A aposta do NYT

Despois de máis dun ano de estudo e reflexión, New York Times presentou a finais de marzo o seu modelo, o metered model, de cobro polo acceso frecuente, que medirá as pezas xornalísticas que le cada usuario e a partir de vinte, pechará o seu acceso a toda a edición, ofrecéndolle a posibilidade de facerse subscritor. O obxectivo é non afastar o tráfico esporádico que chega a través de buscadores, ou daquelas persoas que non len habitualmente o xornal; este tráfico esporádico é responsable en boa medida das espectaculares cifras de audiencia do NYT, que lle proporcionan importantes ingresos publicitarios todos os meses.

Este experimento, sobre todo se ten éxito, e se se consolida e estende, será fundamental para reverter a filosofía de que a información online é de balde e transformaraa pola de que a información de calidade, que ten uns custes de produción moi elevados, ten que ser adquirida a un certo prezo. Esta modificación do hábitos de consumo é máis importante que os posibles ingresos (moi magros ao comezo) que hipoteticamente poida xerar para estes medios, insuficientes a curto prazo, seguramente, para compensar a redución de ingresos que experimentan as edicións impresas. Outros efectos complementarios, positivos e negativos, son a meirande protección que terán as versións impresas, que ao non ter que competir con versións gratuítas do mesmo contido, poden recuperar parte do seu atractivo para os lectores esporádicos; pola contra, a barreira que se establece na edición dixital, pode reducir o número de visitas da páxina e consecuentemente os ingresos por publicidade. Porén, hai que ter en conta que estes subscritores conforman un grupo humano de nivel sociocultural e poder adquisitivo medio-alto, moi apetecible para os anunciantes, que ademais terían a seguridade de que os seus anuncios serían lidos, dada a fidelidade cara ao medio. O xornal obtería, ademais, importante información sobre os seus hábitos de lectura, preferencia e intereses, unha información que podería utilizar para mellorar o produto e ofrecer contidos máis especializados e personalizados, pero tamén para segmentar aos lectores e ofrecerlle esta valiosa información aos seus anunciantes.

Os primeiros resultados
Martin Nisenholtz, responsable das accións dixitais do xornal, declarou en decembro que ao redor do 15% de todos os visitantes diarios do xornal eran heavy users, lectores habituais, e que lían máis de vinte pezas cada mes, o que representa ao redor de seis millóns de persoas aos que lles resultaría útil pagar 15 dólares para seguir mantendo o seu nivel de lectura. O cálculo realizado polo xornal é que mesmo se só o 5% destas persoas se decide a converterse en subscritor, iso representaría uns ingresos anuais de sesenta millóns de dólares, a décima parte de todos os ingresos actuais do xornal. The New York Times viu caer as visitas de páxinas do seu sitio nun 24,4 por cento desde marzo a abril, segundo AdAge. En comparación, os sitios de xornais en xeral tiveron unha caída do 7,5 por cento. No entanto, Yahoo News and MSNBC, que non adoptaron modelos de pago, tamén experimentaron fortes caídas de 23,9 e 21,4 por cento, respectivamente, entre marzo e abril. O 21 de abril, durante unha conferencia sobre os seus resultados do primeiro trimestre do ano, o New York Times dixo que contaba con máis de 100.000 subscritores da versión en liña.

O NYT ten ao redor de corenta millóns de visitantes únicos ao mes, o que demostra que na rede, malia a fragmentación da oferta e á especialización dos contidos, se está vivindo un proceso de concentración da audiencias, que se concentran nas cabeceiras que lles ofrecen un mellor servizo e que na meirande parte dos casos (coa excepcións dalgúns dixitais de gran calidade) coinciden coas edicións online das cabeceiras tradicionais. Iso non significa que todas as cabeceiras impresas vaian ter éxito no proceso de transición á rede, nin que todas vaian sobrevivir. É moi pouco sostible o actual minifundismo de tantos xornais, con estruturas de información moi debilitadas pola crise, que se apoian en milleiros de plantas industriais complexas e manteñen un sistema de distribución alleo á inmediatez, custe e capilaridade da rede.

Críticas ao sistema escollido
Os actuais subscritores da edición impresa do xornal terán acceso gratuíto a todo o contido dixital. Os que non sexan subscritores poderán ver gratuitamente un máximo de 20 artigos, fotos, vídeos e outros materiais cada mes. Ao superar ese límite, os lectores deberán pagar ao redor de 15 dólares para seguir tendo acceso aos contidos. O sistema escollidos polo NYT recibiu numerosas críticas, algunhas construtivas, e outras simples emendas á totalidade, algunhas ben fundamentadas e outras máis fanáticas, ligadas á filosofía do todo é de balde en Internet. Entre as críticas, unha das principais refírese ao tempo excesivamente longo que lle levou ao xornal escoller o modelo (14 meses) e sobre todo o fabuloso custe de todo o proceso de investigación e construción das estrutura de pago (40 millóns de dólares).

Outra crítica recorrente refírese á duplicidade do pago dependendo dos soportes que o lector vaia utilizar; así, por 15 dólares pode ter acceso ao xornal dende o seu ordenador e dende o seu móbil, por 20 dólares dende o ordenador e o iPad ou tableta, e por 35$ poderá acceder dende calquera soporte. Hai quen di, con acerto, que isto é un sensentido, pois o que se está pagando é o contido xornalístico, e non o dereito a facer uso del nun determinado soporte. Houbo quen estableceu a comparación cun CD de música que tivese un prezo diferente para quen o escoita nun discman, para quen o escoita no seu aparato de música caseiro e para quen o pon no coche, e un prezo moito máis elevado para quen o quere escoitar en todos os soportes. Hai quen analiza como un erro, igualmente, que a subscrición para a lectura no iPad teña un custe máis elevado que a subscrición para a súa lectura nun ordenador tradicional, o que pode desalentar a compra e o uso deste novo soporte no que os xornais teñen postas moitas esperanzas. Outra das críticas refírese a que o feito de pagar polo xornal non significa que se deixe de incluír publicidade nas páxinas, o que sería desexable seguramente, aínda que neste caso se pode contraargumentar que as edicións impresas -igualmente de pago- tamén teñen publicidade nas súas páxinas.

Porén, o modelo, que procura un equilibrio entre o cobro polo traballo xornalístico de calidade e o mantemento das altas cifras de tráfico esporádico e procedente de buscadores, recibiu louvanzas dende outros moitos expertos, como Paul Bradshaw, que o cualificou como “o modelo de pago máis maduro, intelixente, e comercialmente sensato até o momento”. Hai quen afirma, ademais, que o NYT non podería ter escollido un mellor momento para o lanzamento da súa edición de pago online. Para estas opinións o contexto actual para a prensa de calidade é máis favorable, en primeiro lugar, pola irrupción e o grande éxito colleitado polo iPads e tabletas, que necesitan encherse de contidos, por así dicilo, os seus compradores necesitan xustificar o gasto realizado. Xa se venderon ao redor de 100 millóns destes aparellos e prevese que en 2014 haxa 400 millóns de tabletas en todo o planeta. O segundo factor positivo é a sucesión de novas de grande impacto a nivel internacional (o tsunami xaponés, as revolucións no mundo árabe, a crise económica, a morte de Bin Laden…), e que están provocando o aumento das audiencias e vendas dos produtos informativos en todos os soportes, e que provocan un meirande interese polos relatos en profundidade e o xornalismo de calidade.

Esta entrada foi publicada en internet, NYT, xornalismo. Garda a ligazón permanente.