positiva ou negativa. Internet non é máis ca un soporte, o que importa é o contido, o medio non é a mensaxe.

Esta entrada foi publicada en internet, movementos sociais. Garda a ligazón permanente.

3 respostas a Papanatismo dixital? (II)

  1. Sak di:

    É un pracer inmenso ler as túas análises, ben documentadas e estructuradas. Ademáis focas os tópicos de xeito directo e con vontade de debate, e de veras que se agradece.

    Imos ao concreto, pois discrepo fondamente desa conclusión. É obvio que o medio non é a mensaxe, pero para a efectividade da mensaxe o medio é crucial, mesmo máis que a propia mensaxe! E máis ainda se temos en conta temas como a intelixencia colectiva.

    Ainda que no presente pensemos que vivimos na revolución constante, que todo muda dia a dia (e así é); o certo é que con perspectiva as grandes mudanzas van máis de vagar; e ahí si concordamos en que hai certa tendencia a pensar que mañá o dixital substituirá ao analóxico ipsofacto (desaparecerán os libros, os xornais, o que sexa…). O que digo é simplemente que ese ipsofacto poden ser 10, 15, 20 anos, pero será. O exemplo da música é esmagador: mercar un CD xa é case algo retro e calquera amador da música ten miles de mp3s; eso si, desde que eu tiven un mp3 ata que os carros traen leitor de mp3 pasaron 15 anos. Se aplicamos isto a outros campos, mudarán os tempos as convivencias analóxico-dixitais, o factor xeracional, etc…

    Obviamente o paso do mundo analóxico ao dixital interligado, é un cambio de era que deixa a Guttemberg bastante abaixo. Por tanto, sí, vai afectar á mensaxe política e á relación cidadanía-política de xeito moi moi fondo, porque o mundo xa non é nin semellante ao de hai 20 anos.

  2. Sak, creo que non se pode meter no mesmo saco a música e a información. A música é unha forma de arte e á vez é un negocio. Internet non modifica máis que superficialmente o seu contido, aínda que si muda completamente o modelo de obtención de beneficios nesta industria.

    En canto aos prazos de consolidación de novos soportes, estou de acordo contigo no esencial, pero reitero que non é o fundamental, creo que o soporte non modifica a maneira que teñen . Eu si creo que o papel ten unha data de caducidade próxima (con isto refírome a vinte anos vista, por exemplo, cando ti e máis eu xa vexamos videos de Hot Chip e de Sigur Ros na VH1 Oldies), e está ben que a sí sexa, polo ben do planeta. Pero non me preocupa en absoluto o soporte.

    Preocúpame esa relación cidadanía-política que si, que está experimentando unha gran mudanza, que creo que non é positiva precisamente, e na que creo que Internet ten no fondo efectos moito menores dos que pode parecer a primeira vista. A interactividade mellora o debate político, aumenta a transparencia? Ou provoca apenas unha ‘ilusión de mellora’ e unha ‘ilusión de transparencia’? Iso é o que me preocupa

  3. Pingback: A revolución que ninguén esperaba | Un vento vén

Os comentarios están pechados.