Breivik non está tolo, defende unha ideoloxía

Lin o documento de Anders Breibik ao día seguinte da matanza. Supoño que ler é moito dicir, pois apenas lle dediquei unha hora a revisar as 1500 páxinas do texto, por partes puramente fantasioso, por partes terrible, ao describir detalladamente e en frío como ía levar a cabo os asasinatos, por partes egomaníaco (por exemplo a longuísima auto-entrevista que o pecha). Pero por partes resultaba moi revelador.

Xa se incidiu noutros lugares no paradoxal que resulta que se lle apoña a Breivik a condición de perturbado ou tolo -obvia tendo en conta tanto o que fixo como moitas das cousas que escribiu- que no entanto non se lles aplica a outros terroristas, vinculados de inmediato á ideoloxía que din defender, sexa o fundamentalismo islámico ou o nacionalismo. Breivik ataca principalmente o que denomina marxismo cultural -con orixes variadas, entre as que Breivik destaca a Gramsci, a Lukács ou á Escola de Frankfurt- ao que acusa de estender unha ideoloxía favorable ao multiculturalismo. Breivik defínese como “conservador revolucionario” e “economicamente liberal”, ao tempo que sitúa a Escola de Viena coma o seu principal referente: “Cultural conservative, revolutionary conservative, Vienna school of thought, economically liberal“. Se quixesemos ser demagogos, poderíamos estender sobre estas ideoloxías parte da responsabilidade do sucedido.

Pero o que máis me interesou do texto de Breivik foi a atención que empresta en todo momento á accion dos medios de comunicación, en especial dalgúns que el sitúa na órbita dese marxismo cultural. Breivik acusa aos medios e aos xornalistas de ser o principal instrumento da extensión das ideas de tolerancia e multiculturalismo que el detesta e de atacar o seu pensamento conservador, nacionalista e capitalista: “the Marxist (cultural Marxist) revolutionary disciplines (disciplines of the Frankfurt school) are not limited to sociology, however; philosophy and journalism are highly affected by the same level of Marxist indoctrination. Their academic weapons are to deliberate spread their falsified and corrupted Marxist world view through statistics, reports and articles with the aim to glorify the Marxist/multiculturalist world view and to effectively undermine nationalistic/conservative/capitalist thought. These individuals must not be underestimated as they are usually very influential in society (which is the reason why 95% of them are categorised as category B traitors)“.

De feito, sitúa tanto a profesionais coma a redaccións e facultades de comunicación e congresos científicos como obxectivo principal dos seus ataques, ao mesmo nivel que parlamentos e mesquitas: “Any Western European state media channel HQ (cultural Marxist/multiculturalist propaganda centers). Any mainstream Multiculturalist media HQ (preferably left wing). Certain university/college faculties; faculty of journalism, sociology, political science. Also faculties housing so called ‘diversity or middle eastern studies’. These are notorious cultural Marxist/multiculturalist nests for tomorrow’s leaders“.

Ao ler isto veume a cabeza outro texto, redactado hai uns 35 anos: o informe da Comisión Trilateral -formada por institucións, empresas e intelectuais dos Estados Unidos, Europa e Xapón co obxectivo de asegurar o dominio dos valores capitalistas occidentais- elaborado en 1975, que alertaba sobre o “perigo” que para a estabilidade do sistema supuña a excesiva autonomía dos xornalistas e dos propios medios de comunicación. A Trilateral celebrou unha importante xuntanza en maio de 1975, xusto despois da revolución portuguesa, e coa perspectiva dunha vitoria electoral da esquerda (cunha importante presenza comunista) en Italia e Francia. Na reunión acordáronse unha serie de recomendacións que comezaron a ser exercidas despois da vitoria de Carter en novembro de 1976: descentralizar a administración pública, converter os Parlamentos en órganos máis técnicos e menos políticos, personalizar o poder para estimular a identificación dos cidadáns e reducir as súas esixencias de participación, diminuír a influencia dos xornalistas nos medios de comunicación, reducir os recursos financeiros postos a disposición das Universidades… Toda unha folla de ruta aplicada polo pensamento conservador e o neoliberalismo nas décadas seguintes.

A respecto dos xornalistas, o texto da Comisión advertía de que estes profesionais “posúen un papel crucial como definidores dunha das dimensións centrais da vida pública. Por tanto, os medios convertéronse nun poder autónomo. Falouse moito sobre o cuarto poder, pero na actualidade estamos a ser testemuñas dun cambio crucial polo que a profesión tende a autogobernarse, de maneira que resiste as presións dos intereses financeiros ou gobernamentais”.

E o informe centraba as súas preocupacións, ao igual que Breivik, ademais de na acción autónoma e non controlada dos xornalistas, no perigo do ensino universitario libre e da investigación autónoma: “at the present time, a significant challenge comes from the intellectuals and related groups who assert their disgust with the corruption, materialism, and inefficiency of democracy and with the subservience of democratic government to “monopoly capitalism”. The development of an “adversary culture” among intellectuals has affected students, scholars and the media (…) In some measure, the advanced industrial societies have spawned a stratum of value-oriented intellectuals who often devote themselves to the derogation of leadership, the challenging of authority and the unmasking and delegitimation of established institutions”.

Breivik está tolo e o seu opúsculo -se hai que facelo- hai que lelo entre liñas, na procura das súas fontes, na procura da base ideolóxica que espertou nel tamaño odio e que o proveu dunha caste de xustificación para levar a cabo unha acción tan criminal e terrible. No seu texto hai auténticas barbaridades, pero unha boa parte das súas ideas e do proxecto de Europa cristiana, branca e neoliberal coa que soña é asumida nos seus discursos e programas por moitos partidos conservadores do continente, e non só pola Liga Norte italiana.

Esta entrada foi publicada en revolución conservadora, xornalismo. Garda a ligazón permanente.