O peche do Xornal e a inexistencia de Galicia

A comezos da década dos oitenta Esquerda Galega advertía nunha das súas ponencias políticas que “a ausencia dunha auténtica rede de comunicación (creación e difusión de información, de contidos artísticos, literarios e científicos) de ámbito galego frea a aparición dunha opinión pública galega capaz de propoñerse problemas e prioridades e de debater criterios e alternativas para o seu país. A relación social de comunicación é imprescindíbel para o autorrecoñecemento da colectividade galega como comunidade nacional diferenciada, con problemas específicos frente ao Estado, e tamén con contradicións internas propias como corresponde a toda sociedade”. Trinta anos despois a situación mesmo empeorou, segue sen haber un espazo galego de comunicación e apenas hai en Galicia medios de comunicación en galego ou que nin sequera interpreten a realidade en clave de país. Os peches de Vieiros, na rede, e de A Nosa Terra, Galicia Hoxe e Xornal, no papel, son unha mostra das dificultades impostas polo contexto, pero tamén da debilidade, egoísmo e conformismo da tan reclamada sociedade civil galega.

Na súa tese de doutoramento sobre a construción da identidade catalá na prensa da Transición Xavier Giró Martí analiza as cabeceiras na medida na que toman a Catalunya ou a Madrid como centro e no espazo que constitúe o foco do seu interese. Giró Martí afirma que mentres que El País mira a periferia dende o centro, El Periódico mira o centro dende a periferia, La Vanguardia ve a periferia dende o centro (malia estar fisicamente na periferia), e finalmente o Avui mira o seu centro (Catalunya) dende o centro (Catalunya). Todos os indicios apuntan a que a sociedade galega non é abondo madura para soster e consumir medios de comunicación que teñan a Galicia como centro do seu discurso informativo, é dicir, que observen o mundo dende o seu centro (Galicia), haberá que comezar a asumir que isto é así, que non damos para máis. Somos febles, miramos só polo noso, malvendemos os nosos compromisos á primeira oferta -por cativa que sexa-, e en realidade todo isto que proclamamos con tantas palabras impórtanos ben pouco.

É moi habitual que en situacións coma esta se multipliquen as reaccións de a) queixa e xustificación nos ataques do exterior, ou b) autoflaxelación e invocación e dúbidas sobre a forza da sociedade civil (como a miña). Non valen de moito nin unha reacción nin a outra. Cómpren respostas propositivas e concretas. Se se analizan os distintos proxectos comunicativos con discursos galeguistas que agromaron e morreron na Galicia das tres últimas décadas, hai que chamar a atención tamén sobre os erros de xestión que existiron en todos os casos, canda ás dificultades impostas pola ausencia de apoio dos poderes públicos e o nulo interese emprestado polo empresariado galego.

Pero tamén hai que poñer o foco na incapacidade da sociedade galega máis activa e consciente da súa identidade para xerar medios de comunicación que os representen, que dean voz aos actores ocultados polos demais medios e que poidan supoñer un contrapoder. É a incapacidade de xerar unha modernidade galega, unha visión do mundo contemporánea, propia do século XXI pero que parta da identidade de noso. Xa a finais dos anos oitenta unha outra ponencia política de EG advertía que “a modernidade chegou á sociedade galega, pero chegou eivada por grandes fenómenos desnaturadores. Non foi produto dunha evolución interna, que partira do propio e se contrastara e beneficiara da necesarias e inevitábeis influencia externas. Pola contra, a modernidade cultural chegou a Galicia da man da dependencia económica e a subordinación política e baixo o consecuente dominio cultural dunha fala castelá, empobrecedora por allea”. Nada se avanzou -todo o contrario- dende entón.

A principal achega de Gramsci estivo centrada no proceso necesario para acadar a hexemonía -o dominio e a dirección intelectual e moral da sociedade-, que ten sempre o seu cerne na superestrutura para a constitución dun bloque histórico -unha unidade de forzas sociais e políticas diferentes-, que se forma e se mantén unido a través da concepción do mundo que ela trazou. Gramsci estaba convencido de que “un grupo social pode, e tamén debe ser dirixente xa antes de conquistar o poder gobernamental” e neste proceso os medios de comunicación xogan un papel fulcral, o mesmo que a cultura e en xeral todas as vías de xeración e diseminación de discursos. Galicia non existirá sen medios de comunicación que a entendan como espazo uniforme e diferenciado.

A nación debe ser entendida, polo tanto, como proceso de construción nacional, como categoría práctica non reificada. A nación non é outra cousa que un proceso de construción de significados (meaning work) e dun espazo político para a participación democrática, unha loita sobre a produción de ideas e significados de mobilización e contramobilización. Nos últimos anos diversos autores investigaron a importancia da acción dos medios de comunicación de masas para a construción nacional. Por exemplo, Philip Schlesinger analizou a o papel desempeñado polos medios no proceso de devolución da autonomía política de Escocia nos anos noventa: “Os media escoceses (imprensa, rádio e televisao) desempenharam um papel fundamental na manutençao do assunto da devoluçao na agenda, tanto antes da criaçao do Parlamento como posteriormente em moldar as percepçoes públicas do novo desenho constitucional que saiu das eleiçoes de 6 de Maio de 1999”. Porén, en Galicia o nacionalismo e o galeguismo foron incapaces nos últimos trinta anos de xerar un discurso equivalente que fose quen de mobilizar a maioría dos galegos, xerando un sentimento amplo de pertenza a unha comunidade nacional.

Vanse perdendo batallas e desaparecen as febles estruturas que existían, nunha caste de demolición. Para os medios de comunicación ábrese nestes anos un reto que mudará o seu rostro nas vindeiras décadas: a transición completa aos soportes dixitais e a reformulación dos modelos de negocio das empresas informativas. Para ben ou para mal ese é o escenario e nalgúns aspectos devolve a carreira á casilla de saída. Lois Pereiro escribiu que a demolición é o ferro que nos arma. Os medios cun discurso centrado en Galicia teñen na rede o novo campo de batalla, se cadra o derradeiro.

Esta entrada foi publicada en prensa, xornalismo. Garda a ligazón permanente.

3 respostas a O peche do Xornal e a inexistencia de Galicia

  1. Xa comentei noutros foros as túas ideas, Marcos. Non me vou repetir aquí. Tan só repetirei que o problema non único pero primordial é político. Ningún discurso político atrás de todos eses medios era válido para alcanzar a unha maioría da sociedade da galega, for de corte galego, for de corte progresista ou ambas. Fronte a esta realidade o primeiro que cómpre é un novo discurso e un novo instrumento políticos. Ninguén hoxe por hoxe nas organizacións políticas galegas está facultado para emprender ese traballo, porque ningunha comprende o País desde hai polo menos 10 anos. Paréceme así que calquera medio de comunicación que pretenda realizar por si só ese traballo que compete á esfera do político estará condenado a ser minoritario e minorizado.

  2. xos di:

    Teñamos en conta tamén o impacto da rede (ese último campo de batalla), na prensa escrita. É tan feble a prensa galega (era, agás de Luns a Venres, por gratuíto e pertencer a un grupo non nacionalista ou progresista, xa veremos que pasa con este medio) que é a primeira en desaparecer, a primeira en caer. Pero nos próximos 10, 15, 20 anos, xornais senlleiros de moitos países diferentes cambiarán ou desaparecerán para sempre.

    O do Xornal, cando les algúns comentarios de xente nacionalista, é desacougante, pois dicían que era un medio vendido, con pougo galego, e aínda por riba, dun só empresario (como se os medios progresistas fortes que hai no mundo foran de cooperativas, vaia). Penso que era un medio para ler e mercar, por un euro, carallo, pero non recibiu ningún apoio nos kioskos por parte dos potenciais lectores. Parece que os nacionalistas esperan que chegue ese medio marabilloso que defenda e defina o país e sexa moi de esquerdas e brillantísimo… pois xa poden esperar. Non é que a esquerda nacionalista non entenda o país desde hai 10 anos, é que non hai intelixencia na esquerda nacionalista desde hai 10 anos.

  3. Tasia di:

    Eu teño a impresión de que na esquerda nacionalista, como no resto da sociedade galega, hai unha falla de recoñecemento d@ outr@ autodestrutiva, polo que se ve, practicamente suicida. O mesmo na política que na cultura ou en calquera outro tipo de movemento social ou asociativo. Cada quen está para o seu e o do resto non lle vale, sempre ten algunha pexa que poñerlle. Ao final, e se ve claramente cando participas en actos sociais, todo acaba convertido nun club de amigos onde están sempre as mesmas persoas amosando un individualismo que fai que calquera proxecto colectivo con especiais dificultades, como aqueles relacionados coa defensa da lingua e cultura propias, por minoritarias, sexa inviable. Xa non facemos uso do tan manido “minifundismo” para analizar os problemas dos movementos sociais, culturais e políticos do noso país pero eu creo que segue aí. Se queremos utilizar outros termos podemos falar de sectarismo, chamémoslle X, pero o caso é que atravesa a sociedade toda. O simpático é que todo o mundo ten claro o problema e máis a solución pero agora desaparece o galego dos xornais escritos e aquí paz e despois gloria. Iso si, temos un lote de blogs e páxinas no facebook, pero coidado, hai que escoller ben, a ver se metes un “gústame” na que non é!. Isto é o que vexo eu aínda que siga sendo nacionalista porque non escollín nacer galega así que acepto o que hai aínda que non me guste pero quero melloralo porque teño dereito a vivir nunha sociedade mellor e, malia todo, encántame ser galega.

Os comentarios están pechados.