A forza dos lectores

A finais da década dos oitenta Xerais comezou a empregar o lema “A forza dos lectores”, salientando que a editorial se construía dende abaixo, emerxendo, coas achegas dos autores e das persoas que mercaban os libros publicados. O lema, como todas as apelacións que se adoitan facer ao dinamismo da sociedade galega, pecaba dun punto de inxenuidade, pero reflectía de maneira positiva a vontade de construír de maneira colaborativa, coa forza dos lectores e da cidadanía, estruturas e espazos culturais de noso, alternativos ao sistema castelán.

Os medios de comunicación representan sempre un grupo social entendido como conxunto de lectores que se senten representados na maneira de ver o mundo dese medio, na lingua empregada, nos temas que considera relevantes ou nas interpretacións e análises prospectivas dos distintos procesos sociais. Un medio de comunicación é un produto, que se ben non é equiparable á outras producións materiais e simbólicas pola súa función política e de creación de discursos sociais, require, ao igual que outras producións, de ingresos económicos para o seu funcionamento. Isto é unha obviedade. Non me quero repetir ao dicir novamente que un xornal, ou ben o sosteñen os lectores, ou ben o sostén a publicidade, e quen paga manda.

Haberá quen apunte que en Galicia hai medios de comunicación sostidos artificialmente, a través de achegas de financiamento público determinado pola afinidade ideolóxica. E é certo. O mercado de prensa en Galicia é artificial, é irreal, non está determinado pola calidade dos xornais nin pola súa aceptación social. Esa, a reclamación de que as axudas á prensa se rexan por criterios obxectivos e non suxeitos á obediencia política, é unha pelexa que haberá que seguir dando. Pero mentres hai que ser conscientes de que se o grupo de persoas que aparentemente reclamamos medios de comunicación en galego, ou medios de comunicación en clave de país, ou medios de comunicación de esquerdas, imos ter que establecer un compromiso que vaia máis aló das palabras, dos manifestos ou das manifestacións. Un compromiso económico.

Non me refiro a grandes achegas, falo de que unha comunidade de lectores máis ou menos ampla e activa: mil, dúas mil, tres mil persoas, achegue unha cantidade asumible por todo o mundo (50 euros, por exemplo, dous euros cada mes) para soster un medio de comunicación, ben como subscrición, ben como achega voluntaria. Ese camiño, a forza dos lectores, é o que parece ter escollido Sermos Galiza, e tamén Son Radiofusión. Pode facerse mellor ou peor, e o chamamento pode obter resultados ou non, pero ese é o camiño. É, a través de subscricións, o que permite sobrevivir, aínda que sexa de maneira precaria, a Tempos Novos (case dous mil asinantes) e Novas da Galiza (ao redor de mil).

Xa dixen algunha vez que no novo escenario dixital, os medios deben entender que os mecanismos de financiamento mudan totalmente. Deben entender que para sobrevivir deben buscar unha promiscuidade de ingresos que inclúa pago por lectura e subscricións (como comezan a facer os grandes xornais de referencia en todo o mundo), crear hábitos e mercados para a publicidade local (procurando fórmulas publicitarias innovadoras e axeitadas ao seus contexto), facer campañas de apoio entre os seus lectores, e mesmo procurar outras vías de obtención de ingresos, dende a publicación de medios de nicho ou a produción de contidos para outros medios.

Se non hai este compromiso real se cadra teremos que asumir que a sociedade galega non quere ou non necesita este tipo de medios de comunicación, e polo tanto deberemos concluír que as manifestacións públicas de dó, e as mobilización a prol da lingua son unha mostra de hipocrisía. Ou concluír, no mesmo sentido, que esa sociedade civil galega en realidade está moi cómoda lendo, mercando e lendo o seu nome ou o do seus colectivo ou sigla en La Voz ou no Faro. Se cadra o problema é ese e todo o demais é literatura. Eu, que son un inxenuo, vou pensar que non é totalmente así.

Esta entrada foi publicada en internet, xornalismo. Garda a ligazón permanente.

9 respostas a A forza dos lectores

  1. Fran P. Lorenzo di:

    o que dis paréceme cabal e xusto, eu tamén quero pensar que a xente non mata por saír nas páxinas do Faro e da Voz e fago esforzos por relativizar esa evidencia 😉

  2. Sou da opinión de que continuar co pranto pola inmadurez da sociedade á hora de soster medios propios non é ningunha solución e é contraproducente.

    A sociedade galega sustenta mal que ben (subsidios encubertos á marxe) bastantes medios.

    O problema é pretender soster medios cunha liña editorial, unha ideoloxía, unha lingua… que son minoritarias, cuxo público potencial máximo é moi limitado. Pódese aspirar a expandilo a través do propio medio, pero coido que é un erro de base actuar así.

    A dereita sustenta varios medios. O localismo sustenta varios medios. Por que non habería lugar a un segundo gran medio de ámbito galego como pura, simple e modesta contraposición ao monopolio de LVG? Porque se erra co marco unha e outra vez.

    Axuda a fragmentación e o cainismo da esquerda, pero o principal problema é que non se constrúe ese novo medio galego sobre un públicos potencial amplos ou extensos, que por definición non se van identificar con ofertas minoritarias. Abúsase do contido e da visión política e partidaria, explicítase con furor e á mantenta. Non se identifica ben o target en termos de mercado e pártese do público que se quere en vez do que hai. Equivócanse os contidos, as promocións e as chiscadelas.

    Ademais xestiónase de pena. Xornal: un furado de 3 millóns de € anuais para 45 empregados. Iso sae a 66.666,67 € de perdas anuais por traballador. É que alguén pensaba que este proxecto e o seu posto de traballo era sostible?

    • Estou de acordo contigo, Carlos, en que este discurso (meu) non é demasiado produtivo. Interésanme máis, polo tanto, os discursos propositivos, e as análises para axeitar os proxectos xornalísticos coa sociedade e co público obxectivo. É dicir, non preguntarnos “como debería ser a sociedade” senón “como deberían ser os proxectos”.

  3. María di:

    Non teño claro que en internet a comunidade de lectores disposta a pagar sexa a mesma que a que le, e con ese diferencial hai que xogar. En papel un modelo de tres mil lectores-pagadores pode valer (a Xornal non lle valeu), pero na rede tes que ter moitos máis lectores (non é difícil, Vieiros creo que andaba polos dez mil na última época), para que, como di Fran, a xente queira saír no xornal e note unha verdadeira influencia fóra do seu círculo.

    Nun xornal dixital hai lectores ocasionais, lectores diarios, usuarios rexistrados, lectores suscritos vía RSS, comentaristas, lectores que escriben cartas ao director, lectores que escriben mails para matizar ou corrixir noticias, e no tope da pirámide, lectores aos que lles gusta participar enviando información e artigos, colaborar activamente con traballo.

    Non sei en que parte da pirámide se pon o listón dos que estarían dispostos a pagar porque teñen un gran compromiso co medio, ou un grande interese nel. Probablemente nos comentaristas, que son os que empezan a formar a comunidade activa. Pero esa comunidade para estar activa e motivada ten que ser consciente de que o produto chega a fóra desa comunidade, de que ten influencia e de que non é só para a satisfacción da propia comunidade, e de que ese é o único xeito de que a comunidade activa, e polo tanto o capital, creza. Sexa para seguir financiándose só co pagamento por parte dos lectores, ou para que un modelo mixto, que é o que sempre triunfou, teña éxito e o xornal ao final se convirta ademais nun bo soporte publicitario, interesante para a comunidade máis ampla, a de todos os lectores.

    Se non se pensa neses distintos tipos de lectores, e se apela aos lectores como bloque (asimilándoos ademais á sociedade civil), teño medo a que só participen os de sempre. E a que o produto acabe deseñándose só para os que pagan, non para os que inevitablemente (e desexablemente) o van ler sen pagar, e que serán ao final un dos principais valores de influencia e relevancia do xornal.

    • Interesante reflexión. É certo que na rede hai distintos tipos de lectores, algúns máis fieis e outros máis ocasionais. Lin algunha vez unha comparación cun avión no que uns pasaxeiros pagaron vinte euros pola pasaxe, outros sesenta e outros van en primeira e pagan 200, pero é o mesmo avión. É certo que sería un erro dirixirse unicamente a un colectivo de mil, dous mil ou cinco mil asinantes, precisamente porque a importancia dun medio se medirá pola súa calidade pero tamén pola súa capacidade de influencia social, tamén nos sectores lindeiros e nos antagonistas. Vieiros chegou a medias de 25 mil lectores diarios, dos que podemos facer hipóteses de cantos poderían ter estado dispostos a apoialo economicamente.

      Mentres NYTimes optou por cobrar, mesmo a custa de perder lectores ocasionais, The Guardian preferiu manter a gratuidade e gañar influencia cuantitativa (é un dos 20 xornais máis lidos nos Estados Unidos grazas a isto). Fórmulas hai moitas, hai que experimentar e escoller a máis axeitada a cada contexto e a cada produto.

  4. xos di:

    ¿E cómo sobreviviu A Nosa Terra durante o Fraguismo, e agora non?
    Home, teño claro que a edición era máis barata, pero vaia, é para analizalo, porque desde logo, non era un medio aberto a un lector que non fora nacionalista.

    • Creo que o nacionalismo é hoxe moito máis débil do que nos anos oitenta ou noventa. Pero tamén é outro factor: A Nosa Terra fixo en moitos momentos moi bo xornalismo, o mesmo que hoxendía Novas da Galiza ten mil subscritores grazas a un xornalismo valente e á marxe.

      • xos di:

        É unha mágoa, porque podería reunir certas características boas para o mundo de hoxe. Un semanario en papel con información diaria na rede. En lugar dos cambios que fixeron no seu momento, unha fusión con vieiros e manter a edición anterior tería sido mellor (que doado é dicilo agora)
        Pero iso é pasado, agora hai que apoiar o que xurda con intelixencia.

Os comentarios están pechados.