A revolución que ninguén esperaba

#acampadasol será a tumba do pasotismo. Non lembro a quen lle lin este tweet. Fíxome gracia pola referencia histórica, e a pesar da súa pretendida inxenuidade, creo que agocha unha boa análise. Nada do que está a suceder xurdiu ex novo hai unhas semanas, todo isto é un produto de anos de continuas frustracións co poder e coas pretendidas alternativas, e produto tamén da paseniña autoorganización da sociedade, dentro e fóra da rede. Un día a cousa estoupou, os muros dos diques comezaron a rachar. É rechamante que, a diferenza de movementos como Nunca Máis ou o Non á Guerra, todo isto non xurdise como resposta a un feito concreto e dramático, senón de maneira máis inesperada. Nobody expects the #spanishrevolution, pero aquí está. Unha revolución que non derrubará estatuas nin traerá a terceira república ao coñecerse o resultado das municipais (cantas parvadas se están dicindo dende a dereita e a esquerda) pero que non ten volta atrás. Unha revolución que é, en boa medida, interior, que se está tendo lugar no interior das persoas que están participando nas manifestacións e acampadas e en milleiros de persoas que aínda non están participando, pero ás que por dentro se lles están remoendo cousas, desmontando conceptos preconcibidos e vellos, vendo que é posible un cambio. Todas as revolucións que houbo na historia eran imposibles até un minuto antes de producirse.

Voume contradicir con algunhas cousas que escribín hai uns meses. Non de forma absoluta, nunca fago emendas á totalidade nin xiros de 180 graos, pero vou matizar algúns conceptos. Creo que é importante, fágoo moitas veces. Desconfío da xente que nunca muda de opinión, e que mesmo considera isto un valor. De feito, normalmente non valoro demasiado un libro que non modifique, aínda que sexa un chisco, a miña forma de ver o mundo. Aquí e aquí escribín cousas como que Internet ten unha capacidade moi limitada para mudar a opinión da xente, debido á debilidade (ao carácter líquido) das conexións que crea. A explicación de que os ciberactivistas participen en tantos movementos a un tempo, en tantas causas distintas, está na debilidade inherente a esa participación e a eses lazos, fáciles de establecer e fáciles de rachar.

De igual xeito, preguntábame se de verdade Internet está mellorando o debate político. E dicía que polo de agora advírtese unha enorme carga de sectarismo, de discursos de consumo interno para os xa convencidos, moitas opinións e poucos debates, e abundan os contidos de guindar a pedra e agochar a man. As comunidades de distinta ideoloxía rara vez se mesturan, non existen foros de debate plurais nin espazos de diálogo onde uns e outros se atopen e coñezan as posicións dos demais. E tamén escribín que o efecto nivelador que Internet ten para as distintas formacións políticas no plano organizativo e de comunicación intragrupal (isto é dificilmente discutible) fica apenas nunha posibilidade aberta no que respecta á difusión real (na sociedade) das súas ideas; de novo Internet non pasa de ser unha ferramenta que debe complementar outro tipo de condicións para se converter nunha verdadeira oportunidade e que Internet pode contribuír, de forma positiva ou negativa. Internet non é máis ca un soporte, o que importa é o contido, o medio non é a mensaxe, é dicir, que Internet non provoca cambios cualitativos.

Recoñézome nestas opinións e podo reafirmarme na meirande parte, con matices. Sigo pensando que Internet non provoca cambios cualitativos, que non chega a grandes masas de cidadáns e que hai unha gran dose de ritualismo, de eslactivismo e de cómodo conforto persoal na meirande parte da actividade activista na rede. Ben, non chega a grandes masas de cidadáns, o mesmo que as seccións políticas da prensa de referencia, pero si que ten importantes efectos para a diseminación de informacións e opinións (e para a xeración de debates racionais e de espazos para a deliberación) para unha elite activista (relays), líderes de opinión nos seus entornos persoais (a mesma elite activista que le ou lía as seccións de política dos xornais). Isto está abondo estudado e teorizado nos fluxos de comunicación en dous chanzos de Lazarsfeld ou nas teorías comunicativas do efecto cascada. De igual xeito, podo manter a crítica de que a meirande parte das interaccións que teñen lugar na rede tenden a facerse con persoas coas que compartimos unha visión do mundo. Creo que non fai falla dicir que na vida real sucede exactamente o mesmo ou peor.

En canto ao eslactivismo (slacktivism, neoloxismo formado a partir da palabra slacker, un termo pexorativo aplicado a aquelas medidas -que normalmente implican pouco esforzo- que unha persoa adopta unicamente para confortarse, aínda que sexa consciente de que non teñen ningún efecto real) das actividades que se levan a cabo na rede, ben, creo que é certo que á marxe deste efecto psicolóxico, que en principio se pode analizar como inocuo, o eslactivismo tería un efecto moi pernicioso ao reducir a actividade política real, ao suplila dalgún xeito e ao ofrecer unha imaxe distorsionada da realidade. Correcto.

Porén, sendo xustos, cómpre analizar as formas convencionais de participación con realismo e concluír que de feito moitas delas tampouco implican unha gran dose de esforzo, serven unicamente como unha forma de gratificación persoal e apenas teñen incidencia nas axendas mediáticas e políticas e nos procesos de toma de decisións. Acudir a unha manifestación si implica unha certa dose de esforzo e ás veces de risco persoal, aínda que non teña apenas incidencia real, e votar efectivamente non é esforzo ningún, pero si ten un efecto importante na realidade. O que sucede é que moitas das persoas que acoden a manifestacións o fan en moitos casos de maneira ritual (sobre todo ás dos 25 de xullo ou primeiros de maio), o mesmo que a xente que asina fisicamente peticións ou manifestos, ou a xente que acode a mitins políticos. É a mesma xente que enche o Obradoiro defendendo o galego e despois non paga por ler medios de comunicación en galego. A hipocrisía e o autoengano viven dentro e fóra da rede.

Internet non é bo nin malo, Internet é a realidade, é un medio de comunicación que está aí e que reproduce as virtudes e defectos da sociedade, os seus sectarismos e pasivididades e tamén as vontades de mudar a realidade e de deliberar para a adopción racional de decisións. Que está a pasar ao redor do movemento #15M? O que pasa, en primeiro lugar, é que os partidos políticos son moito máis débiles do que eran hai dez, vinte ou trinta anos. En parte por erros propios (de todos, sen excepción) e en parte porque a sociedade virou moito máis complexa e as grandes organizacións que a estruturaban (o partido, o sindicato, a igrexa, o xornal…) non teñen xa a capacidade de representala e de servir de espazos de información e integración. Nestes anos, e ao abeiro das novas posibilidades de información e comunicación facilitadas por Internet, emerxeu un grupo moi amplo de cidadáns críticos que non atopan acocho nas estruturas tradicionais dos partidos políticos, como explica moi ben Pippa Norris.

Así, segundo Norris, mentres diminúe o activismo nos partidos, aumenta o que se realiza en variadas formas efémeras de asociación política. De igual xeito, Henrik Bang enuncia o nacemento dunha nova modalidade de actor político, o everyday maker, unha persoa que participa ao mesmo tempo en varios movementos, organizados ao redor de proxectos e obxectivos polos que se interesa máis a nivel persoal que a través dunha ligazón ideolóxica. O que sucede non é tanto un debilitamento uniforme da participación da poboación na política e nos asuntos públicos, senón unha diversificación das vías polas que os cidadáns participan. As votacións ou as manifestacións ou folgas non son as únicas maneiras nas que os cidadáns poden participar nos asuntos políticos. E, por suposto, a actividade online é compatible e compleméntase con outro tipo de accións máis convencionais. Porén, parece que aos partidos e aos medios de comunicación lles custa entender isto, entender que a realidade sobre a que se asentan mudou, e de aí a socorrida pregunta de Quen está detrás de todo isto?

Á hora de reclamar un papel máis destacado para a deliberación democrática e o debate argumentado, cómpre matizar algunhas posicións sostidas por moitos investigadores en comunicación política, que realizan unha énfase excesiva nun mecanismo ideal de adopción racional de posicións políticas en base a unha completa e contrastada información e a un completo proceso de deliberación. Unha pequena parte dos votantes (denominados ideólogos) efectivamente toma as súas decisións deste xeito, o que non quere dicir que o resto da poboación actúe de xeito irracional. Nos últimos anos vénse producindo unha reacción contra a idea de que o público masivo está tan pobremente informado que as súas opinións carecen de contido político real, tal como foi insinuado por varios expertos e líderes políticos. Seguramente debemos falar, en cambio, dunha racionalidade de baixa información, e débense estudar as formas en que os votantes empregan atallos cognitivos, proporcionados en gran medida polos medios de comunicación, para tomar as súas decisións políticas e para basear as súas tomas de posición.

Polo tanto, a gran masa de votantes dispón dunha información limitada pero suficiente para decidir o seu voto; como dicía Gamson en Talking Politics, os cidadáns non son tan parvos nin están tan mal informados. Se fose certo que os votantes non empregan ningún tipo de elemento racional á hora de decidir o seu voto, os resultados das eleccións serían moito máis incertos e os temarios e axendas de políticos, medios e cidadáns serían totalmente distintos. Se isto fose así, as mensaxes elaboradas polos mass-media non terían influencia ningunha e os estudos amosan que isto non é así: aínda que os medios de comunicación non persuaden, non convencen, si conseguen impoñer (aínda que sexa só en parte) as súas axendas, crean estados de opinión e enmarcan nun determinado sentido un tema de actualidade. Cómpre, polo tanto, emprestar máis atención a estas formas ordinarias de atención e participación política. Contradicindo a idea de que a maior parte da poboación non se interesa pola política, na práctica a xente discute sobre política, seguramente non da forma canónica ou cos conceptos que os sectores máis informados empregan, pero discuten.

Os cidadáns non son parvos. Son unha lexión, non perdoan, non esquecen.

Esta entrada foi publicada en 15m, democraciareal, internet e etiquetada . Garda a ligazón permanente.