La Voz de Galicia acentúa a súa caída


Os últimos datos da OJD, coñecidos esta semana, confirman o pronunciado descenso nas cifras de venda de La Voz de Galicia. En xuño o xornal tivo unha difusión media de 88.762 exemplares, case 14 mil menos que os de xuño de 2011 (102.582). A venda directa en quiosco (que non ten en conta subscricións individuais ou colectivas, nin vendas en bloque nin a distribución directa) baixou nunha proporción semellante, algo máis dun 13% nun ano, situándose nos 46.604 exemplares.

Todas as cabeceiras do Estado sofren descensos (agás excepcións coma Público), pero La Voz é, xunto con El Mundo (-18%) e ABC (-14%) a que máis perde. O segundo xornal de Galicia, Faro de Vigo, resiste moito mellor a crise, perdendo apenas un 2%.

Os datos de La Voz son aínda máis preocupantes se botamos a vista atrás e os comparamos non xa cos que acadaba nos anos noventa ou durante a crise do Prestige (con medias anuais superiores aos 110 mil exemplares) senón cos que rexistraba hai tres ou catro anos. En decembro de 2007 La Voz distribuía 103.341, dos que máis de 66 mil correspondían a vendas ao número. O descenso total nestes tres anos é, polo tanto, moi superior, deixando de vender uns vinte mil exemplares menos cada día nos quioscos.

Non é necesario incidir na grave crise económica que atravesan os xornais impresos, con importantes descensos en difusión, apenas paliados con ofertas e promocións e camuflados con distintos mecanismos de distribución atípica, dende repartos gratuítos, venda en bloque a empresas e administracións ou subvencións colectivas. Foi desta maneira como moitas cabeceiras foron disimulando durante un tempo a caída. La Voz de Galicia, por exemplo, pareceu obsesionada nos últimos anos por manter a simbólica cifra dos ‘cen mil’ até que a sangría foi máis importante.

A crise económica xeral aféctalles de maneira grave aos medios de comunicación. O descenso nos ingresos por publicidade nos últimos anos foi abrupta (abonda con comparar o espazo ocupado por anuncios e clasificados nos xornais hai 24 meses e agora) e nin sequera a redución das tarifas animou aos anunciantes. Isto provocou que a estrutura de ingresos habitual na prensa española nos últimos tempos (un terzo de venda directa, un terzo de publicidade, un terzo de promocións e venda de produtos) se transformase nun modelo no que os xornais dependen máis que antes das súas cifras de vendas.

Hai que dicir, como inciso, que na prensa galega este modelo estaba desvirtuado por unha meirande importancia dos ingresos procedentes da administración, superiores aos existentes noutros territorios do Estado. Se ben é certo que La Voz de Galicia era (e segue sendo) a cabeceira, despois de Faro de Vigo, La Opinión e Xornal, menos dependente das axudas públicas (ou dito doutro xeito, a empresa na que estes ingresos son menores en termos relativos), a caída producida noutras fontes de ingresos comezou a mudar esta situación.

Neste escenario de crise económica, ao que se une unha crise de representación e confianza dos lectores e unha crise do propio modelo de negocio das empresas de información, os xornais teñen que reaccionar, teñen que ser conscientes de que o futuro da prensa diaria e de masas está na rede. O papel ficará, pero destinado a medios especializados tematicamente, de nicho, seguramente de periodicidade semanal ou mensual, aínda que pode que as edicións de fin de semana dos xornais manteñan a súa importancia.

O problema é que, polo que se ve, a prensa galega aínda non se decatou no reto ao que se enfronta, e optou por limitarse a defender os seus espazos de dominio, case sempre procurando alianzas co poder político. Mentres, esmorece lentamente. Os xornais impresos galegos, sen excepción, emprestan moi pouca atención ás súas edicións dixitais, pobres esteticamente e en contidos, limitándose a ordenar nelas os textos publicados no papel e incluído moi poucos contidos exclusivos da web, pouco vídeo e nula infografía. Os datos de audiencia das edicións dixitais da prensa galega son realmente cativos (La Voz, por exemplo, que está entre as dez cabeceiras máis lidas no papel, é superada na web por cabeceiras moito menos importantes). Quen non prepare o futuro, quedará polo camiño. La Voz pódese ler no iPad e distribúese en quioscos dixitais (o resto, nin sequera) pero non abonda con iso. Hai que crear, por exemplo, un mercado de publicidade local online. A prensa local galega ten, nos seus ámbitos, as redes comerciais imprescindibles para facelo, e non o está a facer. Xa o farán outros.

Esta entrada foi publicada en internet, prensa, publicidade. Garda a ligazón permanente.

7 respostas a La Voz de Galicia acentúa a súa caída

  1. Pingback: La Voz de Galicia acentúa a súa caída

  2. Sorprenden as cifras en quiosco: Faro 28 mil, La Voz 46 mil. Non é moita diferencia tendo en conta a menor implantación xeográfica do Faro.

    Por certo, atréveste a facer algunha valoración da posible situación de Xornal? (si, xa sabemos que non hai datos OJD, pero hai datos da web, da presenza de anuncios na edición online e escrita, etc.)

    • O Xornal non é un medio sustentable economicamente neste momento. Nin os seus ingresos por venda directa e subscricións (cativos) nin por publicidade (abonda con facer un reconto das insercións) son suficientes para soster esa redacción. A min gústame o Xornal, paréceme un bo produto e espero que se consolide, é das escasas voces alternativas que hai en Galicia. Supoño que dependerá da paciencia do editor e da vontade da comunidade lectora progresista de apoiar un xornal que, lonxe de ser perfecto, por moitos motivos (algúns motivados pola súa debilidade económica) é unha aposta por facer un xornalismo diferente. Boto en falta un meirande desenvolvemento da edición dixital (que é moi pobre), tanto estética como de contidos.

  3. JFK di:

    El gran gurú ha hablado.

  4. Aytor di:

    Me encanta que bajen las cifras… A ver si aprenden a dejar de inventar noticias!

  5. tom di:

    pero mentres o panfleto do pp segue a recibir millonarias subvencións dos nosos cartos que lle da o pp para seguir mentindo, manipulando e tapando a corrupción pepeira

  6. Pingback: LVG: a gran mentira… | ferradura en tránsito

Os comentarios están pechados.